
Racimos excesivamente deshojados. Foto: Areeiro
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, lanza novos avisos ante as situacións observadas nas súas parcelas de seguimento e outras visitadas ao azar.
En todo caso, os técnicos lembran que “aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos”.
Velaquí as recomendacións dos técnicos de Areeiro para os vindeiros días:
Estado fenolóxico:
K – (L) Baggiolini; (73) – 75 – (77) BBCH
Os últimos días da semana precedente caracterizáronse por unhas temperaturas propias do verán, con rexistros máximos moi altos, por riba dos 30ºC, e mínimos na contorna dos 20. E tamén estes días as temperaturas están a ser altas e o tempo solleiro durante varias horas ou a totalidade da xornada segundo as zonas. Deste xeito, unha vez máis observamos un avance significativo na fenoloxía das vides, que en albariño (e tamén noutras variedades) está plenamente en “grans tamaño chícharo” e que está a acadar o peche do acio, como se pode ver nalgúns predios de calquera comarca
Ademais, tamén notamos esta semana que a heteroxeneidade no desenvolvemento dos acios dentro da mesma planta ou entre plantas do mesmo predio, á que nos referimos en repetidas ocasións ao longo da campaña, practicamente desapareceu, o que coincide coas apreciacións doutras campañas.
Mildio:
(….) Nesta semana a combinación de temperaturas elevadas coa alta humidade relativa e coa humidade foliar derivada das néboas deu lugar finalmente a condicións moi favorables ao mildio desde días diferentes
segundo a zona.
Malia esta situación, as viñas das nosas parcelas de seguimento (algunhas con más de 2 semanas sen tratamento algún, como as de Sanxenxo) e tamén dos predios que imos revisando ao azar nos nosos percorridos, presentaban un excelente estado sanitario en xeral cos tratamentos que se van realizando.
Proba este bo estado son as baixas capturas de esporanxios no captador de Sanxenxo, onde a cifra promedio foi de 11/m3 e o valor máis elevado, 36/m3.
Porén, temos que destacar como excepción a nosa viña de Areeiro, que mantemos case sempre sen tratamentos para comprobar a evolución natural do parasito e na que varias filas non se tratan a modo de testemuña: aquí, xa o propio luns día 15 tiñamos unha elevada presenza de síntomas novos do patóxeno, en especial nos acios pero tamén en folla.
Tamén na nosa finca se recolleu un número tan elevado de esporanxios (ata 1530/m3 o propio día 15) que nos obrigou a realizar unha intervención inmediata, excluíndo as filas que nunca se tratan, para conter ata certo punto o avance da enfermidade e seguir dispoñendo destas plantas para o seguimento. Coa aplicación realizada baixou de xeito case inmediato a cifra de capturas, que a día de onte aínda se mantiña cerca dos 500 esporanxios/m3.
Por outra banda, en viñas das que descoñecemos o historial de intervencións tamén observamos algún que outro acio con algún gran afectado, incluso manifestándose xa en forma de mildio larvado debido ao tamaño da uva.
Tamén nos informaron de focos máis ou menos illados con bastantes síntomas, non só da nosa provincia senón tamén da Ribeira Sacra ou do Ribeiro. Nalgúns destes focos a variedade era albariño pero noutras no, como se pode comprobar nas seguintes imaxes, cedidas polos seus autores.
As diferentes previsións meteorolóxicas consultadas mentres se redacta esta información, anuncian que case con toda probabilidade chegará unha vaga de calor que afectará tamén a Galicia, con temperaturas altas ou moi altas e incluso extremas tanto nas horas diúrnas como nas nocturnas. Ademais, os ceos non estarán de todo limpos e pode haber alternancia de nubes e claros, néboas máis ou menos densas e as consabidas treboadas de verán, que poderán descargar en calquera punto, co que hai bastante incerteza neste sentido.
Porén, só con darse a combinación temperaturas nocturnas altas máis humidade (ben sexa esta a causa das néboas ou das treboadas), salvo que o patóxeno se vexa moi desvitalizado polas temperaturas extremas do día, o risco de mildio será moi alto e por iso convén manter a viña protexida e aínda así vixiada para detectar a potencial aparición de novos síntomas, en cuxo caso haberá que renovar a intervención.
Oídio:
Malia que houbo temperaturas moi elevadas a finais da semana anterior, non foron suficientes para desvitalizar ao fungo, o que se pode producir con rexistros superiores, sempre falando a nivel da viña, a 40ºC. Ás temperaturas altas pero insuficientes para frear o patóxeno hai que engadir a presenza de néboas densas, moi favorables ao fungo, e a elevada sensibilidade da uva ata que os acios estean completamente pechados, para obter a situación observada esta semana: presenza de oídio en follas e acios das plantas testemuña e tamén algún ataque moi puntual en plantas tratadas de predios moi frondosos e sombríos.
Aínda que de momento non se pode garantir con total seguridade, os modelos meteorolóxicos anuncian altas probabilidades de vaga de calor, que como todos os episodios deste tipo, ten que durar polo menos tres días. Os valores máis altos que se acaden en cada lugar poderán axudar a predicir a evolución do ciclo do fungo, no sentido de que se son suficientemente elevados a nivel dos acios o risco diminuirá pero se as néboas que se produzan baixan aqueles rexistros o perigo será alto se as viñas non están adecuadamente protexidas, en especial se a variedade é moi sensible ao patóxeno e as plantas están excesivamente frondosas e con acios moi sombreados.
Lembren a conveniencia de ventilar os acios para evitar as retencións de humidade para protexer os acios fronte aos fungos, ademais de expoñelos á iluminación para que poida engordar a uva. Pero atención: estas labores de esfolla e despunte teñen que realizarse MODERADAMENTE e na orientación correcta para que os acios poidan seguir desenvolvéndose e que non sufran golpes de sol
Avelaíñas do acio
Nunha das nosas trampas do Salnés tivemos esta semana as primeiras dúas capturas de machos de Lobesia botrana da segunda xeración, e nunha do Rosal un incremento bastante importante no número de adultos recollidos, concretamente 17 individuos. A evolución para a semana da actividade desta avelaíña dependerá en parte das temperaturas máis altas que se cheguen a acadar, pois xa a partir de 30ºC os ovos deixan de ser viables porque se desecan e tamén a actividade de adultos e as eirugas se ve limitado.
Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada:
O próximo día 25 cúmprense 30 días desde que se atoparon as primeiras ninfas (N1) do cicadelido dentro do Plan de control e erradicación do fitoplasma causante da flavescencia dourada da Xunta de Galicia, a administración responsable do Plan.
Tendo en conta que o período mínimo necesario para que este insecto adquira o patóxeno ao alimentarse dunha vide enferma e poida transmitilo a unha planta sa é dun mes, xa é o momento para iniciar os tratamentos. Ademais, é posible que as primeiras ninfas nacesen varios días antes da súa detección oficial e, dado que a enfermidade xa está presente na nosa zona, convén actuar con antelación para minimizar o risco de novas infeccións.
Lémbrase que estes tratamentos son OBRIGATORIOS nas zonas demarcadas e RECOMENDADOS nas zonas limítrofes. Na páxina web da Consellería do Medio Rural, dentro de Sanidade Vexetal no apartado “Organismos nocivos de corentena” poden consultar as parroquias nas que é obrigatorio realizar os tratamentos, así como tamén as materias activas autorizadas polo Ministerio, que reproducimos na seguinte táboa (en orde alfabética).
É fundamental realizar os tratamentos mollando axeitadamente o envés das follas, incluídas as dos brotes basais ou chupóns, xa que son lugares habituais de refuxio do insecto. E como en toda aplicación de produtos fitosanitarios, deben seguirse estritamente as indicacións recollidas na etiqueta.
Ademais, a partir de agora aínda toma máis relevancia a recomendación que fixemos a semana anterior: todas as persoas vencelladas ao sector (traballadoras directas de campo, técnicas, comercializadoras…) que se despracen entre as comarcas onde está presente o vector e outras onde non está detectado, deben gardar todas as precaucións posibles para evitar transportar accidentalmente ninfas e/ou adultos a zonas onde non está detectado: non hai que esquecer que o que transmite é unha enfermidade moi grave de corentena e hai que evitar por todos os medios a súa dispersión a novas zonas.
Outras incidencias:
Nalgúns predios, notamos un incremento notable de síntomas de erinose. Ademais, e como estaba previsto, as condicións climatolóxicas destes días provocaron que se visibilizaran síntomas de enfermidades de madeira, así como de escaseza de nutrientes en plantas debilitadas por medrar en solos pobres.
Galego









Control OJD