Recomendacións para reducir a factura eléctrica nunha granxa

Aumentar a potencia eléctrica nunha granxa supón un importante desembolso para os gandeiros, xa que a distribuidora eléctrica pode esixir que o gandeiro sufrague o transformador e a liña. Falamos coas distintas partes implicadas nesta problemática...

Recomendacións para reducir a factura eléctrica nunha granxa

O muxido é onde se concentra o consumo eléctrico nunha gandería e vacún de leite. Foto en SAT Iglesias

O pasado mes saltaba á opinión pública o caso dun gandeiro de vacún de leite de Portomarín (Lugo) ao que Unión Fenosa Distribución lle esixe 54.000 euros para incrementar a potencia eléctrica da súa granxa xa que o incremento implicaba cambios no transformador e na liña eléctrica.

Esta situación é común en moitas partes do medio rural e frea a realización de investimentos en melloras tecnolóxicas nas granxas.

Dende o Gabinete de Comunicación de Unión Fenosa Distribución deféndense asegurando que nese caso concreto de Portomarín “a mellora da potencia eléctrica da súa granxa supón, en realidade, triplicar a potencia que ten, (…) polo que para garantirlle a potencia de demanda que require sen que repercuta na calidade do subministro dos clientes da zona e na súa propia, cómpre facer un reforzo dunha nova liña cara á granxa”. “E a proposta económica que lle presentamos cumpre a lexislación vixente”, engaden.

¿Que di a normativa sobre quen paga o aumento da potencia eléctrica nunha granxa?

¿E que di precisamente a lexislación en España para estes casos? ¿Quen ten que pagar o reforzo da liña e do transformador: o gandeiro ou a distribuidora eléctrica?

O certo é que o Real Decreto 1048/2013 establece que cando un consumidor ten necesidade de incrementar a potencia contratada, a compañía distribuidora ten a obriga de subministración. Para ver quen ten que sufragar os custos desta acometida o primeiro que hai que determinar é se a solicitude é por crecemento vexetativo da demanda “extensión natural da rede”, ou ben se a solicitude do consumidor é unha “nova extensión de rede”.

No primeiro caso, o custo da acometida será abonado pola distribuidora e no segundo caso o custo da extensión de rede terá que abonalo o solicitante, o gandeiro neste caso. E máis concretamente, se a acometida é “nova extensión de rede” o solicitante deberá abonar os dereitos de extensión, cun baremo regulado, para os casos de potencia solicitada menor de 100 kW en baixa tensión e menor de 250 kW en alta tensión.

Para o resto dos casos, potencias solicitadas maiores ás anteriores, o solicitante deberá aboar o custe total da infraestructura que sexa necesario acometer e polo tanto non deberá abonar os dereitos de extensión.

Sen embargo, para Javier Iglesias, responsable de Gandería de Unións Agrarias, “esta situación é inxusta, pois o gandeiro está pagando el só do seu peto un incremento de potencia e unha mellora da rede que repercute positivamente no conxunto da zona”. Igualmente, considera “inmoral” que o gandeiro teña que pagar total ou parcialmente o custo dunha nova liña eléctrica á súa granxa, “porque as compañías eléctricas prestan un servizo de carácter público e ao que deberían acceder todos os cidadáns, máxime para crear riqueza no medio rural”.

Recomendacións para reducir a factura eléctrica nunha granxa

A electricidade é un importante capítulo de gasto nunha granxa de vacún de leite. “Por exemplo, unha gandería media con 100 vacas en muxido ven tendo unha factura eléctrica mensual duns 700 euros”, explica Miguel A. Rois, da empresa lucense Arza Ingeniería.

Neste sentido, ¿que pode facer o gandeiro para reducir a súa factura eléctrica? Velaquí algunhas recomendacións:

-Non contratar “sobre-potencias”: “Débese axustar a potencia que se pretende contratar ás necesidades reais da futura demanda, non contratar sobre-potencias, aplicar sistemas de eficiencia enerxética e aforro enerxético nas instalacións para reducir a necesidade de potencia contratada”, aseguran dende a Consellería de Industria da Xunta de Galicia.

-Outras medidas: “Pódense instalar reguladores de frecuencia, cambiar os alumeados a led, revisar o contrato eléctrico de potencia contratada ou instalar enerxías renovables como intercambiadores de calor ou placas solares”, destacan dende Arza Ingeniería.

-Enerxías renovables: A través do Inega, as empresas do sector agrícola primario poden acceder a apoios para proxectos de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética. O prazo de presentación de solicitudes do programa, que conta cun orzamento de 1,72 millóns de euros neste 2019, está aberto ata o 31 de maio.

Sen embargo, Javier Iglesias, de Unións Agrarias considera esta partida “claramente insuficiente para a demanda que está a haber, máxime cando a propia Xunta está a financiar as compañías eléctricas con partidas moi importantes para melloras da rede eléctrica”.

“Con enerxía fotovoltaica unha granxa pode cubrir o 40% da súa demanda eléctrica”

¿E canto pode aforrar unha gandería na súa factura eléctrica instalando enerxías renovables? Laura Aldariz, da empresa Tecgal Enerxías calcula que “no caso dunha granxa de vacún de leite pode cubrir ata o 40% do consumo eléctrico da súa factura con enerxía fotovoltaica”.

“O investimento pode oscilar entre os 20.000 e os 30.000 euros e o prazo de amortización é de entre 3 e 4 anos, sempre e cando se reciban as axudas do INEGA, que cobren sobre o 50% do custo. Sen axudas iría ao dobre de anos de amortización, pero tamén hai que pensar que pasado ese período tería electricidade gratis durante moitos anos”, engade Laura Aldariz.

A aprobación o pasado venres do balance neto para as enerxías renovables -na factura pagarán pola diferenza entre a electricidade que verten á rede e a que consumen- acurtará máis os prazos de amortización.

“Incluso nunha gandería sería posible ter unha instalación illada, independente da rede e xerando toda a enerxía eléctrica que precisa a granxa, pero sería necesario combinar as placas fotovoltaicas, con enerxía eólica, baterías para almacenar a electricidade e un grupo electróxeno por seguridade. É certo que o investimento dunha instalación illada é maior pero unha vez amortizado terá gratis toda a electricidade que consume”, conclúe a representante de Tecgal Enerxías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información