A Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, lanza novos avisos ante as situacións observadas nas súas parcelas de seguimento e outras visitadas ao azar. En detalle, os avisos céntranse no viñedo ante a observación en todas as zonas dos primeiros acios de albariño coa floración iniciándose. Velaquí as recomendacións dos técnicos de Areeiro:
Estado fenolóxico:
Como se pode comprobar no resumo do estado fenolóxico (E.F.), nas observacións desta semana nas diferentes viñas non podemos determinar cal é a fenoloxía nas viñas na variedade dominante, albariño. É certo que en xeral se está a iniciar a floración, pero hai diferencias non só entre comarcas senón tamén entre predios, plantas do mesmo predio e incluso a nivel dos acios da mesma planta ou o propio acio.
Mildio:
Na semana transcorrida desde a emisión do boletín anterior as temperaturas medias mantivéronse arredor dos 14-15 ºC, con máximas que só un ou dous días chegaron aos 20ºC nalgunhas das estacións de Meteogalicia consultadas, mínimas na contorna dos 10ºC e humidades relativas moi altas, aparte dunha precipitación total, rexistrada entre os días 8-9 e 12, superior ou moi superior aos 0 l/m , chegando incluso a un acumulado superior a 60 l/m nas estacións de Tomiño e As Eiras, ambas no Rosal.
Como vimos dicindo desde hai semanas esta inestabilidade ten as súas consecuencias non só a nivel da fisioloxía da viña, retardándoa, senón tamén a nivel da evolución das pragas e enfermidades e incluso dos posibles tratamentos aplicados.
(….) En xeral o estado das plantas no relativo a esta enfermidade é bo e, coas temperaturas frescas/frías (mínimas incluso por baixo de 10ºC) que se prevén a curto razo e a xa practica ausencia de precipitación, máis o efecto dos potenciais tratamentos efectuados ou que se están a dar, e o nivel de risco que nos dá parte dos modelos matemáticos que manexamos, consideramos que pode seguir así.
Con todo, e dado que a viña se atopa nun estado fenolóxico de elevada sensibilidade ao patóxeno, NON SE PODE DESCOIDAR A VIXILANCIA DOS VIÑEDOS, sobre todo naqueles predios onde existan síntomas non ben controlados e onde a protección teórica do anterior tratamento estea próxima a concluír, en especial se foi aplicado antes das choivas, pois como sabemos estas reducen ese tempo de protección.
Lembramos que mentres estea a floración e tamén ao longo do período de formación do froito, non é conveniente traballar a terra, e aínda esta semana vimos a varias persoas facéndoo. Esta recomendación non só ten por obxectivo evitar producir danos ás raíces das plantas nun momento crítico, senón tamén evitar que as esporas que aínda haxa no terreo podan ser proxectadas cara as viñas.
Iso si, onde a haxa, hai que seguir coas rozas da vexetación acompañante, pois mantela baixa axudará no control do mildio ao favorecer a aireación.

Gabián con fructificación do mildio. Foto: Estación de Areeiro
Oidio:
Malia ter observado esta semana viñas de diferentes variedades, non atopamos síntomas de oídio en ningunha. É certo que a maioría dos predios estarán sendo tratados xa fronte este patóxeno, pero tamén as precipitacións de carácter forte que se deron por períodos estes días, non son favorables a este fungo ectoparasito.
Con todo é preciso manter a vixilancia, máis se o viñedo ten variedades de evada sensibilidade ao fungo.
Botrite:
Esta semana, sen dúbida a consecuencia da elevadísima humidade que temos esta primavera, con valores medios diarios que non baixan do 77-80% desde hai semanas, atopamos os primeiros síntomas nunha folla dunha variedade diferente do albariño e tamén, pero neste caso debido á condición de oportunista deste patóxeno, na zona seca por mildio dun acio de albariño.
Aínda que a curto prazo só se prevén precipitacións moi reducidas (2-3 días cun acumulados moi baixos e non todas as predicións) haberá que seguir pendentes, sobre todo nas viñas con danos por sarabia.
Black rot:
A situación observada nas viñas, malia ter visto esta semana maior diversidade delas, mantívose similar á da semana anterior: novo incremento, pero lixeiro, na presenza de manchas desta enfermidade nas follas e ausencia de síntomas en acio, incluso nos das plantas sintomáticas desde máis tempo. Manter a vixilancia.
Avelaíñas do acio:
Lembramos que, aínda que a curto prazo pode que non o fagan se as temperaturas se manteñen Baixas, pronto debería ter lugar o nacemento das primeiras ninfas de Scaphoideus titanus , o vector da flavescencia dourada e que esta enfermidade non só é de declaración obrigatoria senón que hai que arrincar e destruír as plantas enfermas, e realizar, polo menos onde e cando o marque Consellería, os tratamentos fronte ao transmisor.
Por outra banda, a semana pasada comentabamos que era recomendable a eliminación total e inmediata das plantas ou restos de plantas mortas que había nalgúns predios, pero non indicamos que tamén era precisa a súa destrución.
Pois ben, esta semana atopamos máis dun viñedo onde si se arrincaran pero se deixaran a carón das viñas sás, o que é totalmente contraproducente, sobre todo coa elevadísima humidade que temos: hai que arrincalas e destruílas, e se non se pode facer de inmediato, ou ben hai que levalas fóra das viñas ou ben cubrilas completamente para vitar potenciais dispersións de patóxenos.
Finalmente, esta semana tamén observamos nunha viña do Rosal os primeiros síntomas confirmados e acariose, pero só nun par de follas das que recollemos na mostraxe.
Galego









Control OJD