Recomendacións para programas de apareamentos en vacún de leite

Como traballar cun programa informático de apareamentos?, Que estratexia a empregar para determinar as opcións máis apropiadas para cada vaca? ou por que é tan importante o control da consanguinidade? O equipo técnico de Africor Lugo responde a estas preguntas neste artigo.

Recomendacións para programas de apareamentos en vacún de leite

Apina Delano, de Xenética Fontao, o mellor touro de España. Autor: Mauricio de los Santos

A mellora xenética é un proceso lento xa que das decisións que se tomen hoxe, tardaremos anos en ver os resultados, como o dunha maior produción de leite ou unha mellor calidade de graxa ou proteína. Por iso, os obxectivos deben ser coidadosamente planificados, precisos e seguidos de forma consistente por varios anos.

Unha ferramenta que nos axudará neste obxectivo son os programas de apareamento O primeiro obxectivo dun programa de apareamentos debe ser controlar a consanguinidade

Características que debe ter un programa de apareamento:

– Que permita evitar cruces consanguíneos e cruces con defectos xenéticos (CVM, Chapinara, haplotipos, etc.).

– Ter en conta toda a información xenealóxica, produtiva, fenotípica e xenética dos animais e que esta poida ser actualizada con facilidade.

– Dispoñer dunha base de datos de touros para axustar, que se estea actualizando permanentemente, incorporando touros novos.

– Permitir que o gandeiro decida sobre as prioridades de apareamento.

– Permitir varias opcións por vaca, a efectos de poder decidir entre varios touros, de distinto prezo, en función da fertilidade da vaca ou da decisión de recriar.

– Permitir facer unha estimación de compra de dose seminais, que ao facerse en lote, permite abaratar o seu custo.

Cando empregamos un programa informático para realizar de forma eficiente os apareamentos, co fin de controlar a consanguinidade, fíxase unha porcentaxe asumible como límite, de forma que ningunha das recomendacións de apareamento que nos dea o programa superará este nivel.

Dado que a porcentaxe de consanguinidade dun animal depende da cantidade de datos recollidos sobre o seu pedigrí, os valores de consanguinidade calculados sobre dúas ou tres xeracións do pedigrí sempre serán máis baixos que os calculados sobre datos de cinco ou máis xeracións, polo que os valores de consanguinidade estimados estarán en función da información do pedigrí que se utilice no seu cálculo. Os programas de apareamentos poden menosprezala se se dispón de poucos datos do pedigrí dos animais. Do mesmo xeito, as recomendacións do apareamento diferirán dun programa a outro, a pesar de que os dous fixen o mesmo nivel de tolerancia para a consanguinidade

 “O importante é ter claros os conceptos de mellora xenética”

No mercado existen moitas e diferentes alternativas. Algúns están integrados noutros programas de xestión da gandería e hainos que son de uso exclusivo para facer apareamentos. O programa informático é o menos importante, a non ser que nos dediquemos profesionalmente a iso. O importante é ter claros os conceptos de mellora xenética e que dispoñamos da información e a formación necesaria para realizalos. O programa máis completo e complexo pode ser inútil se o infrautilizamos. Os programas canto máis completos, precisan dunha gran dedicación para chegar a dominalos con soltura.

É frecuente o uso de versións de programas estranxeiros que se adaptan en maior ou menor medida aos nosos índices xenéticos e aos nosos criterios de selección, aínda que o ideal é traballar con programas que teñan en conta os índices xenéticos españois.

“A recomendación sería usar uns poucos touros cada ano, tres ou catro”

O elevado número de touros distintos que se empregan leva a que realizar un apareamento, sen a axuda dun programa informático, sexa moi difícil, xa que cantos máis touros se usen, máis difícil será lembrar as xenealoxías dos touros empregados. A recomendación sería usar uns poucos touros cada ano, tres ou catro, para, ao ano seguinte,d cambiar por outros de liñas diferentes. Cando nun rabaño atopámonos case tantos pais distintos como animais, indícanos que non se está a realizar correctamente a planificación da mellora xenética.

Como traballar cun programa informático de apareamentos?

As bases de datos deben estar actualizadas. Con cada nova valoración xenética obtense unha estimación máis fiable do valor xenético dos animais (tanto de vacas como de touros), na medida en que se dispón de máis información.

Para cada gandería é necesario fixar uns criterios de selección, debendo coñecer a situación de partida, establecendo uns obxectivos de mellora.

Os touros para empregar poden ser os que xa dispón o gandeiro ou a partir do asesoramento do técnico de apareamentos

Unha vez definidos os criterios, o programa optimiza o apareamento para obter a mellor descendencia posible, co obxectivo marcado.

Dado que haberá vacas que será difícil axustar cos touros empregados para alcanzar o obxectivo, é preciso establecer revisións (voltas) no programa:

Estratexia a empregar para determinar as opcións máis apropiadas para cada vaca:

– Aplicar restricións a todo o conxunto de vacas de maneira que na primeira volta obteremos as opcións de apareamento para unha parte delas (as vacas cun nivel xenético superior do rabaño).

– Gardar as opcións xunto coas restricións aplicadas na primeira volta.

– Coas vacas restantes debemos aplicar unha menor esixencia nas restricións, de maneira que outra parte delas queden axustadas nunha segunda volta.

– Aplicaremos tantas voltas como sexa necesario ata dar opción a todas as vacas.

Debido a que a esixencia en sucesivas voltas decrece, as vacas que quedan nas roldas finais adoitan ter un mérito xenético inferior, polo que tamén se debe plantear se realmente interesa recriar delas.

Nos informes que se xeran detállanse as opcións máis apropiadas para cada vaca, agrupadas por voltas, incluíndo unha descrición das restricións aplicadas. É importante arquivar tanto os criterios como as restricións aplicadas no apareamento, así como os touros dispoñibles cos que se traballou.

Importancia do control da consanguinidade

En calquera poboación de gando de calquera raza a nivel mundial, os mellores animais, cos índices xenéticos máis altos, comparten parentesco, o que fai difícil axustar animais de alto valor xenético sen caer en elevadas taxas de consanguinidade. É un feito que as ganderías con índices xenéticos máis altos, tamén presentan maiores porcentaxes medias de consanguinidade

“Existe unha alta probabilidade de facer apareamentos consanguíneos se non dispoñemos dun programa de apareamentos”

Os touros máis usados tenden a ser os que ocupan os lugares máis altos da clasificación por índices xenéticos de cada país. Se facemos un estudo dos dez mellores touros frisóns de cada país, dos países con maior relevancia no mercado español, observamos que na súa maioría proceden de tan só tres liñas: O Man, Planet e Shottle, presentes no 55%, 24% e 34% dos touros respectivamente.

Estes datos oriéntannos sobre a alta probabilidade de facer apareamentos consanguíneos se non dispoñemos dun programa de apareamentos O principal problema co que se enfronta a selección en gando frisón é a escaseza de liñas xenéticas diferentes coas que se está a traballar a nivel mundial.

MELLORES_TOUROS_PAISES_2015

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información