Recomendacións para un bo abonado das pradeiras en primavera

Resumo da ponencia de Adrián Varela Pérez, técnico agrícola especialista en cultivos forraxeiros de ICOS SCG, na II Xornada Técnica sobre a Mellora no Manexo do Gando, organizada en Agolada pola asociación O Parapeto.

Recomendacións para un bo abonado das pradeiras en primavera

Pradera establecida en terreno de monte en el entorno del Pedregal de Irimia, en la Serra de Meira. Foto: SGPF

A mellora da calidade dos silos de herba, tanto en porcentaxe de proteína como en dixestibilidade, é unha materia pendente nas explotacións de gando vacún. Neste sentido, o nitróxeno é un dos compoñentes fundamentais das proteínas, e polo tanto, é un indicador da porcentaxe proteica que imos ter no silo.

É dicir, unha tonelada de silo de herba cun 15% de proteína bruta e cun 28% de materia seca contén 720 Kg auga e 280 kg herba. E desta última, 42 kilogramos serían de proteína bruta e 6, 72 kg de nitróxeno. Polo tanto, debemos aportar ao terreo, unha vez feitas as pertinentes análises de solo, a mesma cantidade de Nitróxeno que imos extraer coa colleita de herba, o que viría sendo para acadar a citada porcentaxe de proteína, 6,72 kilogramos de nitróxeno por tonelada, ou 25 kilogramos de NAC. Esto sería cunha eficiencia do 100% da planta na absorción do N, algo que non ocorre na realidade, polo que é recomendable incrementar a cantidade entre un 20 e un 30%.

É preciso, en todo caso, marcarse uns obxectivos de produción, en toneladas de materia verde por hectárea, e de calidades de proteína. A partir de aí, e unha vez feita unha analítica do solo, deberamos aportar os nutrientes que compensen a extracción que vai facer o cultivo.

Fertilización das pradeiras con abonos orgánicos:

Os abonos orgánicos (tanto xurros como estercos) son un recurso que as ganderías deben aproveitar ao máximo e trátase dun apartado no que hai moita marxe de mellora, sobre todo á hora de incrementar a capacidade de almacenamento do xurro para utilizalo na época da sementeira. Neste sentido, a construción de balsas de purín para varias explotacións pode ser unha alternativa para aquelas con máis dificultade de almacenaxe.

Como recomendacións:

-Se ademais do xurro de vaca, dispomos de xurro de porcino, deberíamos reservar o de vacún para a sementeira do millo, pois contén máis porcentaxe de materia seca, con máis fibra, e polo tanto os nutrientes non se poñen a disposición da planta inmediatamente. Pola contra, o de porcino é un xurro máis líquido, cun efecto fertilizante máis inmediato, polo que é o recomendado para a fertilización das pradeiras en primavera.

-Non se debe exceder no abonado a cantidade de 30 metros cúbicos por hectárea de pradeira, pois poderían aparecer problemas de estabilidade dos silos por contaminación da herba.

-Non se recomenda a utilización de esterco de polo para o abonado das pradeiras, pois tarda en descompoñerse e chegaría ao silo, podendo provocar problemas de contaminación. En caso de utilizalo, facelo no outono, antes do mes de xaneiro, para que teña tempo de degradarse.

Xurro e leguminosas:

As leguminosas (trevos, chícharos..etc) cada vez se inclúen máis nas pradeiras temporais polos seus múltiples beneficios (mellora da porcentaxe de proteína do silo, aporte de nitróxeno ao solo, mellora do perfil de ácidos graxos do leite…etc), tal e como teñen demostrado diversos estudos realizados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Neste sentido, á hora de utilizar abonos orgánicos é recomendable ter en conta o seguinte:

-Débese aplicar o xurro antes da sementeira. Do contrario, queimaríamos os renovos das leguminosas. En caso de ter que utilizalo, podemos ir a mesturas con maior porcentaxe de leguminosas que de raigráss.

-As leguminosas toleran doses medio-baixas de xurro: de entre 10 e 20 m3/ha.

-Despois de cortar a herba nunca botar purín sobre o rebrote tenro, senón que se debe aplicar xusto despois do corte e antes do rebrote.

-En mesturas con presenza significativa de leguminosas pódese reducir ata 40 kg N/ha, xa que as propias leguminosas fixan na terra o nitróxeno atmosférico.

Abonado:

-Empregar purín dispoñible sempre asegurando que para o millo teñamos a máxima capacidade de almacenamento. É mais doado facer un bo millo só con xurro que lograr unha boa colleita de herba só con xurro.

-Neste sentido, para a herba é recomendable empregar algún abono de síntese que ofreza unha rápida dispoñibilidade dos nutrientes.

-Asegurar o aporte de nitróxeno.

-É ideal a combinación de fórmulas de N amonical e N ureico. As formas nítricas son máis lixiviables -lavables- pola choiva.

-Altos aportes de NAC no inicio da primavera poden favorecer o encamado do raigrás ou mesturas. Par evitar este problema debemos procurar facer cortes cada 25 ou 30 días, como máximo.

-Se estamos a empregar xurro de porcino, abondaría con complementar cun abono de síntese de Nitróxeno, pois o xurro de porco sole ter valores medios ou altos de fósforo (P) e de potasio (K).

– Con pouca cantidade de purín usar abonos complexos:

Niveis P e K medios-altos: 22-8-6 20-10-5 …

Niveis P e K baixos: 15-15-15 22-8-6+Abonos outono

-Cortar aos (25) 30-45 (55) días dende a aplicación do abono. O obxectivo é evitar que a herba se pase, pois estariamos perdendo dixestibilidade, porcentaxe de proteína e dificultaríamos o ensilado. Para evitalo é preciso facer unha boa programación dos cortes, acordando con suficiente antelación co propietario da máquina de picado.

Exemplos de analíticas de terras na comarca do Deza:

PH_H2O M.O. N P K CA MG CN
5,93 5,38 0,29 47,16 258,06 691,38 87,12 10,76
5,25 5,17 0,26 55,39 164,22 1957,908 101,64 11,54
5,14 4,55 0,25 47,59 183,77 242,484 33,88 10,56
5,68 5,67 0,32 7,9 265,88 392,784 77,44 10,28
5,66 7,43 0,37 7,71 359,72 1180,356 163,35 11,65
5,04 8,45 0,4 10,97 230,69 633,264 83,49 12,25

Fonte: Icos SCG

No primeiro gandeiro necesita un abonado cunha relación 2-0-1 de NPK, mentres que no segundo gandeiro necesita relación 2-1-0.

Nestes casos, cabe destacar o programa Profer de Delagro, que permite a creación de fertilizantes á carta, adaptándose así a calquera requirimento de nutrientes, para unha fertilización óptima.

-Fósforo nas pradeiras: non é importante a súa cantidade -de feito os seus niveis chegan a ser elevados en zonas con alta carga gandeira- pero si a súa dispoñibilidade. Para iso debe realizarse unha analítica do solo para corrixir o Ph, de ser necesario, mediante un encalado.

-Potasio nas pradeiras: é preciso ter coidado coas fincas mais afastadas onde facemos aportes menores de xurro.

-O exceso de potasio nas dietas pode provocar hipomagnesemia, mentres que os excesos de fósforo poden provocar hipocalcemias. De aí que non só nos teñamos que fixar na cantidade de nutrientes, senón tamén na relación entre eles.

Programa RAX de recomendación de abonado en pradeiras:

Programa RAX de Fertilización de Pradeiras. Este programa do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo permite obter unha recomendación de fertilización anual en pradeiras baseada no uso do xurro como fertilizante principal. Tamén está dispoñible unha aplicación para a fertilización de Cultivos Forraxeiros de Inverno, que permite obter unha recomendación de fertilización de cultivos forraxeiros de inverno (raigrás italiano, cereal), e cereal con veza ou chícharo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información