Recomendacións para as sementeiras temperás de millo

Este ano adiantouse o inicio da sementeira do millo en Galicia a comezos de abril, cunha incremento do cultivo de ciclos longos. Falamos con 4 técnicos que nos ofrecen unhas recomendacións para garantir un bo desarrollo da planta nas primeiras fases

Recomendacións para as sementeiras temperás de millo

Millo nado no Xallas nas terras que xestiona a cooperativa GANXABAR

A sementeira do millo forraxeiro en Galicia adiantouse este ano arredor de dúas semanas grazas ao clima seco e cálido da primeira quincena de abril. Nesta campaña prevese un incremento do cultivo dos ciclos longos, unha tendencia que xa ven de hai anos, así como da superficie dedicada a esta forraxe. E é que ser o máis autosuficientes posibles na alimentación do gando resulta se cadra máis determinante para as ganderías de vacún nun contexto coma o actual de elevados prezos de cereais como o millo ou da soia.

Porén, as sementeiras de cedo no millo non están exentas de riscos e esixen unha maior profesionalidade, especialmente no control das herbas adventicias. Analizamos con catro técnicos como evoluciona a plantación neste inicio da campaña e as súas recomendacions para garantir un bo desarrollo da planta nas primeiras etapas.

Adrián Cundíns (GANXABAR): “Non se deben realizar abonados nitroxenados moi agresivos”

Adrián Cundíns é o xerente da cooperativa GANXABAR, que agrupa a varias ganderías das comarcas coruñesas do Xallas e A Barcala. Nestas comarcas este ano a sementeira adiantouse case 3 semanas e no caso desta cooperativa xa sementaron a comezos de abril arredor do 70% da superficie dedicada a este cultivo. “Das 700 hectáreas que cultivamos a millo algo máis de 450 xa están sementadas e co millo nacido”, destaca.

Neste caso sementaron un ciclo longo -comezaron cun 600 e a finais de abril foron a un 500- que, tal e como destaca, “compensa sobradamente, xa que o sobrecusto en herbicidas vese recompensado cunha maior produción en cantidade e en calidade que os ciclos longos e os medios ou curtos (300-350). No noso caso a diferencia é de sobre 10 toneladas por hectárea”.

En canto ás recomendacións para estas sementeiras temperás, Adrián Cundíns aconsella “intentar traballar con terra solta, que non estea pesada ou húmida para que a nascencia do millo sexa boa”, unhas condicións que este ano se cumpriron polo tempo seco da primeira quincena deste mes. Ademais, no caso de GANXABAR a sementeira é algo máis superficial, a entre 3 e 4 centímetros de profundidade, para favorecer que xermine antes.

Outro aspecto que destaca “é non realizar abonados moi agresivos de nitroxenados pois co frío non funcionan moi ben e mesmo acaban danando o millo”.

Por último, o xerente de GANXABAR aconsella aplicar un herbicida de presementeira, sobre todo naquelas fincas que adoitan ser máis húmidas. “Este ano separamos as fincas máis pesadas e fixemos aplicación en presementeira polo risco de que comezara a chover a finais de abril ou comezos de maio e non puderamos entrar para aplicar o herbicia. É un herbicida máis caro por hectárea pero dáche a seguridade de que vas ter as malas herbas controladas durante un par de meses, de forma que cando teñas que facer unha aplicación en postemerxencia podas entrar sen problema”, destaca.

Pablo Amado (DEKALB): “Recomendamos sementar o millo a entre 5 e 6 centímetros porque hai menos perdas por ataques dos corvos”

Pablo Amado, asesor agronómico de DEKALB, corrobora a tendencia de que cada vez se cultiva millo forraxeiro de ciclos máis longos. “Aínda que o máis común si que seguen sendo os ciclos 300 e 350, actualmente nas sementeiras temperás en Galicia empréganse cada vez máis ciclos longos, de 400 e 500, incluso en fincas dun só corte de herba. E é que hoxe búscase cada vez máis no millo moi boa dixestibilidade e a enerxía, e non almidóns tan altos como hai 10 anos, e aí entran moi ben os ciclos 500 ata o 10 ou 15 de maio, ou incluso ata o 20 nalgunhas zonas” explica.

Ademáis dunha maior produtividade, Pablo Amado destaca destas sementeiras temperás que “a xerminación é mellor porque hai menos problema de rosquilla e tamén de seca”.

Millo en Gandería Pistulario (Santa Comba). Foto: DEKALB

Millo en Gandería Pistulario (Santa Comba). Foto: DEKALB

En canto ás limitacións de temperatura -o millo precisa unha temperatura mínima no solo de 10 graos para poder xerminar- o técnico de DEKALB considera que cada vez é menos problemática, tanto grazas aos duplos test de xerminación aos que se somenten as sementes -un a temperaturas normais e outro con temperaturas frías-, como ao emprego de bioestimulantes, no caso da súa empresa a tecnoloxía Acceleron.

Onde si incide especialmente é na profundidade da sementeira: “O ano pasado vimos moita diferencia en ataques de corvos segundo a profundidade de sementeira, polo que incluso nestas condicións seguiría recomendando sementalo a 5 ou 6 cm de profundidade, pois se está máis superficial élle moito máis fácil aos corvos sacar a planta”, subliña Pablo Amado.

Jorge Meiriño (Cooperativa AIRA): “Nas sementeiras de cedo é moi importante aplicar un herbicida de preemerxencia”

Na zona sur de Lugo de momento lévase sementado arredor dun 15% da superficie que se adica ao millo forraxeiro e estes días están volvendo retomar os traballos tras o parón ao que obrigou as choivas da pasada semana.

“Empezouse sementando sobre o 20 de abril pois as fincas estaban secas e o tempo era bo. Seguiremos sementando ata o 15 de maio ciclos 400 e logo imos acortando os ciclos ata a primeira semana de xuño”, afirma Jorge Meiriño, técnico da cooperativa AIRA.

Millo nado na zona sur de Lugo

Millo nado na zona sur de Lugo

En canto ás súas recomendacións para estas sementeiras de cedo, incide en que “ é importante facer un tratamento con herbicidas de preemerxencia”. “Os tratamentos de postemerxencia hai que fiar moito nas sementeiras temperás porque se os fas moi pronto vas ter que repasar despois e se os fas moi tarde vas correr o risco de que saia moita folla estreita, que vai parar o cultivo”, engade.

Beatriz Vázquez (RAGT): “Os abonos starter son de gran axuda nas sementeiras de cedo”

Beatriz Vázquez González, delegada na zona Norte de RAGT, considera que nas sementeiras de cedo do millo “é interesante empregar abono starter pois as plantas aumentan o vigor de nascencia e conseguen quitar as primeiras follas máis rápido”. “Son produtos interesantes, incluso en sementeiras non temperás, pois vense diferencias ao final do cultivo, grazas a que estes abonos incorporan nutrientes como o fósfoso, que se move pouco no solo e que resulta interesante localizalo ao pé da semente”, engade.

Este maior desenvolvemento inicial da planta tamén resulta interesante para reducir a gravidade dos ataques dos córvidos e tamén da rosquilla. “Canto antes consigamos unha masa radicular e desenvolvemento foliar importante da plántula de millo, mellor”, subliña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información