Recomendacións para reducir a contaminación eléctrica no establo e a súa incidencia nas vacas

As vacas son animais moito máis sensibles que os humanos á contaminación eléctrica, con importantes consencuencias sobre a súa saúde. O experto xeobiólogo francés Luc Leroy impartiu recentemente en Galicia varios cursos sobre como reducir este problema nas granxas

Luc Leroy durante unha das súas charlas en Galicia. Foto: Yann Pouliquen

Luc Leroy durante unha das súas charlas en Galicia. Foto: Yann Pouliquen

As correntes eléctricas e electromagnéticas, tanto as de orixe natural (presenza de fallas ou de cursos de auga debaixo dos establos) como sobre todo humana (colocación de liñas de alta tensión ou pastores eléctricos de forma inapropiada, mantemento inadecuado da instalación e dos aparellos eléctricos na granxa) poden ser unha importante fonte de problemas para as vacas, en forma de mamites, incremento de células en tanque, problemas reprodutivos…etc.

Neste sentido, Luc Leroy, experto en xeobioloxía en Francia, un país onde esta ciencia está moi avanzada e mesmo ten xustificado recentemente indemnizacións importantes a gandeiros por parte de compañiás eléctricas, impartiu recentemente en Galicia un curso de formación para avanzar no coñecemento desta disciplina. Fíxoo nos concellos coruñeses da Baña e de Mazaricos, nunhas xornadas organizadas por Xestión Agrogandeira e Natureza (XAN), nas que se combinou unha parte explicativa teórica con outra práctica en granxas para detectar posibles fontes de perturbación electromagnética que o ser humano non percibe pero si os animais.

“Ás vacas aféctalles a corrente eléctrica moito máis que ao ser humano”

Como punto de partida, Luc Leroy lembrou que a vaca polas súas características (catro patas en contacto directo co chan ou unha intelixencia instintiva e corporal) son moito máis sensibles ás correntes de electromagnetismo. Así, mentres que o ser humano ten un limiar de sensibilidade a partir de 1500 Ohms as vacas téñeno en 500 Ohms. Por iso, se hai unha fuga no sistema eléctrico a vaca vaino sufrir directamente.

O problema agrávase naqueles establos construídos enriba dunha falla do terreo ou dunha corrente subterránea, xa que se noutro punto desa falla se coloca un poste eléctrico ou unha toma de terra dun pastor eléctrico ou doutro aparello, esa corrente eléctrica vai acabar no establo, e por conseguinte nas vacas. “Isto explica porque a veces as vacas foxen de determinada parte do comedeiro ou non se deitan en certa área”, aclara Luc.

Por iso cobra especial relevancia ter en conta unha serie de recomendacións para reducir ao máximo posible a incidencia destas correntes na granxa e así evitar problemas produtivos, reprodutivos e de saúde no rabaño.

Estes son algúns dos aspectos a ter en conta:

-Mantemento das instalacións eléctricas:

Nun momento no que as ganderías empregan cada vez máis aparatos eléctricos (salas e robots de muxido, arrimadores, amamantadoras…etc) un correcto mantemento das instalacións eléctricas resulta clave para reducir as fugas e evitar asi que prexudiquen as vacas. “Nun clima húmido como o de Galicia hai problemas de condensación en todos os aparellos eléctricos e nos enchufes, polo que un protocolo que deberíamos implantar é de forma periódica sacar as tapas dos enchufes e cun secador sacarlles a humidade, desta forma sinxela evitaríamos moitos problemas”, explica Luc Leroy.

Outra recomendación é non ter móbiles enchufados a cargar na sala de muxir ou cerca das vacas, xa que segundo advertiu os cargadores irradian unha potente corrente electromagnética.

E por suposto, un profesional debería verificar cada ano o bo funcionamento da instalación eléctrica, así como do tanque, da bomba, da limpeza automática dos pasillos, o compresor, etc

-Ollo cos pastores eléctricos:

O experto francés advertiu de que os pastores eléctricos son aparellos que trasmiten ao fío unha corrente de entre 10.000 e 15.000 voltios, unha alta tensión aínda que de baixa intensidade, que se non se emprega correctamente pode repercutir negativamente nas vacas. Neste sentido, aconsellou:

-Reducir ao máximo as fugas de electricidade no fío, cunha boa limpeza para evitar o contacto do fío con herbas, silvas, árbores, puntos de fuga polos que perderemos corrente na terra.

-Colocar a toma de terra do pastor, como mínimo, a 10 metros do establo, en caso de que o teñamos colocado na granxa. O obxectivo é evitar que a electricidade pase tamén ao establo.

-É clave ter unha correcta toma de terra: As piquetas deben ter polo menos un metro de profundidade e colocar varias se fora necesario. A partir de 10 julios fan falta 3 piquetas ligadas en serie e separadas entre si polo menos un 1 metro. En canto ao material, para non perder eficacia as piquetas da toma de terra deben se de ferro galvanizado, aceiro inoxidable ou cobre, e ser do diámetro o máis groso posible.

-Canto a terra estea seca é preciso regar onde teñamos colocadas as piquetas da toma de terra para non perder eficacia.

-Evitar que o establo quede situado entre o pastor e a toma de terra, pois a corrente eléctrica tamén acabaría chegando ao establo se debaixo deste hai unha corrente de auga ou zona de tensión no terreo.

-Evitar levar o fío do pastor eléctrico ao lado do establo e de ter que facelo empregar un fío illante para 10.000 voltios, pois do contrario as fugas van chegar ás vacas, cos problemas conseguintes.

-Intentar non ter os pastores eléctricos preto dos becerros, moito máis sensibles aínda que as vacas ás correntes.

-A importancia dunha correcta ubicación das tomas de terra:

-As tomas de terra deben estar algo afastadas do establo, e especialmente da sala de muxir. “A toma de terra da sala de muxir é tamén clave afastala. Os establos son de formigón, material que transmite ben a electricidade, e ademáis estamos nun entorno con bastante humidade, polo que se hai un problema de corrente electromagnética as vacas vano evidenciar enseguida retendo o leite, cagando, mexando, movéndose moito…etc”, explicou o xeobiólogo francés.

-No caso de instalar placas fotovoltaicas no establo Luc Leroy recomendou que teñan unha toma de terra propia, e ao igual que as outras separada do establo.

-Os bebedoiros:

A auga é un bo conductor da electricidade polo que debemos extremar as precaucións. Algúns consellos de Luc Leroy son:

-Situar os bebedeiros nunha zona neutra ou favorable, e afastada de tomas de terra.

-A canalización non debe ir paralela nin estar próxima aos cables eléctricos.

-Evitar cero fallos de illamento nas bombas de auga e nos cables das mesmas.

-A tensión eléctrica debe ser de menos 35 mV AC entre bebedeiro e solo.

-Observación dos animais no bebedeiro: Se hai problemas vano manifestar lambendo a auga, salpicándoa, cun baixo consumo de auga…

-Ubicación do establo:

“Antigamente antes de construír unha casa recorríase a un zahorí que coa axuda dunhas varas metálicas ou de salgueiro, así como dun péndulo, detectaba as correntes electromagnéticas do solo producidas por correntes subterráneas de auga ou de zonas de tensión no subsolo. O mesmo se pode volver recuperar hoxe para ver a mellor ubicación dun establo novo”, afirma o experto. A priori, as zonas elevadas no terreo e máis enxoitas deberían ser as menos proclives a ter este problema.

-Que facer se un poste eléctrico cerca do establo está afectando negativamente ás vacas?

A instalación dun transformador ou dunha liña eléctrica cerca do establo pode ser o comezo dun rosario de problemas de saúde para as vacas. A causa? Que estas instalacións estean en contacto cunha corrente de auga ou zona de fricción no terreo sobre o que está construída a granxa.

Unha primeira solución pode ser negociar coa compañía eléctrica para que mova a ubicación do poste; e mentres tanto colocar un fío de cobre como barreira entre o poste o establo conectado a unha toma de terra con illante e situada afastada da corte. A última vía sería a xudicial, un recurso pouco común aínda en España pero no así en Francia, onde algúns gandeiros xa teñen gañado xuízos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información