Recomendan comezar a aplicar os primeiros tratamentos contra o mildio nas viñas máis desenvolvidas

Publicidade
Recomendan comezar a aplicar os primeiros tratamentos contra o mildio nas viñas máis desenvolvidas

En viñas abrigadas apréciase un maior desenvolvemento esta semana. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

O incremento da humidade dos últimos días e as temperaturas nocturnas máis suaves están a propiciar tanto o crecemento de gromos de moitas viñas como o desenvolvemento de mildio. Así, na Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, pasaron de recoller na semana anterior (ata o día 6) tan só 4 esporanxios de mildio a acumular dende este pasado luns día 11 un total de 47.

Dadas as previsións meteorolóxicas manexadas para os próximos días, podería esperarse que a curto prazo aparezan as primeiras manchas naquelas viñas con brotes xa crecidos. Como indican os técnicos de Areeiro no seu aviso fitosanitario semanal, esta aparición tardará máis se as temperaturas nocturnas son baixas. Por este motivo e sempre e cando os viticultores non fagan un seguimento específico, os expertos recomendan aplicar o primeiro tratamento nestes días naqueles predios con máis desenvolvemento da vexetación. Mentres, aquelas parcelas onde as viñas se atopen menos desenvolvidas aínda poderían agardar para comezar a dar tratamentos de prevención contra o mildio.

Nas revisións dos viñedos realizadas dende Areeiro tamén constataron unha presenza relativamente abundante de caracois, tanto na madeira como alimentándose das follas en desenvolvemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información