Recomendan incrementar a vacinación para facer fronte aos serotipos 3 e 8 da lingua azul

O comité da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria determina que o factor máis decisivo de expansión do virus é a baixa cobertura de vacinación e advirten que o período de maior circulación do vector de transmisión se dá entre os meses de setembro e novembro

Revacinación fronte á EHE esta primavera na gandería Casa Louzao

O comité da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria de España (RASVE) mantivo esta semana unha reunión para intercambiar información e avaliar as medidas para facer fronte a enfermidades que no último mes afectan de maneira especial ao territorio español, en particular a lingua azul, nos animais ruminantes, e a influenza aviaria.

En canto á lingua azul, o comité RASVE mostrouse preocupado pola baixa cobertura de vacinación e considerou a importancia de continuar co labor de sensibilización do risco de infección en toda a península, xa que non hai restricións aos movementos e é previsible que a actividade do vector aumente durante os próximos meses, pois o período setembro-novembro é o que adoita presentar maior incidencia.

O período de setembro a novembro é o que presenta maior incidencia polo incremento de actividade do vector de transmisión

Por iso, o comité recomendou vacinar o antes posible fronte aos serotipos máis virulentos e con especial énfase en ovino, pero tamén en bovino, dado que os serotipos 3 e 8 cursan con clínica, e desta forma axúdase a controlar mellor a circulación, o que ao mesmo tempo facilitará os movementos de animais.

O comité recomenda tamén revacinar fronte ao serotipo 3, aínda que non transcorrera un ano desde a última dose administrada, para diminuír os problemas que se detectaron en explotacións xa vacinadas.

Recomendan revacinar fronte ao serotipo 3, aínda que non transcorrera un ano desde a última dose administrada

O comité RASVE revisou os datos e a situación epidemiolóxica da lingua azul en España desde a aplicación da Orde APA/229/2025, que estableceu un cambio significativo de estratexia no programa nacional. Este cambio foi aprobado polo comité RASVE tras a constatación da existencia, a partir de setembro de 2024, de até catro serotipos diferentes da enfermidade (1, 3, 4 e 8) e tras sopesar as dificultades que nese momento existían no necesario desenvolvemento de vacinas, especialmente fronte ao serotipo 3, para a súa aplicación e as implicacións no comercio interior dos animais.

Sen restrición ao movemento de animais

Basicamente, pasouse dun programa de control e erradicación, máis restritivo, a un baseado na vixilancia. Este cambio permitiu o movemento libre dos animais en todo o territorio peninsular, coa recomendación do uso da vacinación, pero sen ser obrigatoria. Tamén estableceu un sistema de notificación de focos máis simplificado. O comité reafirmouse en que se manterá a situación actual porque outorga flexibilidade ás producións e aos movementos animais.

A vacinación, que non acada nin de lonxe a cobertura óptima do 80% en ningunha comunidade, seguirá sendo voluntaria

Os datos dispoñibles revelan que, nesta tempada de actividade vectorial, desde o pasado mes de abril, os serotipos 3 e 8 practicamente circulan por toda a metade oeste peninsular. Até o momento unicamente non se detectou circulación vírica en Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana e nas provincias de Valladolid, Guadalajara, Cáceres e Cuenca.

O comité RASVE determinou que ademais dos movementos libres de animais e da propia actividade do mosquito vector, o factor máis decisivo de expansión do virus foi a baixa cobertura de vacinación na cabana, a pesar do esforzo realizado pola maioría das comunidades autónomas en facilitar a dispensación. Aínda que existen diferenzas de porcentaxes de cobertura vacinal entre territorios e especies, en ningún caso se acada unha cobertura óptima, que os expertos sitúan por riba do 80%.

Situación da gripe aviar ante o aumento de casos en animais salvaxes en Andalucía

O comité da RASVE é un órgano colexiado creado mediante o Real Decreto 1440/2001, do 21 de decembro, polo que se establece o sistema de alerta sanitaria veterinaria e a coordinación en materia de sanidade animal, que é o encargado do estudo da situación e evolución das enfermidades animais e de aprobar as medidas necesarias para facelas fronte.

Este comité, que preside o director xeral de Sanidade da Produción Agroalimentaria e de Benestar Animal, está formado polos directores xerais con competencia en sanidade animal das 17 comunidades autónomas.

O comité RASVE analizou tamén na súa reunión desta semana a situación epidemiolóxica dos últimos focos de influenza aviaria. No que vai de ano detectáronse en España un total de catro focos en aves de curral (dous en Castela-A Mancha, un en Estremadura e outro en Andalucía), un foco en aves cativas no País Vasco, e máis de 30 casos en aves silvestres en Estremadura, Castela e León, Galicia, Asturias, País Vasco, Cataluña e Andalucía.

Debido ao aumento de casos en aves silvestres, a probabilidade de que aparezan novos focos en aves de curral é maior

Debido ao aumento de casos en aves silvestres, esta semana con animais mortos en parques de Sevilla, a probabilidade de que aparezan novos focos en aves de curral é maior, polo que o comité RASVE recomenda reforzar as condicións de bioseguridade nas explotacións, especialmente nas zonas consideradas de risco.

O comité destacou a importancia de que a cidadanía observe as recomendacións recollidas na guía de actuacións en fauna silvestre por tratarse dunha enfermidade con implicacións de saúde pública.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información