Recomendacións para o esfollado en viñedo

O esfollado é unha técnica que permite aumentar a calidade da uva e mellorar o estado sanitario da vide. Falamos con dous expertos: Diego García, director de viticultura da adega Paco & Lola, e Emilia Díaz Losada, técnica da Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (EVEGA)

Publicidade
Recomendacións para o esfollado en viñedo

Esfollado nunha viña do Ribeiro

O viñedo este ano en Galicia acumula un adianto de ao redor de dúas semanas, atopándose gran parte das vides na fase de peche de acio. É, por tanto, o momento para realizar o esfollado, unha técnica que se estendeu nos últimos anos, e que consiste en retirar de forma controlada follas dos acios para mellorar a aireación e a maduración dos mesmos. Desta forma, non só se mellora a calidade da uva (mellora a cor da uva, a súa tipicidad aromática, ademais de facilitar a vendima), senón que tamén o estado sanitario da vide, contribuíndo a reducir a aplicación de tratamentos.

Para coñecer como realizar o esfollado dunha forma correcta, falamos con dous expertos; Diego García, director de viticultura da adega Paco & Lola, e Emilia Díaz Losada, técnica da Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (EVEGA), que nos lembran os aspectos clave a ter en conta.

Cales son os momentos indicados para realizar o esfollado no viñedo?

O esfollado tradicional, que moitos viticultores realizan, sobre todo nas zonas frescas como Galicia, consiste na eliminación das follas basais próximas ao acio, entre 2 e 4 desde peche do acio até vendima.

Cando realizalo? Para Emilia Díaz Losada “se se persegue unha finalidade sanitaria debería realizarse desde a fase de peche do acio”. “Isto é adecuado en viñedos vigorosos con moita densidade de vexetación e en variedades con acios moi compactos. En viñedos pouco vigorosos, nos que a densidade foliar sexa limitada, é necesario manter a masa foliar para o seu adecuado desenvolvemento polo que se se realiza esfollado deberá realizarse iniciado o envero, cando as follas basais van perdendo a súa maior capacidade fotosintética”, engade a técnica da EVEGA.

Neste sentido, Diego García matiza que “un bo punto de partida sería realizar unha nutrición equilibrada da viña, evitando sobreabonados, pois desta forma teremos menos necesidade de realizar esfollados e podas en verde, co consecuente menor custo económico para o viticultor e menor impacto ambiental”.

Esfollado antes da vendima:

Outro esfollado é o que se realiza unhas tres semanas antes de vendima para aumentar a calidade da uva e facilitar o corte de acios. “Non produce malos efectos xa que as follas basais presentan unha actividade fotosintética que é prescindible, e pode aumentar o rendemento dos vendimiadores dun 20 a un 40%”, destaca Emilia Díaz Losada.

Os beneficios a nivel de calidade da uva son claros: “pode incrementar a concentración dos azucres debido á perda de auga producida polo incremento de transpiración do bago; pode diminuír a acidez, en particular do ácido málico, favorecida por un microclima máis luminoso dos acios; e a cor dos bagos pódese ver favorecida. Por outra banda prodúcese unha aireación dos acios que sobre todo en acios compactos actúa como unha medida preventiva fronte a botryte”, explica a técnica da EVEGA.

Como debemos realizalo?

O esfollado ten que realizarse na cara exposta ao leste. Así os acios quedan expostos ao sol da mañá, menos nocivo que o do mediodía e da tarde. E é que os fortes golpes de sol poden danar os bagos producindo queimaduras e deshidratacións.

“Non debemos realizar esfollados excesivos, soamente aquelas que tapan os acios. Antes de realizalo recomendaría retirar os netos ou brotes secundarios, pois desta forma moitas veces xa é suficiente”, asegura o director de viticultura da adega Paco & Lola.

Emilia Díaz Losada engade que “hai que ter en conta o tipo de variedade cultivada. Así, en variedades como Godello, sensibles ás  queimaduras, o esfollado debe ser mínimo, de forma que os acios queden en certa medida protexidos”.

Cales son os erros máis comúns que se realizan no esfollado?

Os principais erros que se cometen no esfollado son, segundo a técnica da EVEGA, a retirada excesiva de follas e facelo na cara máis exposta ao sol.

“Existen certas zonas nas que se realizan esfollados moi profundos, sen beneficio algún nin para a planta nin para a calidade da colleita e cun importante custo económico.E a realización de esfollados na cara máis exposta ao sol, que non leva máis que a queimaduras nos acios por posibles golpes de sol”, advirte Emilia Díaz Losada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información