Recomendacións para o control da nosemose, unha enfermidade en expansión nas colmeas

Resumo da ponencia de Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, na xornada organizada pola Asociación Apícola Ourensá sobre profilaxe e sanidade nas colmeas e alimentación complementaria

Recomendacións para o control da nosemose, unha enfermidade en expansión nas colmeas

A nosemose é, xunto á varroa e a loque, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas. Mentres que a varroa afecta tanto á cría como ás abellas adultas, a loque á cría, o nosema só afecta ás abellas adultas.

Neste sentido, Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, impartiu recentemente unha charla sobre como controlar a nosemose, dentro dunha xornada técnica organizada pola Asociación Apícola Ourensá.

O “nosema apis” é un parasito do tracto dixestivo das abellas adultas. É unha enfermidade moi contaxiosa e que se presenta en dúas formas:

-Nosema aguda: provoca diarrea. É a que coñecemos de sempre.

-Nosema crónica: non presenta diarrea, senón síntomas inespecíficos. Trátase dun nosema da Apis cerana que no ano 2005 tamén se detectou en Apis mellifera e dende entón está en expansión.

Síntomas:

Imos centrarnos máis nesta última, posto que é a máis problemática.

Síntomas: Son síntomas inespecíficos, como xa dixemos:

-Colmeas que non avanzan en primavera e onde as raíñas cambian continuamente.

-Primeiro afecta ás abellas adultas e logo a todo o resto. As abellas non dixiren ben nin o mel nin o pole. Moitas delas morren fóra da colmea, isto fano por perpetuación da especie, pois debido á falta de pecoreadoras as abellas aínda que non chegan aos 21 días para ser pecoreadoras toman as tarefas das mesmas, para suplir a carencia. Prodúcese unha desorganización e finalmente incluso o colapso da colmea co tempo.

-Pódense ver abellas con abdome máis reducido.

-Cando a enfermidade está moi avanzada queda a raíña só cun pequeno grupo de abellas.

-As feces das abellas parasitadas contaminan ao resto do enxame.

Ao igual que no loque, non está autorizado o uso de antibióticos.

Ciclo do nosema:

NOSEMA_CICLO

Últimos avances sobre o nosema apis:

As conclusións do Workshop Nosema do Grupo Coloss (Prevention of honerybee Colony LOSSes) son que:

-A enfermidade causada polo Nosema ceranae non é similar á causada polo Nosema apis. Por tanto, proponse diferencialas identificando á primeira como Nosemose Tipo A, máis fácil de detectar polas dexeccións na piqueira, da segunda, a Nosemose Tipo C, posto que non as ten. Esta última detéctase por probas en laboratorio.

-A Nosema apis só se dá en outono e primavera, mentres que a Nosema ceranae ou crónica rexístrase todo o ano e resiste maiores temperaturas. Ademais, desta última pode haber reinfestacións en menos de 6 meses.

-Para o control xogan un papel moi importante o manexo das colmeas, a renovación dos cadros e das raíñas.

-Tratamento da Nosema ceranae é de manexo e só hai posibilidades con produtos “naturais”, que serían complementos alimenticios, hai varios no mercado.

Claves:

-Bo manexo das colmeas.

-Limpeza e desinfección.

-Unha correcta alimentación, con suficiente pole e néctar e unha fonte de auga.

Tratamentos:

Existen múltiples no mercado (Apiherb, Nosemaz, Vitafeed Gold, Nosevit, Nosestat, Hive Alive…etc).

O Hive Alive, elaborado en Irlanda con extracto de alga mariña, timol e citronela, é o único que ten estudos científicos que avalan que mata a espora do nosema e serve tamén contra as viroses. Ademais, estimula a posta das raíñas.

Polo demais, é clave incidir nas medidas de limpeza e desinfección das colmeas, en que estean ventiladas e separadas do chan. Tamén hai que lembrar a importancia de desinfectar os asentamentos e no caso de proporcionarlle alimentación suplementaria, que non conteña celulosa.

Por último, sinalar que en Italia estase investigando o uso do ácido oxálico contra a nosema e que o néctar de castiñeiro tamén parece provocar unha baixada nas esporas de nosema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información