Recomendacións para os últimos tratamentos en viñedo

A vendima non se acometerá con probabilidade ata a segunda quincena de setembro, pero convén ter xa en conta os prazos de seguridade dos fitosanitarios nas derradeiras aplicacións

Publicidade
Recomendacións para os últimos tratamentos en viñedo

Folla afectada por mildeu.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, incide no seu último boletín de avisos fitosanitarios na necesidade de ter en conta o prazo de seguridade dos produtos fitosanitarios a partir de agora. Dado o retraso que leva o viñedo esta campaña, a vendima non comezará probablemente ata a segunda quincena de setembro, pero xa hai adegas que estableceron como data límite para os tratamentos o final desta semana. Nos casos en que non haxa datas límite, haberá que ter en conta o prazo de seguridade dos pesticidas.

De cara á previr problemas nas últimas semanas, Areeiro recomenda atender en especial a posibles síntomas e perigos en relación a botrite, tamén coñecida como podredumbre gris. Logo das choivas da pasada semana, tamén habéra que ter tino co mildeu e co oídio, sobre todo naquelas zonas que tiveran especial afección de mildeu esta campaña e onde os racimos aínda non estean na fase de envero, coa maduración iniciada.

Mildeu e oídio
Coa entrada da uva no envero, o racimo xa non é sensible ó mildeu, pero en viñedos que tiveran fortes ataques esta primavera, é posible unha elevada densidade de manchas en folla, o que pode orixinar unha defoliación que comprometa a maduración da uva. En casos así, será preciso un novo tratamento cun produto cúprico, segundo indica Areeiro.

En parcelas que tivesen moito mildeu esta campaña, un novo ataque de importancia podería orixinar unha importante defoliación

En canto ó oídio, as choivas da pasada semana elevaron a humidade relativa, polo que hai riscos da enfermidade. Sen embargo, o patóxeno non afecta ó racimo desde a fase de envero, polo que se as uvas están en maduración non será preciso intervir. Nas fincas nas que non se xeralizase o envero, haberá que atender a posibles problemas.

Botrite
Tras as precipitacións da última semana (mércores 17 e venres 19), Areeiro recomenda aumentar a vixilancia. Hai que ter en conta ademais que outros danos que pode rexistrar o viñedo, como picotazos de páxaros, penetracións de polillas ou golpes de sol poden favorecer a entrada do fungo no racimo de aquí á vendima. Nas variedades de pel fina e racimo compacto, como a treixadura, godello ou loureira, a vixilancia debe ser extrema.

En variedades de pel fina e racimo compacto, como a treixadura e o godello, hai que extremar a vixilancia sobre a botrite

Dado que no mercado existen funxicidas con prazo de seguridade moi distinto, hai marxe para aplicar tratamentos futuros antes da vendima se fose preciso. No caso das plantacións que teñan data límite para aplicar tratamentos a finais desta semana, se é necesario intervir, haberá que facelo no último día en que sexa posible, pois aínda resta moito tempo ata a vendima.

Polilla do racimo
En canto ás perforacións por polilla do racimo (Lobesia botrana), son variables. Hai zonas de Rías Baixas con escasos danos e outras nas que os danos superan o umbral de tolerancia (3-5% dos racimos afectados). Se se chega a ese límite e se ven riscos de botrite, haberá que tratar. No caso de que non haxa riscos claros de botrite, o umbral de tolerancia pódese elevar ata o 5-8% de afección.

'Scophoideus titanus'. / Imaxe: Areeiro.

‘Scophoideus titanus’. / Imaxe: Areeiro.

Cicadélidos
As capturas de cicadélidos nas trampas de Areeiro están a ser baixas. Sen embargo, esta semana atopáronse os dous primeiros adultos de Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, polo que se aplicará tratamento na parcela na que apareceron.

En Galicia nunca se detectou a flavescencia dourada, unha enfermidade de cuarentena que pode levar á morte das plantas, pero si está presente no norte de Portugal. O Scaphoideus titanus é un insecto cicadélido que se alimenta da savia das plantas, polo que pode ser un vector da enfermidade. Esta especie está presente en Galicia desde 2007 e aínda que nunca se capturou ningún insecto que fose portador de fitoplasma afectado por flavescencia, recoméndase o seu control.

Os síntomas da flavescencia dourada non son específicos, pero entre eles está o decaimento dos pámpanos, a colocación das follas en forma de tella, a perda de inflorescencias e incluso a morte da planta.

Tuta en tomate

Areeiro está a recibir últimamente numerosas consultas relativas á praga da tuta en tomate. Coas temperaturas deste verán, a praga aumentou as súas poboacións nalgunhas zonas, polo que é preciso aplicar diferentes medidas para o seu control e prevención: tratamentos químicos (sempre con produtos autorizados e respetando o prazo de seguridade), loita biolóxica e, moi importante -valora Areeiro-, medidas culturais. Entre estas, hai que eliminar calquera resto do cultivo e, no posible, instalar mallas nas ventilacións dos invernadoiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información