Recomendacións para o coidado do viñedo durante os próximos días

Publicidade
Recomendacións para o coidado do viñedo durante os próximos días

Acio case pechado nun viñedo do Condado. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir o seu aviso fitosanitario sobre o estado dos viñedos na provincia de Pontevedra. En xeral, controlouse o avance do mildiu, pero as choivas e o incremento das temperaturas nocturnas que se anuncian para os vindeiros días, provocarán un incremento do risco de incidencia deste fungo, polo que a recomendación é renovar os tratamentos, incluíndo un antioídio e un antibotrítico.

Velaquí as recomendacións dos técnicos da Estación Fitopatoloxica de Areeiro:

Estado fenolóxico: J (71-73)

A insolación e a boa temperatura xeral destes días pese aos ventos do norte que arrefriaban as noites e as mañás, unidas ás labores de redución da vexetación que se fixeron nalgunhas viñas, provocaron un avance notorio no crecemento dos grans desde a anterior revisión e, aínda que a maioría de predios ten a uva en tamaño perdigón, as máis quentes amosan xa algúns acios cos grans en tamaño chícharo, ou mesmo rozándose.

Mildio:

Para os vindeiros días prevese que os ventos serán húmidos do O-SO e volverán unha vez máis as choivas, que serán en forma de chuvascos (salvo o venres, máis continuadas) e que virán acompañadas dun ascenso entre lixeiro e moderado das temperaturas nocturnas, condicións que favorecerán novamente a frutificación do fungo do mildio.

A día de hoxe prevese que se manteña esta situación ata mércores ou xoves da seguinte semana, polo que é recomendable tratar o antes posible as viñas que xa teñan finalizada a protección anterior (ou que estean a punto de concluíla) e que presenten síntomas activos.

Nas outras, as revisións deberán seguir sendo continuas, para poder actuar a tempo, se fose necesario, nos períodos de claros que, segundo as previsións, haberá na climatoloxía dos próximos días.

Ademais, non esquezan que o mantemento dun ambiente aireado na viña favorece a penetración dos produtos fitosanitarios e reduce en si mesmo o risco de avance deste e doutros patóxenos.

Mancha nova en folla e frutificacion en gabian. Foto: Estación de Areeiro

Mancha nova en folla e frutificacion en gabian. Foto: Estación de Areeiro

Oídio:

De momento non se observa propagación do oidio, aínda que estamos nun período de moita sensibilidade das plantas a este fungo. A estas alturas da campaña o normal é xa engadir un antioído a todos os tratamentos antimildio (o que carece de sentido noutros moitos momentos); polo menos mentres esteamos neste momento de risco, o recomendable é continuar facéndoo.

Ampliacion detalle oidio en uva albariña. Foto: Estación de Areeiro

Ampliacion detalle oidio en uva albariña. Foto: Estación de Areeiro

Botrite:

Estamos nun período da fenoloxía da vide no que os acios son moi sensibles a este patóxeno.

Ata agora non houbo avance da botrite, pero as condicións climatolóxicas previstas para os próximos días serán favorables, e por iso os técnicos de Areiro recomendan que no caso de facer tratamentos antimildio e antioídio elixan materias activas con acción fronte a este outro patóxeno, polo menos nas viñas onde haxa algún síntoma.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información