Recomendan agardar a que pase o frío e as choivas para tratar as cepas contra o mildio

Publicidade
Recomendan agardar a que pase o frío e as choivas para tratar as cepas contra o mildio

Limbo curvado e irregular provocado polo tempo variable. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

No último aviso fitosanitario da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, o persoal especializado informa que as condicións atmosféricas actuais están a ser desfavorables para o desenvolvemento do mildio. Tamén comprobaron que o desenvolvemento das viñas segue a ser moi diferente entre predios, e mesmo dentro dunha mesma parcela, con viñas que só teñen máis ou menos desenvolvidos os gromos terminais das varas e outras xa máis crecidas.

Ante a previsión da entrada de borrascas atlánticas que traerán chuvascos e temperaturas baixas nestes días, e dado que polo momento non se localizaron manchas de mildio, recomendan agardar a que pasen estes episodios de frío e choivas para dar os tratamentos preventivos contra o mildio naquelas cepas máis atrasadas.

Mentres, nas viñas máis desenvolvidas, recomendan vixiar a súa evolución por se as temperaturas son finalmente máis elevadas do previsto, o que podería motivar que se produzan condicións favorables para a aparición do mildio.

Tratamentos con vento

Dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro tamén recordan que está totalmente prohibido aplicar todo tipo de tratamentos cando se rexistren ventos superiores a 3 metros por segundo, o que equivales a 10,8 quilómetros por hora. Esta prohibición está recollida no Real Decreto 1311/2012.

En días pasados, houbo produtores que aplicaron tratamentos pese a rexistrarse ventos fortes, o que ademais de estar prohibido non ofrece protección ás cepas. “Nestes casos, as viñas non están protexidas, xa que o caldo foi arrastrado polo vento fóra das viñas”, explica o persoal especializado.

Roza da vexetación

Outra das recomendacións recollidas no último aviso fitosanitario da Estación, emitido esta semana, céntrase na importancia de realizar labores de roza da vexetación do solo dos viñedos, xa que nalgunhas parcelas obsérvase que esta vexetación está a invadir as cepas máis novas. “Non esquezan que calquera labor que contribúa a reducir a humidade na contorna das vides é fundamental para reducir os danos por mildio e outros patóxenos”, detallan dende Areeiro.

Nestas revisións das viñas, o persoal especializado tamén detectou síntomas de erinose, aínda que descartan que sexa preciso tratalo. Tamén constataron unha presenza de caracois e están a aparecer follas co limbo arqueado e con irregularidades en diferentes viñas, que se deben á climatoloxía variable típica da primavera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información