Recomendacións para o coidado da viña durante os próximos días

Publicidade

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de emitir o seu boletín fitosanitario, no que fai un repaso pola situación sanitaria do viñedo na provincia de Pontevedra ao longo desta semana e ofrece unhas recomendacións para o coidado da viña durante os próximos días.

En canto ao desenvolvemento deste cultivo, os técnicos de Areeiro informan de que “as precipitacións que se rexistran de xeito intermitente no que levamos de mes e as temperaturas, suaves de día pero frescas de noite, condicionan que o crecemento da viña non estea evolucionando de xeito significativo neste período de crecemento activo da vexetación”.

Mildiu

Na revisión que realizaron esta semana non observaron novas manchas de mildiu, “nin nas dúas parcelas do Salnés onde as detectaramos nin nas demais, que na súa maioría non recibiron tratamento algún”. “Ben é certo -precisan- que as temperaturas só están sendo temperás e que de noite quedan frescas, pero aínda así son bastante compatibles coas infeccións, especialmente tendo en conta que chove intermitentemente e que a humidade relativa é elevadísima. Iso si, como é normal a primeiros de campaña, hai síntomas que se poden confundir cos de mildiu”.

Para os próximos días as previsións das axencias meteorolóxicas consultadas non son totalmente coincidentes pero en xeral anuncian elevada probabilidade de choivas (con distinta intensidade e frecuencia) a práctica totalidade dos días. As que fan estimacións a máis longo prazo indican, a día de hoxe, tempo inestable ata que remate o mes. Canto ás temperaturas, anúncianse en xeral como as que temos estes días, na contorna dos 16-18 ºC as máximas e próximas a 10 as mínimas.

Con estas previsións a recomendación da Estación Fitopatolóxica de Areeiro segue a ser a revisión das viñas, tanto das que non foron tratadas aínda (onde debe ser máis intensa) como das que xa recibiran algún tratamento, neste caso porque, aínda empregando produtos que non se lavan coas choivas, o seu período de protección redúcese fronte ao teórico en presenza destas. Será necesario tratar ao detectar síntomas, e haberá que aproveitar momentos de claros no caso de que as previsións máis pesimistas, se cumpran.

Naquelas viñas de zonas onde tivera caído sarabia ou pedrazo, caso de intervir aconsellan elixir un funxicida que leve unha materia activa con efecto cicatrizante. “E lembren que a adición dun mollante ao caldo favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas”, engaden os técnicos.

Black-rot

Primeiro sintoma black rot. Foto: Estación Fitopatolóxicado Areeiro

Primeiro sintoma black rot. Foto: Estación Fitopatolóxicado Areeiro

Nesta semana observaro o primeiro síntoma, tanto nunha viña abandonada do Condado como na da Estación de Areeiro. “En ámbolos dous casos só se trataba dunha mancha, pero xa eran visibles as frutificacións do fungo, pero de continuar as condicións de climatoloxía húmida probablemente se incremente a súa presenza”, advirten.

Botrite

Nestes días, especialmente o día 14, houbo sarabia nalgunhas comarcas, e mesmo pedrazo nalgunhas zonas. Estes fenómenos produciron roturas de gromos e de follas, ademais doutras lesións que co paso dos días serán máis evidentes. Sobre estas lesións e feridas, coa humidade que se espera vai haber nos próximos días, pode instalarse este patóxeno oportunista da botrite. Tamén de cumprirse as previsións de ventos fortes que anuncian algunhas axencias produciranse máis feridas e incrementarase o risco.

Ante esta situación recomendan que “se hai que renovar o tratamento antimildiu empreguen unha materia activa con efectos fronte á botrite”.

Ácaros

Erinose mesmo acadando face da folla. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Erinose mesmo acadando face da folla. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Nesta semana os técnicos de Areeiro observaron nunhas viñas que os síntomas de erinose se incrementaran sensiblemente, ata mesmo paralizar o desenvolvemento dalgunha folla.

Porén, aconsellan que “non fai falla tratar o ácaro que o produce, pois o síntoma é espectacular pero non provoca danos, e cun potencial tratamento poderíase alterar a fauna útil que hai nas viñas, especialmente naquelas onde se fan poucas aplicacións de fitosanitarios”.

Outros

A presenza de caracois nas viñas, ao igual que noutros cultivos e especialmente na horta, segue incrementándose. Tamén empezan a manifestarse síntomas de alteracións de madeira nalgunha viña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información