
Acios de Albariño a día 10 de xuño. Foto: Estación de Areeiro
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou este xoves o seu boletín no que fai un repaso pola situación fitosanitaria dos viñedos da provincia.
Os técnicos da estación detectaron esta semana un importante incremento no desenvolvemento da uva, de xeito que a maioría está chegando a grans tamaño perdigón, e mesmo algún xa chega case a chícharo, aínda que tamén hai, incluso na mesma planta, acios en floración.
En canto á situación fitosanitaria, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro informa da seguinte situación nos viñedos:
Mildio
Na gran maioría de casos había un bo control aparente do patóxeno pero noutros, en especial naqueles que tiñan a uva máis atrasada e/ou que tiñan un exceso de vexetación, e tamén naqueles que xa tiveran infeccións non ben controladas anteriormente, a situación era diferente:
– Ou ben presentaban síntomas novos:
– Ou ben frutificacións e/ou zonas de avance nas zonas afectadas polo patóxeno en infeccións previas:
Ademais, os técnicos de Areeiro informan de que “aínda que non de xeito tan acusado como dixemos a semana anterior, comprobamos que no Condado segue a haber maior proporción de predios con problemas”.
Lembran que “a uva en crecemento é moi sensible ao mildio e polo tanto estamos aínda un momento clave, decisivo, para a futura colleita. Por este motivo, e considerando ademais que en condicións de elevada humidade e calor os ciclos do patóxeno desenvólvense con rapidez, e que a curto prazo as previsións meteorolóxicas anuncian que, malia que se vai reforzar a dorsal anticiclónica persistirá certo aire frío en altura e polo tanto haberá aínda risco de tormentas, hai que manter un elevado nivel de vixilancia, e ir renovando as aplicacións se aparecen novos síntomas e/ou se se observan zonas de avance nos antigos para protexer os acios dos posibles ataques do temido mildio larvado”.
A medio prazo as previsións coinciden na recuperación da influencia anticiclónica e así o nivel de risco debería diminuír pero aconsellan que “a vixilancia ten que seguir, pois aínda hai infeccións en curso que poden manifestarse”.
Recomendacións para aplicar os fitosanitarios na viña
En canto ás recomendacións para aplicar os produtos fitosanitarios na viña, dende a Estación de Areeiro lembran que:
-Algunhas persoas xa están a aplicar produtos penetrantes ou de fixación ás ceras cuticulares, co que hai que ser máis precisos nas intervencións para garantir unha boa protección das viñas.
-Hai que descartar realizar tratamentos cando hai ventos superiores a 10,8 Km/h, o que implica que hai que interrompelos cando tan só as follas das árbores (non as ramiñas) se axitan constantemente.
-Hai que alternar non só materias activas senón modos de acción sobre o patóxeno, para a prevención e a xestión das resistencias, en especial naqueles casos nos que se está a acortar o intervalo entre tratamentos por ter fortes graos de ataque.
Ademais, lembran que “coas temperaturas elevadas e a humidade tan alta que temos a vexetación das viñas ten un desenvolvemento esaxerado en moitos casos é fundamental ir xa aclarando esta vexetación para facilitar a aireación dos acios, favorecer a penetración dos caldos fitosanitarios e tamén para evitar esgotar as plantas tan pronto na campaña”.
Oídio
Esta semana observaron o primeiro gran de albariño con oídio, pero nin na mesma viña nin en outras observaron máis síntomas, pero ben é certo que xa todas as persoas están a aplicar tratamentos antioídio xunto cos antimildio. “En calquera caso hai que manter a protección, en especial nas variedades máis sensibles ao patóxeno”, subliñan.
Botrite
Os técnicos de Areeiro non observaron síntomas sobre os acios cuxos capuchóns florais non estaban desprendidos nin tampouco nas zonas onde os ventos foron fortes e romperon gromos e/ou follas. Debido a que en principio as previsións meteorolóxicas a medio prazo apuntan a un tempo seco e solleiro, non se espera tampouco que aparezan, “pero hai que estar alertas pois nalgunhas viñas se están a atopar esta semana grans con pequenas feridas lonxitudinais (levamos mostra ao laboratorio para ver a que se deben e estanse a analizar) que poden atraer a este patóxeno oportunista”, precisan.
Black rot
Tampouco nesta semana detectaron incremento na incidencia da enfermidade nas viñas que visitaron. Aseguran que “coa climatoloxía máis seca que se prevé a medio prazo, non é de esperar un reponte dos síntomas en especial se se lles proporciona aireación ás viñas coas labores de despunte e demais que recomendaron para o mildio, pero nos predios con historial da enfermidade non esquezan que é aconsellable o uso de funxicidas que controlen este patóxeno”.
Avelaíñas do acio
Seguen sen ter capturas nas trampas e o número de glomérulos mantense nas viñas que revisaron.
Cicadélidos
“Esta semana si que notamos, pero só nunha viña do Condado, un incremento das capturas de Zygina rhamni, que non ten importancia, e algún Empoasca vitis máis. Canto ao reconto de ninfas nas follas, está lonxe do limiar de tratamento”, informan dende Areeiro.
No relativo a a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, a maioría das ninfas atopadas esta semana xa se corresponden co estado N2, pero ningunha máis avanzada, mentres aínda quedan algunhas N1. Neste sentido, lembran que “hai dúas semanas desde que apareceran na provincia de Pontevedra as primeiras ninfas e que o primeiro tratamento hai que aplicalo aproximadamente ao mes da súa detección”.
Outras incidencias
Esta semana os técnicos da Estación do Areeiro detectaron en todas as comarcas gromos terminais con síntomas de acariose (algúns bastante claros) ou de trips, e no laboratorio confirmaron que uns correspondían ao ácaro e outros ao insecto, pero de momento aconsellan non realizar ningunha intervención.