
Pampos rotos nunha viña. Foto: Estación de Areeiro
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro vén de emitir o seu boletín de avisos fitosanitarios.
A información contida nos boletíns fitosanitarios de Areeiro parte da observación directa nas parcelas de seguemento, así como noutros predios visitados durante percorridos específicos. Con todo, insisten na importancia de revisar cada situación de forma individual, debido a posibles diferenzas entre predios. Só mediante a análise do estado concreto de cada un deles poderá lograrse unha mellor xestión conxunta dos cultivos.
Ao longo da semana transcorrida desde o boletín anterior as temperaturas estiveron bastante frescas en xeral e por iso apenas houbo cambios na fenoloxía da viña. Porén, segundo observan nas revisións desta semana, realizadas entre martes 13 e mércores 14, nalgúns predios si é certo que algunhas plantas de albariño empezaban a amosar algunhas (poucas) flores abertas.
Mildio
O estado sanitario observado esta semana nas viñas en relación a esta enfermidade foi, en termos globais, bo ou moi bo, e de feito tampouco rexistraron moitas capturas de esporanxios nos captadores que teñen instalados (máximo de 6 esporanxios/m3 un só día), nin moitas consultas ou moitas informacións alertando de ataques severos a pesar de estar nun momento moi sensible do viñedo.
·É certo que coa climatoloxía inestable que temos esta primavera as persoas están moi alertas e renovan os tratamentos incluso xa con intervalos moi curtos entre intervencións, pero tamén o é que desde a emisión da anterior información fitosanitaria as temperaturas diúrnas e sobre todo nocturnas foron frescas en xeral o que, malia unha humidade relativa moi alta, a choiva dalgúns días ou as máis de 10 horas diarias de humidade foliar, contribuíu a conter o desenvolvemento do patóxeno”, explican dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro.
Con todo, tamén matizan que “hai predios nos que xa hai que falar de ataques considerables da enfermidade segundo nos informou algún dos nosos colaboradores, quen tamén nos comentou que case todos estes ataques correspondían á comarca do Condado”.
Canto ás plantas tratadas, nas observacións ás parcelas da súa rede habitual de seguimento e a outras que visitaron os técnicos de xeito aleatorio, ou non observaron síntomas (mesmo en viñas que levaban longo tempo sen intervencións), ou estes en xeral estaban ben controlados.
Como xa é normal esta primavera, as diferentes axencias e os modelos meteorolóxicos consultados predín que para os próximos días a climatoloxía vai seguir amosando certa inestabilidade, aínda que tamén refiren que a tendencia a medio prazo non está clara. A curto prazo anuncian un claro e acusado ascenso das temperaturas, aínda que non coinciden nin en valores nin en días, e que o domingo vai entrar outra borrasca pola nosa zona que traerá chuvascos e tormentas, algunhas xornadas acompañados, segundo certas previsións, de temperaturas mínimas bastante altas.
“Esta incerteza dificulta que poidamos aportar unha recomendación diferente da que vimos dando as últimas semanas: manter un alto nivel de vixilancia en especial se finalmente as temperaturas nocturnas son elevadas (a humidade parece que vai estar garantida), se xa pasou tempo desde a última intervención, se o predio é especialmente sensible á enfermidade (pola exposición, por estar pouco ventilado, etc.) e se xa houbo un ataque algo significativo anteriormente”, aseguran dende Areeiro.
Ademais, aconsellan que “en caso de ter que renovar a intervención, continúen empregando funxicidas con acción curativa e preferiblemente antiesporulante é non esquezan nunca que calquera intervención que se realice ten que ser feita atendendo ás boas prácticas fitosanitarias para que o cultivo quede protexido e para que non escapen os produtos fóra das zonas a tratar”. E precisan que “incluso aínda que se apliquen produtos sistémicos os tratamentos deben ser coidadosos e ben realizados, garantindo que quede mellor mollado o envés (onde se atopa a frutificación) que a face das follas”.
Oidio
Esta semana detectaron o primeiro síntoma de oídio nunha folla dunha variedade tinta sensible que hai nunha das parcelas de seguimento. Esa planta estaba sen tratamento antioídio algún. Neste sentido, aconsellan que “a partir de agora xa é preciso engadir un produto antioídio ás potenciais intervencións antimildio que se realicen”.
Botrite
Malia manterse a vexetación mollada por choiva ou por orballo durante máis de 10 horas, as temperaturas frescas que tivemos estes días non foron favorables ao fungo e por iso non observafon máis sintomatoloxía. Con todo, haberá que seguir pendentes se, como se prevé, aumentan as temperaturas, pois continúa a haber follas con roturas por vento e/ou sarabia e tamén pampos rachados polo vento.
Black rot
Malia as temperaturas frescas, os técnicos de Areeiro detectaron un incremento notorio na presenza de síntomas desta enfermidade tanto en plantas abandonadas do Condado como nalgunhas tratadas na mesma comarca e noutras.
“Aínda que estes síntomas veñen de infeccións anteriores, nas zonas onde xa haxa enfermidade e/ou naqueles viñedos con historial de síntomas lembren empregar funxicidas tamén rexistrados para controlar ao patóxeno ao facer unha intervención antimildio ou antioidio”, aconsellan dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro.