
default
Unha aixada rotativa arrastrada, unha gradilla de púas e unha binadora foron as máquinas empregadas para a demostración de técnicas de escarda do millo forraxeiro que tivo lugar na parroquia de Oíns, en Arzúa, nunha actividade organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL). Os profesores e enxeñeiros agrónomos Xosé Manuel Parada e Alberto Fajín foron os encargados de explicar as cuestións teóricas e de facer funcionar os aparellos.
RECOMENDACIÓNS XERAIS
– Sementar o millo a máis de 5-6 centímetros de profundidade. Se hai unha seca prolongada pódese ir incluso a 10 centímetros. Dese xeito, as plantas fan un enraizamento coa suficiente forza como para non sufrir desprendementos cando se pase a maquinaria de escarda. Ademais, competirá mellor coas malas herbas que nacen a menos profundidade e teñen, pois, menos resistencia.
As tres máquinas fan un efecto de arrastre que podería levar a que se arrinquen pés de millo se o sistema radicular non está ben asentado. Outra vantaxe de sementar a eses 5-6 centímetros está en que boa parte das malas herbas nacen a unha profundidade menor. Dese xeito, terán menos raíces e menor tamaño para competir co millo polos recursos do solo. Se ben non se da esta situación con toda a maleza, si que reduce o esforzo que ten que facer o cereal.

A sementeira débese facer en total coordinación coa escarda
– Facer un primeiro pase coa aixada ou coa gradilla aos 3-5 días da sementeira. O primeiro pase de gradilla que se fai a eses 3 días de sementar fai que a terra que está por riba da semente xerminada quede moi descompactada e que as plantas non teñan que facer un grande esforzo para chegar ata a superficie.
Dependendo das condicións climáticas da campaña, da zona xeográfica, da orientación da parcela e do tipo de solo, haberá que empregar máis ou menos veces a maquinaria de escarda. En circunstancias favorables e co traballo ben realizado é suficiente con dous pases. Un primeiro logo de 3-5 días de sementar para sacar a mala herba superficial e descompactar o chan e outro 10 días despois para arrincar a herba que quede.
Para que a escarda sexa totalmente efectiva hai que sementar sempre a un mínimo de 5-6 centímetros baixo a superficie
– Despois do primeiro pase hai que agardar un mínimo de 10 días para facer o segundo. E outros 10 para o terceiro, se a maleza persiste. Nese caso, a máquina de máis utilidade será a binadora porque é a que máis potencia ten fronte a maleza que resiste e ata pode servir como un aporcado. Máis alá deses 25-28 días xa non se pode empregar maquinaria de escarda porque o millo supera o medio metro de altura e as máquinas xa non traballan eficazmente. A partir desa data hai que sachar manualmente ou con pequenas máquinas. Ou recorrer a herbicidas, claro.
– Os pases deben facerse en días solleiros e en horario de mañá. Para que a auga e a calor non fagan rebrotar a mala herba. Porque se o terreo está mollado ou húmido as máquinas traballan peor. Ademais, na época da escarda as mañás son máis frescas. Traballando en terreos ben secos e con temperaturas non moi elevadas evítase que as malas herbas volvan enraizar unha vez que son arrincadas.
– No último pase convén aportar abono mediante tolva. As máquinas van equipadas con depósitos nos que se pode introducir fertilizante granulado e nitroxenado. Utilizándoo na derradeira pasada conséguese paliar o déficit de nitróxeno nos estadíos finais do millo. E tamén se complementa a escaseza de abono que hai no comezo do cultivo neste tipo de práctica.
É importante evitar trazar curvas cando se empregan as escardadoras e non pasar dúas veces polo mesmo sitio en cada tanda
– Cómpre evitar traballar facendo curvas. As máquinas perden efectividade se teñen que facer xiros durante as tarefas e mesmo poden danar o cultivo. Así, é mellor perder algún metro cadrado de millo que estragar tres ou catro por querer empregar as máquinas en curvas sen utilidade.
– Hai que coordinar o trazado da sementeira co tamaño das máquinas escardadoras. O obxectivo é que entre as ringleiras de millo haxa espacio para que as escardadoras pasen con facilidade e sen danar o cereal. Dese xeito, se a máquina ten, por exemplo, catro liñas, haberá que sementar en catro liñas paralelas para que colla a máquina. Ou en múltiplos exactos de catro para que se manteña a concordancia.

O Director de AGACAL, Martín Alemparte, participou na inauguración da xornada
– A velocidade coa que se move o tractor é básica. O primeiro pase pódese facer a unha velocidade de entre 10 e 20 quilómetros por hora. Os seguintes non poderán chegar a 6 por hora. Estas medidas van en relación coa agresividade, un parámetro que resulta de interrelacionar velocidade con profundidade: canto máis enterremos as púas, discos ou fingers, menor terá que ser a velocidade, para evitar un levantamento excesivo de terra e un arrinque do millo.
– As máquinas non se poden empregar despois de que o millo alcance os 50-60 centímetros de altura. Unha vez alcanzada esa altura, o millo xa é tamén máis ancho e o pase das máquinas pode danar e arrincar follas. Ademais, a entrada dos dispositivos na terra pode afectar o sistema radicular do cereal. Só en casos moi extremos se podería empregar a binadora pasada esa altura e cun risco elevado de mermas importantes.
Nas segundas e terceiras pasadas non se poden superar os 6 quilómetros por hora co tractor para evitar agresividade no terreo
– É preciso evitar que as máquinas pasen dúas veces polo mesmo sitio. Hai que mover a máquina de xeito que en cada tanda non transite por onde xa pasou. Porque esa situación podería afectar o arraigamento do cereal no solo e porque podería reintroducir as malas herbas que arrincou a primeira vez e estas poderían revivir.
– O traballo debe ser preventivo e non curativo. A utilización de calquera das tres máquinas hai que acometela en canto aparecen os primeiros indicios de malas herbas. Por moi pequenos que sexan. A efectividade dos pases será moito maior porque se atallará a maleza antes de que se desenvolva. Se actuamos cando xa está medrada, a efectividade será moito menor, o millo xa estará competindo coas mala herba e as máquinas requirirán de moito máis tempo de traballo e con menor eficacia.
VANTAXES
– Son máquinas baratas que se amortizan rápidamente e teñen moita vida útil. As escardadoras teñen un funcionamento totalmente mecánico. As que se empregan en Galicia son de pouco tamaño e os seus mecanismos son moi sinxelos. Unha gradilla pódese conseguir fácilmente por só 1.500 euros. Ademais a súa vida útil é case infinita porque só se empregan tres veces ao ano como moito e non sofren apenas desgaste polo modo en que se empregan.
– Afórrase o gasto en herbicida. Se a escarda se executa correctamente, hai unha alta probabilidade de que non sexa preciso recorrer a herbicidas. Ou, polo menos, a que o seu uso se reduza exponencialmente. Tendo en conta os prezos deses fitosanitarios, xa se consegue un importante aforro e cunha maquinaria que non precisa máis que estar en bo estado.
– Afórrase contratar o laboreo da aplicación de herbicidas. Outro punto de aforro. Hoxe a meiranxde parte das explotacións subcontratan ese labor de aplicación dos fitosanitarios. En canto a tarifas, man de obra e produtos, os cartos que non hai que investir son moi a ter en conta.
A escarda permite un importante aforro en herbicida, en contratas de laboreo e en mantemento da maquinaria
– Redúcese o tempo de traballo. As escardadoras só precisan dunha pasada de cada vez; faise o traballo dunha sentada. Cos herbicidas hai que parar para recargar de auga e de produto os tanques, tendo que interromper a tarefa, desprazarse para facer a recarga e regresar á leira.
Incluso aínda contratando empresas que xa teñen un equipo só para recarga, o traballo ten que parar un tempo e hai que pagar polo uso dese segundo equipo e polas horas de traballo de quen o manexa. Ou ata se contratamos a escarda seguirá sendo máis barata porque non temos que pagar o herbicida.

Un uso xeitado da gradilla no primeiro pase podería evitar pases posteriores se o tempo acompaña
– O custo de mantemento é moi baixo. Son máquinas totalmente mecánicas e sen ningunha tecnoloxía sofisticada. O mantemento redúcese a ter que cambiar algunha peza metálica se rompe durante os traballos. Ademais son recambios de moi baixo prezo.
– Xa se traballa en tecnoloxía hidráulica. Sobre todo en América, as escardadoras contan con mecanismos hidráulicos que posibilitan modificar o ángulo de ataque sen moverse do tractor nin ter que corrixir alturas de traballo de xeito manual. Esto é especialmente útil en terreos ondulados nos que a máquina non penetra de xeito totalmente uniforme.
– Son técnicas sustentables que serán primadas. A práctica supresión de fitosanitarios, o tratamento pouco agresivo da terra por ser un laboreo suave ou a recuperación dunha técnica tradicional son accións que as normativas europeas priman economicamente. A escarda xa está contemplada como obxecto de subvención nalgúns ecorréximes de pastoreo.
– Son máquinas e técnicas aptas para toda a agricultura. Ben sexa ecolóxica, convencional e mesmo rexenerativa estas máquinas son de utilidade para eliminar as malas herbas do cereal e non incumpren ningún requisito administrativo. O seu impacto na terra é mínimo e a súa efectividade está demostrada.
Por exemplo, os receptores de axudas ambientais teñen restrinxido o uso de herbicidas. Incluso sen estar en sistema ecolóxico non os poden empregar. Pero coa escarda teñen a posibilidade de producir millo sen incumprir as normativas.
– Fixación de auga e humidade na terra. Sobre todo a gradilla, aumenta a capacidade de retención de auga dos solos traballados ao crear unha capa illante que impide que a auga suba á superficie e leva a un crecemento máis san das plantas e un desenvolvemento máis forte do cultivo.
INCONVENIENTES
– Debate sobre a porcentaxe de eficacia. Non hai datos oficiais que reflictan a cantidade de mala herba que se consegue retirar coa escarda. Dependerá moito do grao de excelencia na execución, das condicións climáticas da campaña, da situación e características físicas da leira…algunhas experiencias falan dunha eficacia do 98% e outras quedan no 80%. É un debate aberto pero cun consenso: cun 80% de eficacia non debera haber grandes problemas de mermas por maleza na colleita.
– A utilización non é ilimitada. As escardadoras só se poden utilizar un máximo de tres veces por campaña. E sempre antes de que o millo acade os 50-60 centímetros. Se aparecen herbas despois de alcanzada esa altura, hai que sachar a man ou usar herbicidas. No primeiro caso dispárase o tempo de traballo e, no segundo, pódese perder todo o que aforramos copa escarda se o tempo non axuda.
O traballo coas escardadoras está moi condicionado polo clima e funciona mellor en terra pouco fertilizada
– Terra menos fertilizada. A escarda é unha técnica que funciona mellor canto menos vigor ten a planta. Porque, se están moi vigorizadas, as plantas rompen con máis facilidade ao paso da máquina. Eso implica un problema xa que o gandeiro terá que buscarlle outra saída a parte dos fertilizantes, especialmente os xurros, que xenera a súa explotación.

A binadora pode ser moi agresiva coa terra e o millo, polo que hai que manexala con coidado
– Dependencia do clima. Que a escarda resulte eficaz e efectiva depende enormemente das circunstancias climáticas. Non só durante a súa execución senón tamén antes e despois da mesma. Xa vimos que se precisa tempo solleiro para escardar, pero este pode tardar en darse e as herbas medrar máis do recomendable. E pode que o clima cambiante free a xerminación demasiado tempo despois de ter feito a primeira pasada coas máquinas. Son exemplos de que non só a acción do home inflúe no éxito. Ainda que a incertidume é común a calquera proxecto agrícola.
CARACTERÍSTICAS DE USO
Aixada rotativa. É a menos empregada. De feito, non se considera estrictamente escardadora. Utilízase nos traballos previos á sementeira para que logo a escarda funcione. Recórrese a ela en terreos moi compactados porque o que fai e romper costras en leiras arxilosas que endurecen co sol e impiden sair os cultivos.
A aixada facilita o aireado da terra e resulta útil tamén en parcelas húmidas onde se produce unha compactación terra/herba. E ten a vantaxe de que se pode utilizar en calquera momento do proceso inicial do millo pero o inconveniente de que podería airear demasiado os terreos, retrasando a saída do cereal á superficie.
Gradilla de púas: É a máis barata, a máis versátil e a que demostrou máis utilidade en Galicia. De feito, se se usa axeitadamente, non sería preciso empregar as outras dúas. Unha limitación consiste en que, logo do pase posterior á sementeira, hai que agardar a que o millo teña tres follas para podela volver usar. Tamén se ten demostrado moi válida para o cultivo de trigo.
Coa binadora hai que ser moi coidadosos xa que o seu sistema de arrastre pode resultar moi lesivo cos solos
Binadora: Os especialistas considérana case como un último recurso. Sóese utilizar cando a cantidade de herba está disparada. Vai equipada con reixas e cun dispositivo coñecido como fingers ou soles que fan unha engranaxe perfecta.
Hai que manexala con coidado porque é moi agresiva e pode danar o cereal, especialmente cando se achega ao medio metro de altura. Ademais, polo seu deseño, tende a levantar moitas pedras ao empregala. A vantaxe é que a acción dos soles fai un efecto de emporcado que beneficia o millo.
Tanto a aixada como a gradilla e a binadora incorporan cada vez máis tecnoloxía GPS que axuda a facer preciso o traballo. Mais, aínda así, a concentración no traballo debe ser moi alta para non danar o cultivo.
OUTROS ASPECTOS
Durante o acto, Parada e Fajín explicaron tamén que reducindo a distancia entre as liñas de sementeira ata 50 centímetros -o habitual é deixar 70- poderíase conseguir que a escarda fose totalmente eficaz con só dous pases da gradilla ou da binadora. Eso si, sería preciso colocar ordas delgadas nos tractores para que puideran traballar sen danar o millo.
Lembraron, ademais, que se fixo a demostración con tres máquinas para que os asistentes puideran coñecer as posibilidades e características de cada unha delas, se ben sinalaron que para unha explotación media sería suficiente contar só coa gradilla ou a binadora. En boa medida porque as ventás de traballo están moi concentradas en moi pouco tempo e, cun manexo correcto, só se precisaría unha delas.
Como proba da eficacia da escarda citaron a experiencia dunha proba que se fixo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude hai algúns anos e na que se conseguiu obter 55 toneladas de millo forraxeiro sen usar ningún tipo de herbicida e empregando só medios mecánicos.

A aixada rotativa é un complemento das outras máquinas escardadoras
E indicaron que as máquinas que se levaron a mostra poden parecer pequenas pero é posible facerlles engadidos. No mercado hai gradillas, aixadas e binadoras que teñen ata 21 metros de ancho.
Finalmente, aseguraron aos asistentes que, tra-lo paso das escardadoras, pode apreciarse a simple vista un certo desequilibrio no millo, con plantas que se moveron e apuntan en diferentes direccións. Mais eso non é preocupante porque, ao cabo de poucos días, o cereal recupera a verticalidade sen maiores contratempos. Nesa liña -e referíndose sobre todo á binadora- dixeron que non convén ir mirando polo retrovisor para non levar un susto innecesario.
“Coa escarda obtemos todos os anos un rendemento de millo moi elevado para un sistema ecolóxico como o noso”

Xosé F. Segade coas súas vacas da granxa Casa do Xordo
Xosé Fernández Segade está a fronte de Casa do Xordo, unha explotación de leite ecolóxico en Maroxo (Arzúa) que moxe 42 vacas en pastoreo. A granxa traballa 50 hectáreas das que 8 están con millo no que se aplica a escarda dende hai 17 anos. Poderían manter ou mesmo aumentar a cantidade de leite producido se non empregaran millo. Pero prefiren seguir co cultivo.
“Catro granxas desta zona pasamos xuntas en 2008 a ecolóxico. Primeiro adaptei unha cultivadora que había na casa para facer a escarda. Deu bastante resultado pero non o suficiente. Por eso fomos mercar a Castela unha binadora. Saíra moi barata, uns 1.100 euros, e aínda hoxe da bo resultado, sobre todo se o millo está xa preto do medio metro.”, explica o gandeiro.
Posteriormente mercaron unha gradilla e é a que empregan con máis frecuencia. Sobre todo nos primeiros estadíos do millo, cando ten entre 3 e 6 follas. Segundo di Segade, o mellor sería non ter que usar as dúas máquinas na mesma campaña, pero eso é moi raro que aconteza.
“O escenario ideal sería non ter chuvia na sementeira nin nos días posteriores. Se despois cae unha chuvia non moi forte, ao cabo de 2/3 días saen as plántulas da mala herba. Nese contexto, cunha soa pasada da gradilla eliminariamos o 80% da mala herba e non sería preciso outro pase. Pero en Galicia as chuvias e días anubrados de xuño fan que ese escenario ideal sexa moi pouco probable.”, afirma.
Como granxa ecolóxica que é, en Casa do Xordo están afeitos a convivir coas herbas e a non poder usar herbicidas. E, aínda así, todos os anos conseguen bos rendementos de millo simplemente aplicando a escarda. “Se nun ano normal o millo convencional da 60 toneladas por hectárea, nós chegamos a 40 sen dificultade e sen gastar en herbicidas.”
Aprendemos a escardar a base de práctica e observación. É un labor para o que hai que estar moi concentrados
Algúns anos o clima leva á aparición de herba cando o millo xa está demasiado alto como para poder escardar. Neses casos a única opción sería sachar a man ou cunha vaca tirando dunha reixa. Algo moi laborioso e que require de moito tempo de traballo. Por eso déixase que o millo compita coa herba e a merma non é dramática.
Para a escarda hai pouca formación. Todos os que a practican son autodidactas. “Cada un dos catro gandeiros que usamos as máquinas aprendemos por nós mesmos. É unha cuestión de práctica e de observación. Co tempo acábalas dominando e aforras ter que pagarlle a alguén que faga o traballo. Eu acabei mercando unhas rodas estreitas de tractor para usar coa binadora porque faise un mellor aproveitamento da máquina. E úsoas de maio a xullo. ”
Segade considera que a escarda é máis efectiva se se traballa na liña da pendente e costa arriba. “Traballar de lado en terreos ondulados como os que temos en case toda Galicia é moi dificultoso. O tractor sempre vai tirar para abaixo e será moi complexo levar rectos o vehículo e a máquina. O problema é que a UE prohibe traballar na liña de pendente cando está é superior ao 10%, que é case sempre. Por protexer o terreo da erosión. Hai que cumprir coa normativa pero se cadra habería que revisala porque traballar de lado é pouco operativo.”
O gandeiro insiste en que os movementos que se fagan coa binadora teñen que ser exactamente paralelos aos que fixo a sementadora. Hai que evitar as curvas, os dobres pases e os desaliñamentos. E, afirma, hai que ir moi concentrados en non sairse dos regos. “Se vas mirando para atrás pendente de se derramas algunha liña, acabas derramando a de atrás e as de diante.”
Galego









Control OJD