
Mancha de mildiu. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou este xoves o seu boletín fitosanitario no que ofrece unha información actualizada sobre o estado sanitario dos viñedos na provincia. Velaquí a evolución das principais enfermidades fúnxicas:
Mildio
Canto á detección de mildio nas viñas, na revisión desta semana, realizada entre luns e martes desta semana os técnicos de Areeiro atoparon a primeira mancha de aceite en case todos os predios onde aínda non se atopara, incluídos dous do Rosal, comarca que non se localizaran ata agora.
As manchas apareceron tanto en viñas que non recibiran tratamento algún na campaña (e aínda a estas alturas quedan predios así) e tamén onde se realizara un ou máis tratamentos. En xeral eran manchas pequenas e coa frutificación controlada onde se fixera algunha/s aplicación/s, pero nun predio tamén detectaron unha mancha de gran tamaño aínda cunha esporulación viable.
“A existencia de viñas sen tratamento onde aínda non se detectaron síntomas e a presenza de manchas illadas no resto indica que de momento a campaña non está a ser especialmente complicada”, puntualizan dende Areeiro.
Na semana actual, despois duns días de tempo seco e con temperaturas máximas moi altas, o mércores 30 xa se rexistraron precipitacións que acadaron de media os 25-35 l/m nas estacións da rede de MeteoGalicia consultadas, co que unha vez máis producirase un novo período de inestabilidade que traerá precipitacións que poden ser bastante intensas e temperaturas mínimas algo máis altas que poden chegar a ser moi favorables ao patóxeno.
Este novo episodio, segundo as previsións, prolongarase ata o luns aínda que con choivas de menor contía. De cumprirse estas previsións o risco de mildio será maior, e polo tanto será necesario extremar a vixilancia tendo en conta que nestes momentos xa hai que hai que protexer a futura floración.
Así, a recomendación dos técnicos de Areeiro é que se revisen moi ben as viñas por se aparecen manchas ou síntomas a nivel do acio e, no caso de terse detectado manchas anteriormente, comprobar que non avanzan e que non hai frutificación (ou que esta non sexa viable). Estas recomendacións cobran máis valor nos predios nos que está próximo a concluír o tempo de protección teórico da última intervención, pois esta redúcese con choivas de certa contía, e tamén naquelas nas que non hai unha boa xestión da vexetación acompañante, que sempre debería estar ben controlada.
A procura dos síntomas debe realizarse con moita atención, pois as manchas poden estar a xurdir e ser difíciles de detectar. E tamén a súa frutificación pode ser tenue nos primeiros momentos; para visualizala mellor, pódese levar unha lupa de man ou ben facer unha foto ao envés na zona da folla onde se mirou a mancha e ampliala.
Recomendacións á hora de realizar a aplicación de fitosantarios
Polo ben de todos, incluíndo o medio ambiente, e de cumprir as normas de uso dos fitosanitarios, dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro piden que “se respecten sempre as doses das etiquetas, usen para cada época o tipo de boquillas adecuado e revisen o seu funcionamento, axusten a velocidade de aplicación, a presión do caldo, etc. ao desenvolvemento da vexetación do viñedo”.
E lembran que os tratamentos hai que interrompelos cando os ventos superan os 3 m/s (= 10,8 Km/h), o que equivale a cando se empeza a sentir o vento na pel, as follas das árbores non só se moven senón que se axitan ou as bandeiras empezan a ondularse. “E teñan especial coidado nos predios que están preto de cursos de auga, pozos, vivendas, escolas e calquera punto especialmente sensible”, subliñan.
Oídio
Nas revisións desta semana ás viñas tampouco atoparon os técnicos de Areeiro síntomas de oídio nin en albariño nin nas variedades máis sensibles.
Botrite
A volta das choivas obriga a seguir a evolución non só das vides con síntomas de botrite senón tamén das follas e pampos con lesións por sarabia ou vento.
Outras incidencias na viña
Aparte das roturas de follas e pampos por vento e/ou sarabia, ou de danos por caracois nalgúns predios, esta semana observaron con relativa frecuencia un síntoma nas follas que pola face da mesma podía aparentar unha mancha importante de mildio pero que polo envés se correspondía cunha zona brillante de cor castaña.
“Hai anos xa aparecera este síntoma tamén nos momentos iniciais da campaña; levaramos varias follas para analizar no laboratorio e en ningún caso se detectaran patóxenos, polo que a atribuímos a unha fisiopatía. Nesta ocasión tamén recollemos mostras e estamos a analizalas, aínda que é de esperar que dean o mesmo resultado”, explican dende Areeiro.

Síntomas de fisiopatía. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro