Recomendan aplicar os primeiros tratamentos contra o mildeu na viña

Publicidade
Recomendan aplicar os primeiros tratamentos contra o mildeu na viña

Autor: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de reanudar os seus avisos fitosanitarios para viñedo e diferentes cultivos de horTa.

En canto ao viñedo, atópase no estado fenolóxico: E – F (-G), cunha evolución bastante heteroxénea, aínda que a maioría das viñas está en acios visibles.

“As temperaturas frescas destes días de atrás provocaron un freo no crecemento, salvo en viñas situadas en orientacións especialmente abrigadas e/ou soleadas”, engaden os técnicos de Areeiro.

Primeiras machas de mildeu

Nas viñas con desenvolvemento suficiente da vexetación (por riba dos 10 cm de lonxitude) cumpríronse as condicións para a infección primaria de mildeu entre os días 18 e 22 do mes pasado.

“De feito, segundo nos informaron algúns técnicos, en dúas fincas moi adiantadas do Salnés e do Rosal xa se detectaron manchas de mildiu. Con todo, estes casos foron moi excepcionais, e as temperaturas frescas derivadas dos ventos do norte que tivemos ata hai uns días impediron que a situación se xeneralizase máis (aparte de provocar o freo no desenvolvemento da propia vexetación), maila escasa precipitación rexistrada, segundo as zonas, entre o 31 de marzo e o 1 de abril”, explican os técnicos.

Canto á meteoroloxía prevista, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian choivas de máis de 10 l/m para o domingo 5, e certa precipitación o resto dos días entre este venres e o luns, acompañadas segundo está previsto de temperaturas nocturnas máis compatibles ca infección.

Con esta situación, e o diferente desenvolvemento da vexetación que hai nas fincas, a recomendación xeral da Estación Fitopatolóxica de Areeiro é revisar as viñas máis desenvolvidas na procura das primeiras manchas. “Se as viñas teñen xa un bo tamaño dos gromos e non poden facer a mencionada revisión, poden aplicar un tratamento inmediatamente despois das choivas (ou, se hai imposibilidade, antes, aínda que se perderá a protección derivada da compoñente de contacto do funxicida e se reducirá o tempo de protección da materia activa penetrante ou sistémica)”, recomendan.

Xeralmente as primeiras manchas soen aparecer nas follas basais dos gromos e tamén nas viñas máis baixas próximas ao terreo, pero non ten que ser así necesariamente. No caso de intervir, insisten na importancia de axustar o volume de caldo ao desenvolvemento da vexetación para evitar gastos innecesarios e reducir tamén problemas para a saúde das persoas e o medio ambiente

Outras patoloxías da madeira

Canto a outros parasitos se refire, e á marxe da presenza de síntomas de excoriose (que aínda se podería tratar nas fincas menos desenvolvidas),  os técnicos de Areeiro non atoparon esta semana “máis que algunhas follas con erinose e tamén caracois, sen maior importancia máis que en viñas novas situadas en parcelas moi húmidas”.

Ademáis, de xeito moi puntual, observaron danos de vento en parcelas expostas coas follas máis abertas e con gromos de maior tamaño. Por outra banda, observaron que nalgunha viña quedan no terreo restos de madeira grosa de poda e tamén tocos de plantas eliminadas. “Hai que retirar ambos tipos de material para evitar que incrementen o inóculo de patoloxías de madeira”, recordan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información