
Acio maduro de uva albariña. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este mércores o seu boletín fitosanitario semanal. Este é un extracto da súa avaliación do estado dos viñedos na provincia:
A vendima vaise aproximando e moita xente xa está empezando a preparar as adegas e os medios necesarios para esa labor aproveitando que a climatoloxía permanece estable. Segundo as nosas informacións, nestes momentos estanse a barallar como datas de inicio da colleita a primeira semana de setembro para as viñas máis temperás, e a partir da segunda para o resto. E incluso se fala da última semana de agosto para quen vai facer viños espumosos e/ou para os pés de cuba. En calquera caso, a colleita presúmese moi boa ou excelente.
Tendo en conta estes datos, nas revisións desta semana ás viñas recollemos maior cantidade de mostra de uva albariña nalgunhas das nosas parcelas de seguimento para aportarlles, a modo de referencia, non só o grao alcohólico obtido senón tamén os valores de acidez, que reflectimos na seguinte táboa:

Mildio:
Estes días pasados o ceo non estivo tan limpo e solleiro como as xornadas anteriores nas zonas de costa e nas proximidades de ríos e grandes masas de auga debido basicamente á presenza de néboas máis ou menos persistentes segundo as localidades ou de nubes algúns días. Pola contra, e falando en termos xerais, nas zonas do sueste de Pontevedra os ceos estiveron máis despexados e, desde xa o 25 de xullo, as temperaturas máximas non baixaron ningún día dos 30ºC.
Nas áreas nas que se rexistraron, as néboas trouxeron unha baixada relativa das temperaturas e, loxicamente, un incremento da humidade relativa que propiciou períodos de humidade foliar variables segundo a densidade e a duración das mesmas. Deste xeito, e tendo en conta que as temperaturas nocturnas seguen a ser elevadas, o ciclo do mildio veuse beneficiado e así, o volume de esporas recollido nos dous captadores que temos instalados subiu fronte ao das semanas anteriores.
A nivel práctico, esta maior esporulación traduciuse na aparición en folla de novas frutificacións do patóxeno, tanto a partir de manchas antigas (zonas de avance) como en calquera parte do limbo. Evidentemente, esta frutificación e as manchas en xeral son máis abundantes nas viñas con máis brotes novos, con maior frondosidade e por tanto con zonas que permaneceron pouco accesibles aos funxicidas e tamén onde transcorreu maior intervalo de tempo desde a última intervención.
Nas Rías Baixas as viñas son suficientemente frondosas en xeral como para manter vexetación suficiente para a adecuada maduración da uva neste período de tempo que resta para a vendima. Con todo, nos casos máis excepcionais nos que a planta non teña vigor, sexa moi nova e observen unha defoliación importante debida ao ataque, consulten con seus técnicos sobre como deben actuar.
Ata o final da campaña convén non descoidar tampouco as labores culturais de roza da vexetación do solo e de mantemento da aireación das viñas, máis se, como sucedeu esta semana nalgunhas áreas, hai humidade foliar polas néboas e/ou, como prevén algúns modelos meteorolóxicos, se chegan a producir precipitacións pola chegada de aire frío en altura na atmosfera que, a día de hoxe, non se anuncian como abundantes nin tampouco hai seguridade total de que nos afecten.
Botrite (e outras podres):
Como sabemos, este ano o estado da uva a nivel de danos é moi bo en xeral. Con todo, algunha pequena ferida sempre pode haber nalgúns grans a consecuencia de rachados fisiolóxicos, de pedras que poden saltar nas rozas, de perforacións de avelaíñas, etc. Estas feridas son portas de entrada á botrite e a outras podres, en especial ante condicións meteorolóxicas favorables. De feito, na revisións desta semana atopamos unhas poucas uvas afectadas por estes patóxenos en viñas onde as néboas foron densas ou máis persistentes, xa que por exemplo en variedades ben sensibles como treixadura ou loureira doutras zonas, os grans non amosaban síntoma algún a pesar de amosar, as da primeira variedade (ou tamén o albariño), microferidas causadas polos paxaros ou as avespas ao alimentarse. Como dixemos anteriormente, algúns modelos meteorolóxicos prevén, coa incerteza propia das predicións a medio-longo prazo, un cambio de tendencia na climatoloxía, incrementándose a inestabilidade e a probabilidade de choivas.
A día de hoxe, a contía e intensidade desas posibles choivas sería de poucos litros pero, en caso de que sexan de máis entidade, para limitar potenciais danos por podres lembren que hai produtos naturais diferentes do cobre (algúns formulados a base de fungos, bacterias ou lévedos beneficiosos, ou de terpenos de plantas) sen prazo de seguridade ou só de 7 días que aínda poderían empregarse eventualmente.
Acariose:
Do mesmo xeito que dixemos antes, ante a proximidade da vendima non convén xa realizar tratamentos fronte aos ácaros, pero tamén é certo que esta semana apenas observamos novos. Iso si, despois da colleita, e como medida de prevención de potenciais danos na brotación para a campaña seguinte, é recomendable aplicalos, en especial onde este ano houbo máis síntomas.
E, como informamos a semana anterior, lembren que se os síntomas afectan a moitas plantas dun predio determinado, non se deu aínda un tratamento e sobre todo se hai plantas novas na parcela, aínda se podería realizar unha intervención se é que se fai con xofre 80% ou maltodextrin 47,6%, pois con estes produtos non hai que agardar prazo de seguridade.
Outras incidencias:

Videira de albariño con excelente colleita pero con follas con síntomas incipientes de enfermidade da madeira. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro
Sen dúbida son as patoloxías de madeira o máis destacable esta semana, pois coa climatoloxía que temos está a manifestarse en moitas plantas, incluso nalgunhas que sustentan unha excelente cantidade de acios en bo estado e que están a murchar rápida ou progresivamente debido a estes fungos. Lembramos unha vez máis que as plantas e tamén os brazos mortos hai que eliminalos canto antes para evitar que, en condicións favorables, poidan producir esporas que contaminen ás plantas sas.
Ademais, nestes momentos é moito máis sinxelo visualizar as partes sintomáticas. De non poder facelo agora, marquen ben as plantas/brazos afectados para eliminalos despois da vendima o antes posible e sempre en tempo seco e desinfectando os útiles de corte. Aparte destas patoloxías, tamén os golpes de sol se incrementaron sensiblemente, así como os danos por paxaros e tamén por avespas, tanto a común como agora tamén ben estendida, a asiática.
Galego









Control OJD