Dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda despuntar e esfollar as viñas de xeito prioritario para favorecer a ventilación dos acios. No seu último aviso fitosanitario tamén aconsellan manter a vixilancia periódica ante o mildio. Segundo o persoal técnico provincial as condicións meteorolóxicas son moi favorables a este patóxeno. Nas plantas testemuña de Areeiro recolleron xa as concentracións máis altas de esporanxias desta campaña. Tamén observaron un incremento do número de acios enfermos e a súa superficie afectada.
A institución provincial recomenda vixilancia intensa e continua das viñas para analizar a situación da enfermidade e reaccionar ante unha nova aparición de síntomas. Tamén aconsella despuntar e esfollar de xeito moderado, é dicir, deixando follas suficientes para que os acios poidan seguir desenvolvéndose e evitando deixalos ao sol do lado de poñente.
As néboas e a precipitación fina que se deron estes días, unidas a temperaturas elevadas, foron favorables ao avance do oídio. Así, apareceron síntomas en folla e en acio en varias plantas sen tratamento antioídio, aínda que naquelas tratadas non se observaron síntomas da enfermidade.
Ademais, nas follas recollidas por Areeiro atoparon ninfas intermedias de Scaphoideus titanus, o cidadelido transmisor da flavescencia dourada polo que o organismo recorda que é obrigatorio tratar contra o insecto e arrancar ou destruír as plantas afectadas nalgunhas zonas das comarcas fronteirizas con Portugal.
Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas e eliminar, nas zonas afectadas, os ladróns das cepas, xa que as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follas.
Polo que respecta ao black rot, dende Areeiro aconsellan manter a vixilancia e procurar eliminar vides abandonas próximas ás viñas en produción. E en canto aos ácaros empezan a observarse síntomas de erinose de verán e avanzou o número de plantas afectadas por síntomas de acariose.