A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Recomendacións para o bo funcionamento dos peches eléctricos para o gando

Daniel López, propietario e fundador da empresa luguesa ION, ofrece unhas recomendacións para o bo funcionamento dos peches eléctricos e fai un repaso dos principais erros a evitar

Recomendacións para o bo funcionamento dos peches eléctricos para o gando

Para gardar o gando nas pradeiras ou para protexer cultivos como o millo ou as patacas dos ataques dos xabaríns, os peches eléctricos convertéronse nas últimas décadas nun dispositivo habitual e indispensable no medio rural.

Sen embargo, seguen sendo comúns erros que diminúen notablemente a súa eficacia, tanto dos conectados directamente á rede elécrica como dos que funcionan con pilas ou son alimentados por placas solares.

Para resolver dúbidas e desmontar falsas ideas falamos con Daniel López González, propietario e fundador da empresa luguesa ION, líder na fabricación de pastores eléctricos.

1) A importancia da toma de terra:

Entre os erros máis comúns que reducen de forma notable a eficacia das cercas elétricas está a toma de terra. “Hai moitos gandeiros que consideran que o único que importa é a corriente que vai pola cerca, polo cable que está á vista. Sen embargo, é tan importante a toma de terra como o cable que vai por riba”, subliña Daniel.

Neste sentido, a súa recomendación é que a toma de terra debe estar espetada polo menos a 1 metro de profundidade no solo. “Sempre que se toque unha toma de terra e dea algo de calambre é que algo falla, pois estase a perder enerxía eléctrica”, advirte. Nese caso, haberá que espetar a barilla da toma máis fondo ou cravar outra toma, separada uns 3 metros, e conectalas entre si.

Como solución eficaz para garantir que a toma de terra estea correctamente espetada, o fundador de ION explica que “é moi fácil ter de forma permanente unha barilla de ferro clavada na finca no lugar onde solemos colocar o pastor eléctrico portátil, e a pica do aparato, que é máis que un soporte, cravala pegada a ese ferro e que estea en contacto con el”. “É unha solución cómoda e eficaz para que funcione correctamente”, destaca.

2) Enerxía eléctrica que se precisa:

A máxima enerxía que permite a normativa para pastores eléctricos é de 5 julios con unha tensión máxima de 10.000 voltios, e o mínimo que debe marcar nunha cerca é de 3.000 voltios, pois de aí para abaixo non sería segura para conter aos animais.

3) Tipos de fíos que se aconsellan:

Para evitar perdas de enerxía eléctrica na cerca, Daniel López considera fundamental, xunto á toma de terra, o tipo de fíos conductores. “Nunha cerca perimetral fixa non se debe andar con cables de nylon con fíos de aceiro, pois son malos conductores. Pola contra, un conductor barato e eficaz son os fíos de ferro galvanizalo, pois está recuberto de zinc, que é un bo conductor. En canto aos fíos de aluminio, non teñen a resistencia física dun cable de ferro ou de aceiro. Logo hai cables de aleacións especiais, moito máis caros, pero tamén cunha duración e unha calidade moito maior”, explica Daniel López.

4) Colocación dos postes:

Outro erro común é colocar os postes demasiado cerca uns dos outros, co cable tenso e enroscado nos illantes. “Nunha cerca eléctrica o que impide que o gando pase é a descarga eléctrica, que é memorizada polo animal, polo que o cable non ten que ofrecer unha resistencia física ao paso do mesmo. Por iso, aconsellamos colocar os postes moito máis separados, con entre 18 e 20 metros entre eles, o que aforra moito diñeiro en illadores e postes. E nunca enrolar o cable nun illador, senón que se debe tensar nas esquinas e deixalo solto e elástico, de forma que se unha vaca quere forzar a cerca o cable terá elasticidade, non romperá tan fácil e seguiralle dando descarga, co que será máis eficaz”, explica.

Os postes que están no centro só teñen que manter a altura do fío e poden ser de calquera material (plástico, aluminio, madeira…etc). Os dos ángulos si que teñen que ser máis resistentes: un tubo de ferro, unha estaca de madeira un pouco gorda…etc.

“Resulta clave que o arame da cerca teña elasticidade para que ceda e non rompa en caso de que un animal queira pasar”, subliña o fundador de ION.

5) Altura do fío para o gando:

A altura e o número de fíos depende de se hai becerros, pois se é así é mellor poñer 3 fíos. Recoméndase meter os dous de abaixo máis xuntos, que é por onde se poden colar os xatos, de forma que o primeiro estea a uns 30 centímetros; o segundo a 60 centímetros do chan e o de arriba a 1 metro. “En todo caso hai que lembrar que cando os cuchos son moi novos non son tan sensibles á corrente eléctrica, polo que se aconsella que non estean pechados nunha finca preto dunha estrada”, precisa.

Se non hai becerros, a recomendación de Daniel López “é poñer só dous fíos: un a 60 centímetros e o outro a 1 metro, pois as vacas ao estar o fío máis alto sempre limpan mellor as herbas de debaixo e tamén porque se rompen algún dos fíos o outro aínda está suficientemente alto para seguir tendo conta do gando”.

6) Protección fronte ao xabarín:

En canto á protección das fincas fronte ao xabarín mediante unha cerca eléctrica, o fundador de ION desaconsella o emprego de cintas como conductor, un tipo de tendido só recomendado para animais coa pel máis sensible ás descargas eléctricas do pastor, como os cabalos.

“A xente ten a manía de colocar cintas nas cercas eléctricas. Para un animal de pouco pelo, como un cabalo, está ben a cinta, pero para un xabarín ou unha vaca a cinta para no pelo e non lle dá unha descarga eléctrica na pel. É mellor un fío metálico para que a descarga lle chegue á pel, e se non se pode poñer un fío de nylon con filamentos de aceiro inoxidable”, explica.

En canto á colocación dos fíos, a súa recomendación é colocar dous: o de abaixo debe estar entre 23 e 25 cm do chan e o de arriba a 48 ou 50 cm.

Por último, lembra que “o pastor debe estar libre de herba debaixo e por riba do fío, pero aínda que caia algunha pode seguir funcionando”.

ION: Unha empresa líder na fabricación de pastores eléctricos

Daniel López na súa finca experimental de A Pastoriza

Daniel López na súa finca experimental de A Pastoriza

Daniel López González é propietario e fundador da empresa luguesa ION, que leva décadas adicada á fabricación de pastores eléctricos e material para realizar peches electrificados, con importantes innovacións, sendo a primeira en fabricar pastores eléctricos alimentados por placas solares.

Os comezos de ION foron froito da necesidade e do empeño. “Empecei nisto por casualidade. Eu son radiotécnico e nos anos 70 dedicábame a reparar radios e televisores. Logo montei o meu propio establecemento comercial, onde tamén vendía pastores eléctricos, pero de importación. Sen embargo, en caso de avarías moitas veces tardábase semanas en conseguir as pezas. E precisamente para poder facer reparacións empecei a fabricar os meus propios pastores”, explica Daniel López.

Isto foi nada menos que no ano 1973 cando saíron ao mercado os primeiros pastores ION. Hoxe a empresa conta con 8 empregados a tempo completo e é líder no mercado galego. Ademais, ION é dos principais vendedores en Portugal e conta con clientes en toda España.

Da súa fábrica de Lugo saen cada ano algo máis de 7.000 pastores, cun amplo catálogo con case 30 modelos, adaptados a todas as necesidades.

Fabricantes do primeiro pastor con placa solar en España

¿Cal é clave do éxito da “Chispa galega” para imporse nun mercado moi competitivo, con fabricantes nacionais e estranxeiros? Explícao Daniel: “Realizamos unha continúa adaptación dos aparatos á realidade e aos avances técnicos, e tamén á propia evolución das gandarías. Outro dos nosos puntos fortes é o noso servizo técnico. É incrible a cantidade de pastores eléctricos que se abandonan por falta dun servizo de reparación. Pola contra, en ION reparamos os pastores prácticamente dun día para outro”.

Por outra parte, ION foi pioneira en España na fabricación de pastores con alimentación de enerxía solar. Así o acreditan os diplomas: no ano 1981 Daniel López recibiu o premio na Feira de Maquinaria Agrícola (FIMA) de Zaragoza no Concurso de Ahorro Energético; e no 1982 o Ministerio de Industria y Energía concedeulle a Prima a la Innovación Tecnológica Industrial polo pastor eléctrico ION modelo HS.

E cal é o produto que máis venden neste momento? “O mercado foi cambiando e hoxe os que máis se venden son os de enchufar directamente á rede eléctrica, porque as parcelas foron concentrándose cada vez máis”. “Quen teña unha parcela cerca da casa debe empregar ese tipo de pastor pois non dá problemas de batería e proporciona unha enerxía eléctrica de superior calidade, educando o gando para que respecten cercas alimentadas con aparatos de baixa enerxía cando sexa trasladado a outras fincas”, aconsella.

Daniel pasa moitas horas na súa finca experimental de A Pastoriza onde ensaia con distintos tipos de cables, illadores, alturas dos fíos, etc. Os fines de semana, tamén dirixe visitas guiadas para persoas interesadas na montaxe de cercas eléctricas.

“Espero que algún día me concedan o título de Pastor Maior do Reino, que o teño ben merecido”, bromea.

Vídeo sobre ION no programa A Labranza:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *