Recomendacións para mellorar a loita contra a Vespa Velutina

Conclusións da Xornada de Intercambio de Ideas sobre a Vespa Velutina, organizada pola Casa do Mel de Goente, e celebrada a finais de outubro nas Pontes

Recomendacións para mellorar a loita contra a Vespa Velutina

Vespa Velutina atacando ás abellas

Os pasados 28 e 29 de outubro celebrouse na Casa do Mel de Goente unha Xornada de Intercambio de Ideas sobre a Vespa Velutina, unha especie exótica en rápida expansión por Galicia e que está a provocar importantes estragos na apicultura.

Nesta xornada déronse cita representantes dos apicultores, da administración e investigadores da universidade e de empresas privadas, servindo como punto de encontro para avaliar o traballo que se ten realizado ata o de agora en Galicia na loita contra a avespa asiática e os aspectos nos que é preciso mellorar.

A este respecto, ofrecemos a continuación as principais conclusións da xornada:

É necesario a creación dunha mesa sectorial sobre a Vespa velutina, con representación de administración, asociacións e os implicados na retirada de niños.

-Incídese na gravidade desta especie invasora, xa que afecta a moitos insectos polinizadores, ademais das abellas; cun impacto medio ambiental e socioeconómico en distintos sectores (fruticultura, viticultura, sector forestal…etc).

– Pídese que se realice investigación dende centros públicos en colaboración con asociacións apícolas, para coñecer mellor o comportamento da especie en Galicia.

-Insístese na necesidade de dar información veraz para evitar a confusión entre a Vespa velutina e a autóctona Vespa crabro, e outras especies.

Necesidade de intercambio de información entra as asociacións apícolas e a administración, sobre a xeorreferenciación dos niños localizados e a situación dos asentamentos apícolas, para conseguir unha maior eficacia no trampeo e na busca de niños primarios.

– A misión dos apicultores, máis que retirar niños, debe de ser a de asesorar e colaborar cos colectivos que os eliminen; se algunha asociación se dedica a retirar avespeiros debería ter unha compensación económica para os gastos que orixine dita actividade.

 “É preciso xeorreferenciar os niños localizados e a situación dos asentamentos apícolas”

-Empregar o método mais eficaz de eliminación de niños, valorando o menor custo económico xustificado coa maior eficacia en cada caso, promover os que teñan menor impacto ambiental.

-Todos os poñentes coincidiron en que, mentres non teñamos outra solución mais selectiva, hai que trampear sempre que capturen raíñas fundadoras e retirar as trampas cando non capturen, para evitar efectos colaterais con outros insectos. É preciso ter en conta as temperaturas medias nas diferentes localidades. Tamén sería interesante xeorreferenciar a colocación das trampas, para facilitar estudos posteriores.

-É necesario formar equipos para a retirada de niños, mancomunados, profesionalizalos e dotalos dos medios necesarios.

-Suscítanse distintos métodos para a protección das abellas e a súa viabilidade diferenciando, neste caso, entre os apicultores pequenos (autoconsumo e non profesionais) e os grandes (profesionais).

Maniféstase certa discrepancia entre os apicultores coa utilización de troianos sen investigación previa, incluso menciónase que pode ser contraproducente para a calidade e comercialización do mel.

É preciso xestionar e facilitar o movemento de colmeas e agrupamentos de REGAS nun mesmo asentamento, debido á velutina.

A administración debería valorar posibles compensacións económicas para compensar as perdas ocasionadas por ataque de vespa velutina.

Por último, a Casa do Mel de Goente mostra o agradecemento pola asistencia a estas xornadas e pide o apoio e colaboración para o Grupo Operativo de Innovación.

Descarga aquí o resumo completo das xornadas.

Toda a información poderá consultarse na páxina web www.casadomel.es
————

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información