A cerdeira brava (Prunus avium) é unha especie caducifolia que adoita atoparse en Galicia como árbore acompañante en carballeiras, fragas e bosques de ribeira. A súa presenza habitual é en forma illada ou en pequenas mouteiras, preferentemente en zonas frescas e sombrías. É unha árbore produtora de madeira nobre e cun crecemento medio. Para o seu uso en plantacións forestais, recoméndase empregar clons con calidade demostrada, preferentemente de orixe autóctona, de xeito que estean adaptados ó solo e ó clima.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán ten certificados polo de agora dous clons de cerdeira de orixe galega, que xa se poden atopar no mercado, aínda que con dificultades, e este ano está pechando a certificación de tres novos clons de calidade superior.
Os clons xa certificados de cerdeira galega toleran o asolagamento, pero son sensibles á seca
Os clons xa certificados son o ‘Prunus avium Lourizán 1’, que presenta unha supervivencia en plantación superior ó 94%, e o ‘Prunus avium Lourizán 2’, con supervivencias superiores ó 90%. Os fallos nas plantacións adoitan estar relacionados cunha mala calidade de solo.
Estes clons foron seleccionados no 2011 e 2012 por acadar maiores crecementos que os outros presentes nas plantacións de ensaios de Lourizán, en especial o Lourizán 1. As árbores adoitan presentar fustes rectos, sen bifurcacións, e toleran asolagamentos, pero no seu debe hai que subliñar que son sensibles á seca. Un dos clons que se está a rexistrar este ano, o Lourizán 3, si presenta unha maior adaptación ás secas.
En función da ubicación da plantación, cómpre ter tamén en conta a data de floración. O Lourizán 1 é de floración tardía, na segunda semana de abril, en tanto o Lourizán 2 é de floración precoz, a partir do 24 de marzo.
Aspectos claves
De acordo coas recomendacións de Lourizán, as principais cuestións a ter en conta nunha plantación forestal de cerdeira son as seguintes:
– Para o establecemento de plantacións forestais é preciso partir de plantas de boa calidade xenética e morfolóxica, con entre un e dous anos de crecemento en viveiro, fase na que superan o metro ou metro e medio de altura.
– Precísanse terreos con boa profundidade e boa dispoñibilidade de auga, sen seca e sen estar asolagados nos periodos vexetativos, para que as árbores acaden bos crecementos. En caso de secas, sería preciso facer regas os primeiros anos
– Utilizar terreos protexidos dos ventos. Recoméndanse terreos de val e antigos terreos agrícolas. Deben evitarse cumes e zonas moi expostas ós ventos dominantes. Tamén debe protexerse a plantación dos depredadores, como os corzos, que gustan dos brotes tenros desta especie.
– Establecer marcos de plantación de 4×4 metros, xa que emprégase planta de calidade e non se prevén rareos. Pode usarse un marco maior, pero serán precisas maiores podas.
– Realizar coidados culturais, o que permitirá obter bos crecementos, con quendas de corta duns 30 anos.
– Proceder á poda das pólas, especialmente cando as árbores tendan a formar pólas grosas ou haxa algunha que compita co eixo principal e comprometa a rectitude no fuste da árbore. As pólas de un a dous anos podaranse parcialmente, para ser eliminadas en anos posteriores. Ningunha póla que se pode debe superar os 2,5-3 centímetros de diámetro, a fin de evitar a formación de nós. A poda executarase na parte final da primavera.