Recomendacións para o coidado das viñas durante estes días

Publicidade
Recomendacións para o coidado das viñas durante estes días

Mancha de mildio con necrose interior. FOTO: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou este venres o seu boletín fitosanitario no que informa do estado sanitario das viñas na provincia e ofrece unhas recomendacións para o seu coidado.

De momento as temperaturas nocturnas inusualmente baixas para esta época do ano están a paralizar a propagación do mildiu e doutras enfermidades fúnxicas como o oídio ou o black rot.

Mildio:

Así, e no caso do mildio, nas visitas que realizaron os técnicos ao longo desta semana apenas detectaron avance do fungo: “Nin sequera hai síntomas nas plantas testemuña que non recibiron tratamento nas nosas parcelas, nin naquelas abandonadas que tamén imos observando nos noso percorridos”.

Tamén nos captadores de esporas que teñen instalados desde primeiros de mes na súa viña de Areeiro e nunha do concello de Ribadumia dentro do proxecto VITICAST, “capturamos apenas esporas ata o día 26 (como se ve na gráfica, a máxima concentración foi o sábado, con 24,84 esporas/m de aire)”.

AREEIRO esporas_ribadumia_03042021

En canto ás previsións para os próximos días, dende a Estación Fitopatolóxica do Areeiro informan de que “a curto prazo, as previsións meteorolóxicas son de temperaturas nocturnas baixas, na contorna de 5-6 ºC, polo que a probabilidade de esporulación do fungo do mildio é mínima”.

Deste xeito, a súa recomendación segue sendo a mesma da semana anterior: “É fundamental revisar as viñas para ver se se detectan novas manchas ou síntomas no acio en formación, sobre todo se xa está próximo a finalizar o período de protección teórico da intervención anterior, en cuxo caso haberá que renovar o tratamento empregando un produto que conteña unha materia activa con efecto curativo”.

Black rot:

No caso de aparición de manchas de black rot, os técnicos da Estación Fitopatoloxica do Areeiro recordan que “non hai funxicidas específicos unicamente fronte a este patóxeno”. En todo caso, aconsellan que “se realizan unha intervención anti-mildio, empreguen un funxicida que tamén teña efecto fronte ao black rot, dado o difícil control do fungo responsable desta enfermidade se non se controla ben nas primeiras intervencións”.

Síntomas de Black Rot en viñedo abandonado no Condado. FOTO: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Síntomas de Black Rot en viñedo abandonado no Condado. FOTO: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información