Recomendan dar o primeiro tratamento preventivo contra a botrite nas variedades de vides máis sensibles

Publicidade
Recomendan dar o primeiro tratamento preventivo contra a botrite nas variedades de vides máis sensibles

Botrite na variedade Treixadura no mes de agosto. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, na que analiza a situación dos viñedos na provincia e ofrece unhas recomendacións de coidados fronte aos principais patóxenos da viña.

Mildio:

Nas revisión que fixeron os técnicos esta pasada semana, tanto ás parcelas fixas como ás aleatorias, “a situación observada foi bastante tranquila, pois en xeral as manchas de mildio das follas e os ataques nos acios estaban aparentemente ben controlados, e tamén os novos crecementos sen protexer estaban sans, limpos de manchas, incluso nas parcelas da nosa rede que levaban máis de dúas semanas sen aplicacións”.

Diferente foi o resultado das observacións ás plantas testemuña e ás abandonadas, pois a enfermidade continuou avanzando, aparecendo síntomas novos, secando gromos, e proseguindo a defoliación das plantas.

A día de hoxe, ningunha das axencias meteorolóxicas consultadas anuncia precipitacións para os próximos días, e si tempo soleado, altas temperaturas e, en xeral, ventos do norte ou nordés, co que o risco de infección será menor.

Non obstante, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro advirten de que “nesta campaña sabemos que moitas viñas sufriron contaminacións que non lograron ser ben controladas, que aínda pode desenvolverse nos acios o mildio larvado, e que pode haber humidade de orballo polas noites”.

Por estes motivos, recomendan que “hai que seguir cun alto nivel de vixilancia e revisar ben as viñas para detectar posibles síntomas novos ou zonas de avance a partir de síntomas anteriores”.

Ademáis, aconsellan non descoidar as prácticas culturais que favorezan o movemento do aire no ambiente das viñas, como retirar follas e controlar a herba, pois a ventilación e a insolación axudan a limitar as infeccións.

Oídio:

Na súa revisión desta semana os técnicos de Areeiro non detectaron cambios destacables canto á presenza de órganos afectados por este fungo, nin tampouco se incrementaron os danos de rachados de grans aos que fixeran referencia a semana pasada.

Sen embargo, insisten en que hai que seguir mantendo a vixilancia e intervir en caso de que se verifique a existencia de novos síntomas, sobre todo en variedades sensibles, dada a complexidade de conter esta enfermidade cando acada certa severidade.

Por outra banda, e ao igual que co mildio, lembran que “a ventilación dos acios é moi importante na redución do risco de oídio, e este ano o desenvolvemento da vexetación é enorme, polo que hai que ir eliminando o exceso de gromos e follas, iso si, sempre moderadamente e con sentido”.

Black-rot:

Na revisión desta semana ás viñas os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro non detectaron ningún síntoma novo, tampouco na viña abandonada da zona de Salvaterra referida no aviso anterior. Manter a vixilanci a é a súa recomendación.

Botrite:

No caso de que se cumpran as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas, nas próximas xornadas non se esperan condicións favorables ás infeccións por este patóxeno. Porén, informan de que “os acios están pechando e este é un dos momentos nos que se xustificaría unha aplicación preventiva nas variedades máis sensibles, en especial se hai feridas de calquera orixe”.

Alteracións da madeira:

Os técnicos da estación pontevedresa lembran que “as temperaturas elevadas contribúen á expresión dos síntomas das chamadas enfermidades da madeira na viña”, e para as próximas xornadas anúnciase que fará calor, polo que “volvemos aconsellar que se marquen as plantas afectadas e que se eliminen aqueles brazos (ou plantas enteiras) mortos”.

Avelaíñas do acio:

Nesta semana os técnicos da Estación de Areeiro recolleron os dous primeiros machos da segunda xeración de Lobesia botrana nunha das trampas que teñen instaladas, non tendo capturas no resto e na mesma viña observaron unha penetración larvaria”.

A súa recomendación: Incrementar a vixilancia aos acios pero non tratar sen facer revisións dos acios, porque moitos dos insecticidas destinados ao control desta praga van dirixidos a algún/s estado/s de desenvolvemento do insecto e por iso intervir sen aquelas comprobacións suporá na maioría dos casos unha perda do tratamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información