Recomendan aplicar canto antes un tratamento antimildio no viñedo

Publicidade
Recomendan aplicar canto antes un tratamento antimildio no viñedo

Mildio en folla e acio de planta abandonada. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir un aviso fitosanitario este xoves no que analiza a situación sanitaria no viñedo na provincia e ofrece unhas recomendacións de coidados para os vindeiros días.

En canto ao estado fenolóxico é H, con algunhas plantas de albariño da práctica totalidade de parcelas xa comezan a amosar algún acio, moi puntual e anecdótico, en floración.

Mildio

Ao longo desta semana as condicións foron moi favorables ao desenvolvemento do fungo do mildio: temperaturas nocturnas elevadas, que coincidiron con períodos de humidade relativa moi alta, próxima ao 100%, e/ou con humidade foliar durante varias horas.

“Tanto é así, que esta semana observamos un elevado número de novas manchas, e síntomas tamén nos acios, nas plantas sen tratamentos de variedades pouco sensibles que, nos nosos percorridos, atopamos nos muros ou nos bordos de hortas ou baldíos. Tamén recibimos un bo número de consultas de propietarios de predios con variedades de diferente sensibilidade incapaces de frear o avance da enfermidade pese a reducir os intervalos de tratamento a menos de oito días”, explican os técnicos de Areeiro.

As previsións meteorolóxicas anuncian para os próximos días a influencia, por fin, dun anticiclón, co que irá xeneralizándose este estado.

Porén, o elevado inóculo que hai nas viñas tras esta tempada de tempo continuamente inestable fai que aconsellen “renovar os tratamentos en canto se poida, salvo que o teñan feito xa nestas xornadas pasadas”.

Polo demáis, advirten de que “coas recorrentes precipitacións e as temperaturas suaves, o desenvolvemento da vexetación está sendo moi elevado nalgunhas viñas e por iso hai que ser moi coidadosos e pararse ben ao aplicar os tratamentos”. Tamén aconsellan manter ben segada a cuberta vexetal, se a hai, en especial nas viñas en formacións máis baixas.

Oídio

De momento, dende a Estación Fitopatolóxica de Areiro non observaron os primeiros síntomas nas viñas que van revisando. “Porén, -subliñan- nas variedades máis sensibles ou con historial de danos todas as campañas é aconsellable aplicar un tratamento antes do inicio da floración, cando comeza a máxima sensibilidade do acio ao patóxeno, aproveitando a realización de posibles intervencións antimildiu”.

No resto de variedades, recomendan “incrementar a vixilancia, porque coas condicións climatolóxicas previstas para os próximos días probablemente empecen a aparecer os primeiros síntomas”.

Black-rot

Continua avance black rot en folla

Continua avance black rot en folla

De xeito non tan evidente como a semana anterior, na revisión do pasado martes observaron un incremento dos síntomas característicos desta enfermidade nas follas das plantas abandonadas pero tamén nalgunhas das sometidas a tratamentos.

“De momento non vimos ningún síntoma en pampo ou en peciolo, pero aínda esperamos que aparezan, e tamén en acio, debido á continuidade de condicións favorables desde hai semanas e ao feito de que poden manifestarse (os síntomas) tempo despois da infección”, precisan os técnicos da estación pontevedresa.

En canto ao control desta enfermidade, como no resto de patoloxías, deberíanse combinar as medidas culturais cos tratamentos fitosanitarios. “Por iso, e dado que xeralmente hai máis síntomas nas plantas cultivadas cando teñen preto vides sen cultivar, aconséllase a súa retirada para reducir o nivel de inóculo”, recomendan.

Canto ás aplicacións fitosanitarias, manteñen a recomendación aportada en informacións anteriores: calquera tratamento antimildio e/ou antioídio que se realice nas próximas semanas, deberá realizarse con funxicidas que tamén teñan acción fronte a black rot.

Ademais, lembran a boa práctica fitosanitaria de, ademais de respectar o número máximo de aplicacións por campaña de cada produto e as súas doses, non empregar sempre as mesmas materias activas para evitar a aparición de resistencias.

Botrite

A consecuencia dos ventos que ten habido neste inicio de campaña, advirten de que nalgunhas viñas quedan pampos secos nas propias plantas, e sobre estes pampos pode instalarse este fungo oportunista da botrite.

Aínda así, precisan que “o tempo máis seco que se prevé para os próximos días non lle resultará favorable, e tamén permitirá que os restos das flores vaian desprendéndose, aínda que mentres haxa elevada humidade poidan quedar adheridos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información