A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu o pasado xoves o seu boletín fitosanitario semanal. Este é un extracto da súa avaliación do estado dos viñedos na provincia:
Estado fenolóxico:
(en albariño): N. BBCH: 89
A vendima comezou ou está a punto de facelo na maioría de predios de albariño, nos que, en xeral, a colleita será abundante e sa. Con todo, aínda quedarán algunhas variedades máis tardías nas parcelas para as que aínda fará falta continuar co seguimento.
Ademais, hai algunhas labores destinadas a protexer as vides de cara ao futuro que se poden ou deben facer despois da vendima.
Mildio:
Con este cambio de tempo que se rexistrou debido á entrada de masas de aire frío, as temperaturas descenderon ata situarse por debaixo do normal nesta época do ano, pero as mínimas aínda seguen a ser, a día de hoxe, compatibles co desenvolvemento do patóxeno.
Por ese motivo, seguirán a aparecer manchas de aceite nas follas máis tenras e zonas de avance nas manchas máis antigas, así como micelio nos pampos nos casos máis extremos.
Segundo as diferentes previsións meteorolóxicas consultadas, a medio prazo seguirá a sucederse a entrada de frontes e de masas de aire frío marítimo, e por iso despois da vendima e en calquera momento antes da caída da folla, nos predios con elevada presenza de síntomas haberá que valorar a posibilidade de aplicar un tratamento cúprico para reducir o nivel do inóculo para a próxima campaña.
Oidio:
Unicamente observamos síntomas recentes en follas novas e pampos de plantas testemuña sen tratamentos. En realidade, e sempre falando en xeral, esta campaña mildio e oídio causaron poucos danos na nosa zona e foron facilmente controlados cos tratamentos aplicados.
Botrite (e outras podres):
Polo de agora as choivas que se produciron foron relativamente escasas. Pero é certo que a humidade relativa se incrementou sensiblemente para situarse por riba do 60% incluso nas horas centrais do día, e na contorna do 80-100%, con temperaturas que apenas chegan a baixar dos 15°C, no resto da xornada.
Estas condicións favorecen a actividade dos organismos causantes das podres, que de feito están no ambiente dos viñedos e que poden afectar aos grans que presenten algunha lesión, aínda que sexa mínima.
Algunha das variedades de vendima máis tardía é moi sensible a estes patóxenos e por iso hai que manter a vixilancia por se as precipitacións rexistradas e/ou as que están por vir xeran rachos na pel da uva.
Para estes casos non esquezan que hai no mercado produtos naturais diferentes do cobre compostos por fungos, bacterias ou lévedos beneficiosos, ou por terpenos de plantas, sen prazo de seguridade ou só de 7 días que aínda poderían empregar.
Flavescencia dourada:
Coa chegada da vendima non rematan as actuacións dirixidas a tratar de controlar a flavescencia dourada nas zonas infestadas e a tentar de impedir que se estenda fóra delas e acade outras áreas. Agora o insecto vector, Scaphoideus titanus, xa estará a pór os ovos que lle permitirán pasar o inverno e as actuacións xa non serán dirixidas cara el senón cara as plantas afectadas, que deben ser eliminadas o antes posible.
Sabemos que coa vendima en curso ou a punto de comezar, as medidas sanitarias soen pospoñerse, pero esta é absolutamente imprescindible continuala: se non se fai así, a enfermidade continuará a súa expansión.
Tamén é moi conveniente revisar as plantas próximas ás afectadas porque, se posúen varios dos síntomas da enfermidade, eliminalas é unha boa actuación preventiva.
E lembren a conveniencia de arrincar tamén as plantas abandonadas, pois poden albergar aos dous parasitos aínda que non amosen síntomas.
Acariose:
Este ácaro pasa o inverno refuxiado nas escamas das xemas da viña e nas gretas e irregularidades da cortiza.
Por iso, e pensando en evitar posibles fallos no momento da brotación do ano próximo, nas viñas nas que houbo unha presenza importante desta praga pódese aplicar un tratamento con xofre despois da vendima para reducir as poboacións.
Patoloxías de madeira:
Xa deberían estar fóra das viñas pero tamén hai que eliminar as plantas que sucumbiron polo ataque destes fungos (e tamén por patóxenos de solo) pois coa chegada das choivas o ambiente é máis favorable para as infeccións.
Máis adiante publicaremos un boletín de actuacións necesarias para despois da colleita e entre elas estarán algunhas relativas ás plantas sintomáticas pero non mortas aínda, pois a súa xestión separada do resto é moi importante para evitar a súa extensión pola parcela.
Galego









Control OJD