Recomendacións para o coidado da viña durante os proximos días

Publicidade
Recomendacións para o coidado da viña durante os proximos días

Estado dos acios en variedade Loureira. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, ven de publicar o seu boletín de información fitosanitaria no que fai unha avaliación do estado dos viñedos na provincia de Pontevedra e ofrece unhas recomendacións para o seu coidado.

Grazas ás temperaturas elevadas destes días, o cultivo xa está adiantado de forma que o estado dominante nas diferentes variedades é o de peche de acio.

“Ademais, segundo as previsións meteorolóxicas parece que se manterán estas condicións, e por iso nas variedades máis adiantadas e nas comarcas máis calorosas pronto empezará o pintado”, avanzan os técnicos da estación.

Mildio:

En canto ao mildio, informan de que “en ningunha das viñas que revisamos esta semana observamos novos síntomas nos acios ou zonas de avance nas manchas antigas que había nas follas, independentemente do tempo transcorrido desde o tratamento anterior no caso de ser coñecido este dato que, nalgunhas parcelas da nosa rede de seguimento habitual, é de ata máis de 15 días (nos que unicamente se realizaron rozas, despuntes e/ou limpeza de netos)”.

Esta menor incidencia do mildio foi favorecida polas condicións meteorolóxicas dos pasados días, con ventos secos do norte ou do nordés durante boa parte do día e mesmo da noite, con humidade relativa non elevada e sen humidade foliar malia que as temperaturas nocturnas foron máis que favorables ao fungo.

Para os próximos días as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas indican a permanencia de condicións moi semellantes ás que temos (salvo dúas delas, que anuncian alta probabilidade de precipitación -en principio escasa- para domingo), co que, segundo os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, “en xeral o risco de infección manterase relativamente baixo”.

“Con todo -matizan-, os acios aínda son sensibles ao fungo polo que debe manterse a vixilancia, que debe ser máis intensa naquelas viñas onde o inóculo está sendo elevado ao longo da campaña por un control insuficiente da enfermidade e tamén se volve haber néboas ou mesmo as perigosas
tormentas locais que poida haber cando hai días tan cálidos, en cuxo caso habería que intervir”.

En todo caso, dende a estación pontevedresa, insisten na “importancia nesta época das prácticas culturais que favorezan a ventilación nas viñas (retirada de follas…etc), que en todo caso deben garantir que os acios poidan continuar o seu desenvolvemento normal e que estean protexidos do sol directo”.

Oídio:

Por outra parte, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro informan de que “en case todas as viñas visitadas detectouse a presenza de acios con algúns grans afectados polo fungo do oídio, e mesmo dous dos predios visitados requirirían unha aplicación inmediata”.

“As condicións ambientais destes días foron e están a ser moi favorables. Ao chegar ao peche vai diminuíndo progresivamente a sensibilidade dos acios a este patóxeno pero aínda poden verse afectados e comprometer a colleita. Por este motivo, a vixilancia debe ser aínda extrema e mesmo é preciso renovar as aplicacións se hai acios afectados, en especial se a variedade é moi sensible ao patóxeno e hai historial de danos”, aconsellan.

No caso do oídio tamén lembran que “é fundamental evitar o exceso de vexetación na contorna das viñas para favorecer a aireación en xeral e facilitar a penetración dos funxicidas que poidan aplicarse, cos que hai que conseguir mollar completamente a superficie dos acios”.

So restos de acios atacados sen frutificación de mildio

So restos de acios atacados sen frutificación de mildio

Black-rot:

Non se detectaron novos síntomas deste patóxeno.

Botrite:

As condicións meteorolóxicas destes días que, segundo se prevé, van manterse nas próximas xornadas, non favorecen ao fungo. Ademais, mesmo as variedades máis sensibles presentan, polo de agora, os acios sans en xeral, a excepción dalgún rachado illado, polo que a curto prazo non se espera a aparición de síntomas.

Alteracións da madeira:

Despois de dúas semanas anunciándoo, o estrés derivado das altas temperaturas provoca que continúen a aparecer plantas amosando os síntomas característicos destas patoloxías, sobre todo naqueles predios nos que hai unha boa incidencia de plantas afectadas desde hai anos, o que demostra unha vez máis a importancia dunha boa xestión das podas.

Unha vez máis,dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, insisten en que “é moi conveniente eliminar e destruír brazos e plantas mortos”.

Avelaíñas do acio:

De momento o risco de avelaíñas do acio é baixo, e tamén as elevadas temperaturas e a insolación directa poden desecar as postas ata o punto de non poder evolucionar, pero en todo caso débese incrementar a vixilancia.

Outras incidencias:

Especialmente nas viñas conducidas en espaller, pero tamén incluso nalgunhas parras, os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro observan cada vez de xeito máis frecuente síntomas de golpe de sol nos acios máis expostos.

Por esta razón insiten novamente en que “as esfollas deben ser moderadas, sobre todo na cara dos espalleres que reciba o sol máis intenso”.

Finalmente, advirten de que “están empezando a manifestarse síntomas de estrés hídrico en viñas con solos moi areosos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información