Estes días iníciase a campaña de ensilado da herba, que acadará o seu punto álxido nunhas semanas. Neste sentido, dende distintas administracións ofrecen as seguintes recomendacións para evitar os contaxios de Covid-19 durante estes traballos:
– Evitar o contacto físico entre persoas tanto en zonas pechadas como abertas gardando sempre unha distancia mínima de seguridade de 1,5 metros.
-Usar mascarillas e guantes de seguridade. Recoméndase traballar con luvas de vinilo/acrilonitrilo (no caso de usar luvas de látex, recoméndase que se utilicen sobre unha luva de algodón).
-Unicamente está permitido que vaia unha soa persoa no tractor ou colleitadora.
-Se hai que baixar do tractor, sempre se fará respetando a distancia de seguridade entre persoas.
-Evitar reunirse as persoas en grupos, tanto nas paradas para descansos, á hora de xantar ou por calquera outro motivo.
– Facer as descargas no silo evitando, se fose posible, que o responsable do transporte teña que apearse do vehículo.
– No caso de precisar algún tipo de subministro (plástico, etc), é preferible facer os pedidos por teléfono e que os veñan traer á explotación que ter que facer continuas saídas da gandaría.
– Na medida do posible, evitar o uso compartido de útiles de labranza e, en caso de que as ferramentas sexan compartidas, desinfectalas con frecuencia ou entre usuario e usuario.
– Cando a maquinaria é usada por distintas persoas, antes de que suba outro condutor, desinfectar as partes coas que máis en contacto se está para o seu manexo (limpar tapicerías, volante, mandos, manillas, asas, etc).
– Para a limpeza e desinfección pode usarse lixivia de uso doméstico nunha disolución de 30 ml de lixivia por litro de auga (en superficies nas que non se poida usar lixivia, pódese utilizar alcol ao 70%).
– Lavar a roupa de traballo na lavadora con auga quente entre 60 e 90ºC, sen sacudila previamente e usando luvas para a súa manipulación.
Ante a aparición de síntomas en calquera persoa, o protocolo indica que debe illarse no seu domicilio sen ir a traballar e porse en contacto coas autoridades sanitarias nos teléfonos dispostos ao efecto (no caso galego o 900400116).