Recomendacións para o coidado da viña nestas datas

Reproducimos o último aviso fitosanitario da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e as recomendacións da Consellería do Medio Rural e do Mar

Publicidade
Recomendacións para o coidado da viña nestas datas

Aparición de mildeu nunha vide. Autor: Estación do Areeiro

Aviso Fitosanitario da Estación Fitopatolóxica do Areeiro para as enfermidades da viña:

Mildeu:

A pesar das precipitacións rexistradas o pasado fin de semana, o clima estable que houbo dende entón e que, segundo as diferentes previsións meteorolóxicas, se vai manter nos próximos días, xera unha situación tranquila en relación a esta enfermidade nas plantas tratadas, onde non encontramos novos síntomas nin zonas de avance nos antigos.

Aínda así, nas plantas testemuña (sen tratamentos) si apareceron novas manchas, sen dúbida a consecuencia das precipitacións.

Consecuentemente, mentres continúe o tempo estable e as temperaturas elevadas, en xeral unicamente é aconsellable manter a vixilancia, que debe ser máis intensa naqueles terreos onde transcorresen varios días dende a intervención anterior e/ou onde houbese síntomas de infeccións anteriores

Oidio

Na revisión desta semana unicamente vimos síntomas nalgunhas follas das plantas testemuña que mantemos sen tratamentos na campaña. Esta situación deuse en todas as bisbarras, e coincide cun momento en que a uva se encontra nun estado especialmente sensible ao fungo. Ademais, localmente está habendo algunhas néboas, o que, unido ás altas temperaturas, implica condicións moi favorables ao fungo.

Consecuentemente, recoméndase extremar a vixilancia.

Botrite

Co clima estable destes días, nin sequera en variedades especialmente sensibles se observou presenza do fungo. Ademais, as previsións apuntan a que o tempo continuará seco, polo que non é de esperar a aparición de síntomas. Non é necesario tratar.

Black-rot

Non se observaron novos síntomas da enfermidade, e tampouco as condicións ambientais foron favorables.

Recomendacións da Consellería do Medio Rural e do Mar:

Coidados culturais

Recoméndase realizar as operacións de atado e enrame propias destas datas, así como a selección de gromos e desnetado a altura dos acios, para favorecer o crecemento das uvas e a aireación das cepas. Débese, na medida do posible, evitar as operacións de despunte ata o comezo do envero, xa que facelo antes provocaría un aumento do desenvolvemento dos netos. Tamén é aconsellable eliminar algunhas follas adultas, sobretodo as secas e as que se atopan por debaixo dos acios, co obxecto de favorecer a aireación da cepa e a entrada dos produtos fitosanitarios.

As condicións meteorolóxicas están a favorecer un forte desenvolvemento das malas herbas, polo que faise necesario o seu control.

Ata o de agora non se detectaron síntomas de carencias, pero non estaría demais aplicar un abono foliar adecuado para o estado fenolóxico no que nos atopamos, sobretodo naqueles viñedos con danos debido á pedra que caeu fai unha semana nalgunhas zonas

Recomendacións

Aumentar a vixiancia nos viñedos para ver se aparecen ou non síntomas ou indicios dalgunha enfermidade e de como evolucionan, principalmente Mildeu, co obxecto de determinar, no seu caso, o momento óptimo para afectuar os tratamentos.

Nas aplicacións fitosanitarias contra o Mildeu recoméndanse os funxicidas estopantes con fixación ás ceras cuticulares (Mandipropamida, Ciazofamida, Famoxadona, Zoxamida e Valifenalato). En canto ao Black rot, despois da espurga, pode seguir facendo dano se se dan as condicións favorables, polo que se recomenda seguir cos tratamentos preventivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información