Recomendacións para previr o coronavirus no sector forestal

Recomendacións para previr o coronavirus no sector forestal

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) acaba de facer públicas unhas recomendacións básicas de prevención fronte ó coronavirus na actividade forestal. Os consellos baséanse en evitar o contacto próximo, polo que recomendan gardar unha distancia mínima de 2 metros. Tamén é fundamental establecer medidas hixiénicas e organizativas para previr os contaxios.

Ademais, dende o ISSGA detallan unha serie de medidas tendo en conta as particularidades deste sector. A continuación recollemos as propostas:

-Efectuar un control axeitado de acceso ó monte.

-Non ir traballar con febre (>37 graos), síntomas respiratorios ou se houbo contacto próximo cunha persoa infectada.

-Evitar coincidir en espazos ou zonas reducidas. Manter a separación de seguridade no traballo.

-Evitar compartir ferramentas ou vehículos.

-Nunca máis dunha persoa por fila de asentos nos vehículos.

-Comunicar mediante carteis as recomendacións sanitarias.

-Reforzar a dispoñibilidade de material de limpeza e hixiene. Repartir bolsas para os refugallos.

-Facilitar o lavado frecuente das mans ou o uso de solucións hidroalcohólicas no monte e nos vehículos.

-Cubrir as vías respiratorias cun pano desbotable ou co antebrazo ao tusir ou esbirrar e desbotalo de xeito adecuado.

-Evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca, xa que as mans facilitan a transmisión.

-Limpar con frecuencia os espazos de uso común, equipos e utensilios de traballo (vehículos, equipos, ferramentas, teléfonos e maquinaria). Levar desinfectante contra o virus e panos desbotables nos vehículos.

-Usar luvas desbotables para recoller e asinar albarás.

-Non se recomenda o uso de máscaras, salvo situacións específicas indicadas polo servizo de prevención.

-Evitar compartir comida, bebida, obxectos e ferramentas.

-Difundir a tódalas empresas concorrentes e persoal autónomo as medidas preventivas adoptadas para evitar contaxios.

-Limitar as tarefas nas que pode haber maior probabilidade de contacto entre o persoal concorrente.

-Valorar a necesidade de establecer quendas para evitar contaxios entre o persoal.

-Adaptar o posto ou limitar as tarefas con maior probabilidade de contacto para persoal máis vulnerable á infección.

-Dar pautas de actuación ante posibles situacións de estrés laboral.

Para máis información en prevención de riscos laborais, pódese consultar coas distintas oficinas nas principais vilas galegas de xeito telemático ou por teléfono:

-A Coruña: 981 182 329 issga.coruna@xunta.gal

-Lugo: 982 294 300 issga.lugo@xunta.gal

-Ourense: 988 386 395 issga.ourense@xunta.gal

-Pontevedra: 886 218 101 issga.pontevedra@xunta.gal

-Santiago: 881 999 332 issga@xunta.gal

Ademais, os cidadáns poden dispoñer de máis información no teléfono: 900 400 116 ou na web coronavirus.sergas.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información