Recomendacións para os apicultores para evitar o contaxio do coronavirus

Recomendacións para os apicultores para evitar o contaxio do coronavirus

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) ven de emitir unha circular na que realiza unhas recomendacións para reducir os riscos de contaxio do coronavirus durante os traballos apícolas.

Como punto de partida, lembran que no actual estado de alarma, e a pesar das restricións xerais impostas ao movemento das persoas, está permitida a actividade agrogandeira e, polo tanto, tamén a apícola, así como todas aquelas actividades que as sustentan (entrada e saída de traballadores, visitas de veterinarios ou técnicos, entrega de materiais, recollida do produto…), precisamente para asegurar a subministración de alimentos á poboación.

“Esta circunstancia non quere dicir que nas explotacións non se deban tomar medidas en relación ao coronavirus, é máis, polo feito de manter a actividade estas deben ser reforzadas”, precisan dende AGA.

Velaquí as medidas recomendadas polas distintas administracións para previr o contaxio do coronavirus na apicultura:

-Desprazamentos para actividade apícola profesional e autoconsumo:

Os desprazamentos ós apiarios ou calquera outro necesario para a realización da actividade están permitidos, tanto para apicultores e apicultoras profesionais como para autoconsumo, independemente do número de colmeas e da distancia entre o domicilio e o lugar do traballo, sempre e cando as colmeas estean rexistradas no REAGA. Hai que levar canda un sempre o caderno de explotación apícola, para xustificar o desprazamento, e seguir as recomendacións sanitarias, limitando o contacto con outras persoas e coas medidas de hixiene e desinfección necesarias.

-Desprazamentos en coche:

Os desprazamentos en coche serán preferentemente individuais ou como máximo dúas persoas. A segunda persoa traballadora, sexa familar ou non, ten que ir no asento de atrás e en diagonal.

-Venda de produtos.

Pódese continuar coa venda de produtos, por transporte ou entrega no domicilio do comprador, intentando que non implique a presenza física das persoas nin o seu desprazamento pola vía pública. Por exemplo, facer os pedidos por teléfono ou online e enviando o produto por transporte directamente ó domicilio.

-Mercados:

Queda prohibida ata o 31 de marzo a realización dos mercados con venda directa de produtos agrícolas e gandeiros. O levantamento ou mantemento desta prohibición despois do 31 de marzo poñerase en coñecemento da cidadanía a través da páxina web da Consellería do Medio Rural

-Subministro de material:

As tendas de subministro de material necesario para o mantemento da actividade poden continuar coa actividade. En todo caso evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de prevención e recomendacións establecidas.

-Prestación de servizos:

Os servizos de veterinaria, servizos agronómicos, servizos de maquinaria en común, poden serguir realizándose, seguindo as recomendacións sanitarias que se estableceron para todos.

-Recomendacións e medidas preventivas dentro das explotacións:

1. Restrinxir ao máximo posible as visitas á explotación.

2. Se na explotación traballan varias persoas, da propia empresa familiar ou externas, evitar o contacto físico e tentar manter en calquera actividade unha distancia mínima de 1,5 metros entre elas.

3. Se unha persoa integrante da empresa familiar presenta síntomas (tose seca, febre, dificultades respiratorias), illarse en casa, e comunicalo aos servizos sanitarios (teléfono 900 400 116).

4. Se existen traballadores externos, é necesario informarlles de que, no caso de observar síntomas, deben permanecer no seu domicilio e comunicalo á persoa responsable da explotación e aos servizos sanitarios, sen acudir a traballar. En todo caso, ningún traballador externo debe entrar na explotación con síntomas.

5. No caso de prestación de servizos externos (veterinario, nutrólogo, subministración de penso, recollida de leite, retirada de cadáveres etc.), debe manterse a mesma distancia mínima respecto ás persoas que exercen esa actividade, limitando os seus movementos dentro da explotación ás
áreas onde se requira a súa presenza. Ningún axente comercial ou técnico debe acceder á explotación se presenta síntomas.

6. No caso de visitas de persoal de servizos externos, esixir o uso de roupa e calzado impermeable que permita a súa inmersión ou chorreado con solución desinfectante antes de ingresar na granxa.

7. Manter limpos e dotados de produtos desinfectantes os diferentes espazos explotación.

8. Procurar establecer zonas ou peiraos de carga e descarga na periferia da granxa deseñados de forma que se minimice a necesidade de que a persoa responsable do transporte entre na granxa e, se fose posible, que teña que apearse do vehículo.

9. Restrinxir todo o posible as saídas da explotación, limitándoas ás imprescindibles, e o menor número de veces (compra de materiais, venda de produtos…). A mellor opción é realizar os pedidos por teléfono ou Internet e solicitar a entrega na propia explotación. De non ser posible a entrega a domicilio, realizar todas as xestións por teléfono e saír unicamente para a recollida, extremando as medidas de prevención xerais nos establecementos: manter a distancia de seguridade cos provedores, evitar a concorrencia con outros clientes. No caso de ter que realizar varias xestións, agrupalas e realizalas na mesma saída. Lavar e desinfectar as mans ao regresar á explotación, antes de realizar calquera tipo de actividade.

10. Tentar realizar as diferentes xestións administrativas en relación ao funcionamento da explotación priorizando o uso de ferramentas electrónicas ou telefónicas sobre as presenciais (Oficina Agraria Virtual, 012, receitas electrónicas de medicamentos…).

11. Na medida do posible evitar o uso compartido de maquinaria e útiles de traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información