Recomendacións para o coidado das viñas durante os vindeiros días

Publicidade
Acio de uva albariña madurando. Foto: Estación de Areeiro

Acio de uva albariña madurando. Foto: Estación de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este xoves o seu boletín fitosanitario semanal. Este é un extracto da súa avaliación do estado dos viñedos na provincia:

Estado fenolóxico:

As elevadas temperaturas, xunto coa elevada radiación solar que hai estes días, impulsaron o avance das uvas cara a madurez. Así, se no boletín anterior referiamos que a maioría dos valores de grao alcohólico nas uvas de albariño que colleramos ao azar se situaba entre 5,5 e 6,66°, esta semana eses valores estaban en torno a 8, e mesmo nalgún predio a mostra recollida se aproximaba a 10°.

Polo demais, a uva segue a presentar un moi bo aspecto aparente, sen danos en xeral, nunha campaña que semella vai ser boa ou moi boa.

Mildio:

As condicións climatolóxicas da semana ben é sabido que non beneficiaron ao mildio, ao estar as temperaturas máximas tan elevadas durante boa parte das horas diúrnas e incluso nas primeiras nocturnas nalgunhas localizacións.

Malia que parece que a ola de calor vai durar ata primeiros da semana próxima, hoxe xoves día 7 algunhas zonas costeiras e tamén outras baixo a influencia de grandes ríos e/ou outras masas de auga, houbo néboas xa desde a noite e algunhas viñas amañeceron molladas. Aínda que é certo que antes da vendima sería conveniente que chovera para limpar os acios e favorecer que incrementen o seu peso e volume, haberá que estar pendentes da duración destas néboas, tanto en número de horas diarias como en número de xornadas que se presenten, e da densidade das mesmas, para coñecer cantas horas manteñen a viña mollada e así poder decidir se antes da vendima hai que actuar dalgunha maneira, en especial en viñas pouco vigorosas nas que o último tratamento foi aplicado hai días.

Oidio:

Nas follas novas das plantas testemuña sen tratamentos seguen a aparecer novos síntomas do patóxeno, e tamén nos pampos das mesmas plantas, pero nas tratadas non atopamos, independentemente do tempo transcorrido desde a última intervención funxicida. Novamente, como dixemos no caso do mildio, haberá que comprobar a duración das néboas en cada lugar para comprobar a súa potencial incidencia sobre as plantas.

Botrite (e outras podres):

As condicións climatolóxicas dos últimos días non favoreceron a estes patóxenos, que están moi condicionados pola temperatura e a humidade, e estas xornadas pasadas temperatura houbo máis que suficiente pero humidade non. Porén, de cumprirse a maior parte das predicións meteorolóxicas consultadas, que anuncian néboas a curto prazo na zona litoral e na proximidades dos grandes ríos, haberá que incrementar a vixilancia, en especial onde haxa calquera lesión ou dano nas uvas (este ano apenas se perciben, en xeral) e onde dominen as variedades máis sensibles como as de pel fina.

Acariose:

Cada vez é máis frecuente observar os síntomas da presenza desta praga, tanto os cambios de cor nas follas, que pasan a unha tonalidade bronceada escura, como as finas picaduras nas follas máis novas, que tamén están deformadas. Estes síntomas pódense atopar nun gran número de parcelas de todas as comarcas e, dada a súa natureza, loxicamente permanecen aínda que se dera un tratamento e este fóra eficaz. Se os síntomas afectan a moitas plantas dun predio determinado, non se deu aínda un tratamento e sobre todo se hai plantas novas na parcela, aínda se podería realizar un tratamento, que podería ser a base de xofre 80% ou maltodextrin 47,6%, pois con estes produtos non hai que agardar prazo de seguridade.

Outras incidencias:

A duración deste tempo seco e solleiro está supoñendo un importante estrés para as plantas debido á falta de auga e á gran insolación que está a haber. Por iso, aínda é máis frecuente observar síntomas de patoloxías de madeira en partes de plantas (brazos) ou na totalidade delas, e mesmo algunhas xa están a colapsar.

Acio afectado por golpe de sol. Foto: Estación de Areeiro

Acio afectado por golpe de sol. Foto: Estación de Areeiro

Lembramos unha vez máis que as plantas e tamén os brazos mortos hai que eliminalos canto antes para evitar que, en condicións favorables, poidan producir esporas que contaminen ás plantas sas. Ademais, nestes momentos é moito máis sinxelo visualizar as partes sintomáticas. De non poder facelo agora, marquen ben as plantas/brazos afectados para eliminalos despois da vendima o antes posible e sempre en tempo seco e desinfectando os útiles de corte

Tamén a climatoloxía que temos desde hai días está a incrementar a presenza de plantas con síntomas de estrés hídrico en especial en solos pouco profundos e moi areosos. Ademais, a elevada radiación está a producir tamén golpes de sol nos acios máis expostos.

Por último, co avance da maduración das uvas, os danos por paxaros son máis evidentes, non así os producidos polas avespas común e asiática. Estes danos están a afectar en maior medida, e como é lóxico, ás variedades que están máis adiantadas e doces.

Danos provocados por paxaros. Foto: Estación de Areeiro

Danos provocados por paxaros. Foto: Estación de Areeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información