
Efecto no mes de abril na lagoa de Antela do encharcamento invernal prolongado nun cultivo de raigrás híbrido con tres trevos anuais (encarnado, persa e migueliano). Nótese a pouca presenza de trevos nas zonas máis afectadas, onde, pola contra, si que se e observa raigrás
A climatoloxía alterou este ano os tempos habituais dos ciclos de cultivo do millo en Galicia. As chuvias do mes de maio retrasaron a época de labralo e as de outubro o momento de ensilalo, polo que moitas explotacións meteranse a sementar as pradeiras nas terras en pleno mes de novembro.
Juan Valladares Alonso, tecnólogo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, dá algunhas recomendacións sobre laboreo, fertilización e escolla de variedades baseadas na información xarada polos ensaios de campo levados a cabo no propio CIAM.
1. PREPARACION DO TERREO

Labor de grada á esquerda e posterior sementeira con combinada de fresa rotativa e sementadora de pratenses nun terreo húmido do CIAM
Despois da colleita do millo con maquinaria pesada entrando nas parcelas nas condicións de humidade alta (chuvia) prolongada no tempo que estamos a padecer éntendese necesario descompactar o terreo na profundidade de 15-20cm onde se van desenvolver as raíces das forraxeiras de inverno (pradeira anual), para o cal un pase de grada de discos ou dous cruzados adoitan ser suficientes.
A actuación con grada de discos sobre o solo apenas degrada a materia orgánica e modifica o perfil do solo polo que se considera unha actuación de mínimo laboreo, recomendándose facelo perpendicular á pendente do terreo co fin último de evitar perdas de solo por lavado.
Débese ter en conta que a compactación si que pode afectar ao cultivo do millo do ano seguinte, polo que habería que pensar, naqueles terreos que se compactaron en exceso neste outono, en descompactalos mediante labor profunda (subsolado) antes do cultivo do millo.
Pode haber un efecto residual do herbicida usado no millo sobre as leguminosas, polo que é recomendable mover a capa superficial do solo e agardar un tempo prudencial para facer a sementeira
Hai que considerar que no caso de empregar unha mestura de raigrás con leguminosas anuais é posible un efecto residual do herbicida empregado no millo sobre ditas leguminosas que tenden a ser sensibles, o que implicaría incluso a desaparición destas na mestura. Polo tanto, neste caso, débese facer unha boa labor de movemento da capa superficial do solo, como por exemplo o indicado de pase de grade, e esperar un tempo prudencial para facer a sementeira. A día de hoxe aínda non se levan feito estudos fehacientes dos efectos residuais das materias activas dos herbicidas utilizados no millo sobre as leguminosas forraxeiras anuais, polo que a experiencia de campo por parte dos agricultores é a mellor indicación de como actuar.
2. FERTILIZACIÓN
A fertilización irá en función do cultivo de inverno. Se se vai empregar raigrás é conveniente un aporte de nitróxeno como abonado de fondo da orde de 50 kg N/ha, pero se se van a empregar mesturas de raigrás con leguminosas anuais o aporte podería ser nulo ou, en todo caso, non debería ser maior de 25 kg N/ha para non afectar á simbiose co rizobium.
Se se sementan mesturas de raigrás con leguminosas o aporte de nitróxeno non debe superar os 25 kg por hectárea
En ambos cultivos pódese aplicar o nitróxeno como xurro en función da riqueza que teña este. A tal efecto, hai que lembrar que na páxina web do CIAM esta a aplicación RAX que nos pode axudar a determinar a dose de xurro a aplicar.
Posteriormente en cobertoira, cando as temperaturas ascendan pasado o inverno, pódese aplicar outra dose de nitróxeno. Neste punto cabe indicar que en diversos ensaios levados a cabo polo CIAM comparando niveis de fertilización nitroxenada de cobertoira (até 100 kg N/ha) en dous cultivos de raigrás con e sen leguminosas anuais sementados en outono conclúese que o abonado de cobertoira de 50 kg N/ha en mesturas de leguminosas con raigrás provoca un rendemento en materia seca no momento da colleita similar a se se fertiliza con 100 kg N/ha en raigrás, coa condición obvia de que o cultivo de raigrás con leguminosas anuais presente na súa composición botánica no momento da colleita arredor dun 50% destas, non variando a súa composición proteica (por suposto, maior na mestura de raigrás con leguminosas anuais) nin a dixestibilidade da materia orgánica.
Se se vai fertilizar con xurro, recoméndase aplicar inmediatamente antes de facer os pases de grada para evitar as perdas de nitróxeno por volatilización
Se se vai fertilizar con xurro en fondo, este recoméndase aplicar inmediatamente antes de facer os pases de grada para evitar as perdas de nitróxeno por volatilización (eficiencia media do nitróxeno do 80-90% en función das condicións de aplicación se son malas ou óptimas). Se se enterra antes das 4 horas a eficiencia pasa a ser do 70-80% e se se fai o mesmo día pasan a ser do 60-70%. Recordar que no caso de parcelas con forte pendente e con previsión de alta precipitación, dado que o terreo esta espido, o Código de Boas Practicas Agrarias recomenda non aplicar xurro para evitar perdas por escorrentía.
3. DATA DE SEMENTEIRA
3.1. Comparación de raigrás con e sen leguminosas anuais
Este e un punto importante a ter en conta. De novo considérase, por ser o mais habitual no agro galego, o uso de raigrás con e sen leguminosas. Nun ensaio desenvolto no CIAM en 2014-2015 comparouse o rendemento de raigrás italiano alternativo (tipo westerwold) co dunha mestura de raigrás híbrido con tres trevos anuais (encarnado, migueliano e persa) en dúas datas de sementeira con un mes de diferenza (20 de outubro e 20 de novembro).
Foron colleitadas no momento do encanado para o raigrás (déuselle un corte de limpeza en marzo) e floración no caso da mestura de raigrás con leguminosas, para un ano con unha precipitación en outubro de 53 mm (máis baixa que a do mes de outubro de 2024, xa que no que vai de mes ata o dia 21 choveron 225 mm) e en novembro de 219 mm pero que nos dá indicacións do comportamento destes dous cultivos forraxeiros.
As sementeiras de raigrás de outubro fronte ás de novembro melloran un 8% o rendemento en materia seca e enerxía, non véndose afectadas significativamente a proteína e a dixestibilidade
Observouse que a sementeira de outubro fronte a novembro mellorou nun 8% o rendemento en materia seca (6,7 vs 6,2 t MS/ha) e enerxía (6.196 vs 5.782 UFL/ha) non véndose afectado significativamente o rendemento en proteína bruta (625 vs 585 kg PB/ha), se ben o seu contido mellorou nun 23% (10,2 vs 8,3%), e tampouco se viu afectada significativamente a dixestibilidade da materia orgánica (77,8 vs 78,2%).
Cando se analizou o comportamento dos dous cultivos nas dúas datas, o maior rendemento en materia seca e enerxía obtívoo o raigrás hibrido con tres trevos (7,7 t MS/ha e 6.915 UFL/ha respectivamente) na sementeira de outubro, mentres o maior rendemento de raigrás italiano westerwold resultou ser no mes de novembro con 6,3 t MS/ha e 6.148 UFL/ha respectivamente, pero non diferenciándose significativamente do obtido na mestura de raigrás hibrido con tres trevos anuais. O rendemento proteico dos cultivos non se viu afectado significativamente pola data sendo case tres veces superior na mestura de raigrás hibrido con tres trevos anuais. Tampouco se viu afectada a dixestibilidade da materia orgánica, se ben resultou entre 4 e 6 puntos porcentuais máis elevada no raigrás italiano westerwold.
3.2. Comportamento produtivo de trevos anuais sementados entre setembro e decembro
Cando se analiza o comportamento de diversos trevos anuais (trevo encarnado, trevo migueliano, trevo persa resupinatum, trevo suaveolens e trevo vesiculoso) sementados en catro datas (sementeira o 15 de setembro e posteriormente cada mes ate o 15 de decembro) e colleitado no momento de plena floración obsérvouse como o índice produtivo (a produción por hectárea medida como índice relativo de produción respecto da obtida a mediados de setembro) foi similar estatísticamente ata a sementeira de mediados de decembro (IRP=1), cando baixa a algo mais de un terzo (IRP=0.37), manténdose a dixestibilidade da materia orgánica sobre todo nas tres ultimas datas entre o 73,9 e o 75,6%.
A maioría de trevos incrementan o seu rendemento sementados a mediados de outubro fronte ao mes de setembro
Na figura 1 amósase o comportamento dos cinco trevos analizados, onde se observa como na sementeira de mediados de outubro vense favorecidos respecto da de setembro o trevo encarnado, que incrementa o seu rendemento arredor dun 10%, e os trevos persa e suaveolens, que o incrementan nun 50%, mentres que na de novembro soamente o trevo suaveolens aumenta o seu rendemento outro 50%, mantendo o trevo encarnado e o trevo persa o rendemento de mediados de setembro, estando os demais por debaixo dese rendemento. Nas sementeiras de mediados de decembro todos os trevos mantivéronse por debaixo do rendemento de setembro, rondando en xeral unha baixada do 50%.
3.3. Comportamento produtivo de trevos anuais sementados no período de outono e inverno
O comportamento produtivo expresado en materia seca por hectárea no momento da plena floración de seis trevos anuais sementados no outono (meses de setembro a novembro) foi comparado co sementado en inverno (decembro, febreiro, marzo e abril) nun ensaio levado a cabo no CIAM, observándose que no período de outono o rendemento foi de 7,8 t MS/ha, sen diferenzas significativas entre meses, mentres que o obtido no inverno foi un 53% inferior (3,7 t MS/ha), tamén sen diferenzas significativas a excepción do rendemento da sementeira do mes de febreiro, que resultou lixeiramente superior (5,8 t MS/ha).
Os trevos sementados no inverno teñen un comportamento produtivo un 53% inferior aos sementados no outono
A data de plena floración aconteceu na primeira quincena de maio, sen variacións significativas para as especies sementadas no outono, mentres que as sementadas no inverno floreceron entre finais de maio e mediados de xullo con diferenzas significativas. Así, as sementadas en decembro floreceron a finais de maio, as sementadas en febreiro o 15 de xuño e as sementadas en marzo e abril o 2 e o 11 de xullo respectivamente.
3.4. Comportamento de leguminosas anuais fronte a encharcamento e temperatura
Na táboa 1, baseado na bibliografía, amósase o comportamento de diversas leguminosas anuais fronte ao encharcamento e temperatura na súa etapa de crecemento, observándose como o trevo vesiculoso, trevo esquarroso, a veza villosa e os altramuces non soportan o encharcamento; mentres que o trevo suaveolens sopórtao pero non de forma prolongada. No caso do frío, non é soportado polo trevo suaveolens, vesiculoso e alexandrino, xunto coa serradela rosa, así como o altramuz tremosillo e azul.
3.5. Diferenzas de implantación dos diversos raigrases
Respecto do raigrás, indicar que nun ensaio levado a cabo no CIAM (figura 2) comparando a evolución de dous raigrases italianos alternativos (A), dous non alternativos (NA) e dous híbridos (H) comprobouse que sementados na mesma data de outono o rendemento en materia seca a primeiros de marzo xa era superior nos raigrases alternativos, mentres que nos non alternativos e nos híbridos era inferior por esta orde, o que indica que a implantación e crecemento foi máis rápida nos raigrases alternativos, mentres que os raigrases híbridos foron os que se implantaron e medraron mais lentamente. En contrapartida, o contido proteico e a dixestibilidade funcionaron de forma inversa, sendo máis elevado no raigrás hibrido e menos no alternativo.
4. SEMENTEIRA
Unha vez preparado o terreo xa se pode proceder a sementar, procurando facelo con maquinaria pouco pesada, o que adoita ocorrer en moitas das explotacións galegas, nas que as sementeiras se fan cunha sementadora de pratenses en liña acoplada á fresa de xiro horizontal ou vertical, co cal nunha pasada realizan o refino da capa de sementeira, o alisado e lixeiro compactado, a sementeira e o tapado da semente. Outras opcións de sementeira con maquinaria máis pesada compactaría o terreo e dificultaría a emerxencia da pradeira anual.
5. LABORES CULTURAIS
O rulado posterior (a ser posible mediante rodillo acanalado e flotante) sempre é interesante despois de sementar, e no caso de empregar mesturas con leguminosas anuais é obrigado. Debe facerse inmediatamente despois de sementar para conseguir un íntimo contacto da semente co terreo para asegurar a emerxencia e evitar a posterior contaminación por terra e pedras cando se leva a cabo o ensilado.
As leguminosas anuais non soportan o pase de rulo unha vez nacidas
En xeral as leguminosas anuais non soportan o pase de rulo unha vez emerxidas, polo que debemos desbotar esta practica procurando facelo xusto despois da sementeira.
Principais conclusións:
- Empregar maquinaria pouco pesada nas labores de preparación do terreo e sementeira.
- Laborear en sentido perpendicular á pendente do terreo.
- En base ao rendemento de materia seca, proteína e enerxía, en outubro e novembro indícanse como máis adecuadas as mesturas de raigrás con leguminosas anuais ou raigrás italiano só, mentres que en decembro aconséllase sementar raigrás italiano.
- Nas sementeiras de novembro con trevos anuais deberíanse empregar mesturas variadas de especies e, polo menos, con trevo suaveolens, trevo persa e trevo encarnado.
- Empregar as leguminosas forraxeiras anuais en función da súa adaptación ás condicións climáticas.
- Se se busca rápido establecemento, o raigrás alternativo e unha boa opción, pero presenta menor calidade que o non alternativo e o híbrido.
- As sementeiras de leguminosas de setembro a novembro acadan a plena floración antes de mediados de maio, polo que se poden colleitar con alto rendemento na segunda quincena de abril, a tempo para rotar con millo. Non ocorre así coas sementeiras realizadas a partir de decembro até abril, onde o aproveitamento para forraxe, ademais de obter un rendemento en materia seca mediocre, non permitiría a rotación con millo.