Recomendacións para o coidado do viñedo durante os próximos días

Publicidade
Recomendacións para o coidado do viñedo durante os próximos días

Algunhas manchas incipientes de mildeu son máis complicadas de ver. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publica este venres un aviso no que fai un repaso pola situación fitosanitaria dos viñedos na provincia.

Mildeu:

Entre o mércores desta semana, en que a Estación de Areeiro publicou que atopara a primeira mancha de aceite en parcelas revisadas, e hoxe día 4, detectáronse síntomas (mancha ás veces con esporulación) tamén noutras fincas, aínda que esta circunstancia non é xeneralizada.

De feito, aseguran que hai fincas sen tratar (nin sequera fronte a excoriose) “totalmente carentes de enfermidade”. “É lóxico que sexa así -explican os técnicos-, pois as condicións ambientais non foron especialmente favorables: ventos moderados do norte que secan o ambiente ou temperaturas nocturnas baixas en xeral”.

Para os próximos días as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas prevén tempo seco e un significativo ascenso térmico, condicións que non favorecen as infeccións. Non obstante, tamén é certo que anuncian suba de temperaturas nocturnas, compatibles coa esporulación do patóxeno sempre e cando se rexistre humidade suficiente, aínda que tampouco parece que o risco vaia alcanzar niveis elevados.

Por todos estes motivos, as recomendacións dos técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro son:

-En fincas que xa recibiron tratamento estes días, comprobar a eficacia da intervención, sobre todo considerando que algunhas destas aplicacións se fixeron en condicións de vento non recomendables para tratar e dispersaron o funxicida cara áreas fora do viñedo.

-En parcelas onde aínda non se detectaron síntomas da enfermidade, facer revisións para detectar a primeira mancha. Lembran que soen aparecer en zonas menos aireadas e nas follas máis baixas das varas, e que nestes momentos na viña hai algunhas descoloracions que non son manchas de mildeu. “Co nivel de risco esperado polas condicións meteorolóxicas previstas, agardar a detectar os síntomas é a mellor das opcións, sobre todo se a humidade relativa se mantén en niveis baixos de noite e non se produce esporulación”, recomendan.

Roturas polo vento:

Os ventos moderados que se rexistraron, así como a sarabia que houbo en algunhas localidades provocou rotura de gromos e follas nalgunhas fincas. A recomendación dos técnicos de Areeiro é que se as previsións meteorolóxicas se cumpren, seguramente estas feridas non teñan maior transcendencia. “Pero onde haxa unha presenza abundante de danos é aconsellable elixir funxicidas que leven folpet ou similar”, informan.

Oídio:

Micelio de oidio en haz de variedad tinta

Micelio de oidio en folla de variedade tinta

Os técnicos de Areeiro informan de que non detectaron síntomas desta enfermidade en ningunha das parcelas visitadas, e mesmo tampouco na variedade tinta moi sensible onde solen encontralos. A súa recomendación é que de momento non é necesario empezar as intervencións con xofre ou outros antioídos.

Couzas do acio:

Se non o fixeron aínda, este é un bo momento para instalar as trampas de  feromonas sexuais destas bolboretas. En todo caso lembran que, aínda que teñan capturas nas trampas (de feito xa as hai), a primeira xeración non soe causar danos que xustifiquen un tratamento, e que en xeral as capturas nas trampas se utilizan para saber cando tratar, pero no para decidir se hai que facelo ou non, que depende dos síntomas.

Ácaros:

Só se ven illadamente síntomas de erinose, pero de momento o seu índice de aparición é moi inferior ao da anterior campaña. De acariose, que ás veces require tratamentos, en Areeiro non detectan presenza.

A este respecto, lembran que a sintomatoloxía que produce este último ácaro pode confundirse con outras alteracións ou con certas  fisiopatías, e que deben ser confirmados antes de aplicar un tratamento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información