Recomendacións para a inseminación artificial en vacún de leite

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA ) de Monforte de Lemos ven de impartir un curso de inseminacion artifical para vacún de leite, unha das formacións máis demandadas polos gandeiros. A ponente do curso, M. Estrella Rodríguez Rodríguez, directora tamén do centro, resume os puntos claves desta técnica

Recomendacións para a inseminación artificial en vacún de leite

Parte práctica do curso

A inseminación é unha técnica moi antiga, comezou en España no ano 1945 cando se crea o “Servicio de Inseminación Artificial Ganadera” dependente da Dirección General de Ganadería, que levou a cabo a investigación, experimentación e ensinanza do método de inseminación artificial (IA), así como a coordinación dos Centros de IA.

O funcionamento daquela, constaba de centros primarios onde se tiñan os sementais e se extraía e preparaban as doses seminais e Centros Secundarios que estableceron circuitos onde os veterinarios aplicaban as doses ás vacas en celo e percibían unhas cantidades por cada 3 inseminacións. O uso da técnica de IA foi progresivo dende o ano 1953, no que se inseminaron aproximadamente 20.000 vacas, a maior parte animais de producción láctea, ata a actualidade na que os gandeiros a seguen empregando como unha ferramenta máis de traballo que lles facilita cubrir os seus animais no mellor momento.

A IA contribuíu de maneira importante á mellora xenética, de maneira que cun só semental se pode acadar un número elevado de descendencia e facer a súa valoración nun período breve de tempo. Na actualidade, avanzouse moito neste campo e xa dispoñemos doutras técnicas como son o transplante de embrións, empregada en Galicia xa fai uns 30 anos, que permite obter un considerable número de descendentes por unidade de tempo a partir de femias dun alto valor xenético

Isto combinado coa aplicación cada vez máis frecuente de seme sexado, asegura a obtención da descendencia buscada para a selección e poder cubrir o resto dos animais con seme convencional ou de outras razas. Outra ferramenta que se está empregando son as probas xenómicas que permiten averiguar con exactitude o potencial xenético dun animal dende case o nacemento, e enfocado a que os productores teñan a información que lles permita mellorar a selección do seu rabaño encanto a produción, tipo e saúde.

3 premisas para que a inseminación artificial teña éxito

Para que a técnica de IA teña éxito compre ter en conta 3 premisas : que a vaca estea en celo, que estea sá e que o seme sexa de boa calidade.

Un dos problemas é a dificultade da detección de celo, este parámetro é o que máis inflúe no rendemento reproductivo da explotación (Bekara and Bareille,2019). Para paliar isto nas explotacións leiteiras empregánse sistemas electrónicos que detectan un aumento da actividade física (signo secundario de celo), pero hai que ter en conta que tan só un 70% das vacas mostra comportamento de celo (Macmillan,2010) polo que cada vez se extende máis o uso do sistema de Inseminación a tempo fixo (IATF) que permite inseminar vacas sen síntomas de celo.

Os avances no coñecemento da fisioloxía reproductiva dos bovinos, contribuíu a mellorar a eficiencia desta técnica, aplicando hormonas e desenvolvendo protocolos de IA a tempo fixo, cos que se consegue mellorar os resultados de fertilidade, aínda que faltaría por mellorar a baixa fertilidade asociada a altos niveis de produción de leite, formas de nutrición e factores ambientais como o estrés por calor, que actúan negativamente sobre a fisioloxía da vaca.

Hai que sinalar que para que a técnica de IA teña éxito temos que complementala cun bon manexo do rabaño. En concreto, refírome a:

-Garantir unha boa alimentación: débese valorar atendendo á Condición Corporal dos nosos animais e observar os seus excrementos para orientarnos se estamos alimentando de maneira correcta. Dispoñer dunha analítica dos alimentos, coa finalidade de poder anticiparnos a un posible desequilibrio na ración, que case con seguridade dará lugar a un problema metabólico. Por exemplo, por un ensilado deficiente ou porque se nos acabou un determinado ingrediente na ración. As materias primas deben ser axeitadas tanto en calidade como en cantidade ao estado productivo do animal. A produción de leite e o seu contido en proteína e lactosa xunto coa valoración da condición corporal son ferramentas importantes para identificar as vacas que poden ter problemas de reprodución (Buckley et al., 2003)

-Dimensión axeitada das explotacións: na actualidade hai unha tendencia a incrementar o número de animais pero non a dispoñibilidade de espazo (existe unha maior competencia que fai que os animais mais débiles non expresen o seu comportamento normal). Tampouco se adecúa o número de cubículos, motivo polo que o animal permanece mais tempo de pé e provoca problemas de patas (mobilidade reducida e falta de comportamento de celo)

Diminución do estrés causado pola calor: implementando sistemas de refrixeración que contribúan a un maior confort dos animais

-Realizar un control sanitario de enfermidades como DVB, IBR ou Neospora: que sen dúbida contribúen a baixar os índices de fertilidade

Un bo manexo do animal axudará a que esté san e desenvolva todo o seu potencial reproductivo.

Correcto manexo das doses seminais

A calidade do seme xunto cunha correcta manipulación é fundamental para que os espermatozoides cheguen en bo estado ao lugar de fecundación. Hai que tentar non expoñer as doses seminais temperatura ambiente máis de 10 segundos, e se necesitamos máis tempo para escoller a dose seminal volver descender o canastiño no tanque de inseminación e levar a cabo unha correcta desconxelación introducindo rapidamente o seme no baño de desconxelación a 37ºC.

Outro dos factores que contribúe ao éxito da inseminación é o momento da inseminación que á súa vez depende dunha boa detección de celo

Figura 1. Sincronización de eventos, expresados en horas. Fonte Tambero.com

Figura 1. Sincronización de eventos, expresados en horas. Fonte Tambero.com

Como se pode ver na figura 1, o momento óptimo para realizar a inseminación é ao final do celo. Se a vaca se insemina demasiado pronto, córrese o risco de que morran os espermatozoides e se se insemina moi tarde, a viabilidade do óvulo pode ser limitante para a calidade embrionaria

Pódese empregar a seguinte regra: a vaca atopada en celo pola mañá inseminaríase pola tarde e vaca atopada en celo pola tarde, inseminaríase á mañá seguinte. Debido á incertidume do momento en que comeza o celo e tamén a cuestións prácticas, en moitas explotacións estase realizando unha inseminación ao día a “media mañá”, baseándose no estudo de Nebel et al.,1994 (táboa 3)

INSEMINACION MONFORTE cadro 2

Aínda que as vacas detectadas en celo sen ningún tratamento hormonal, e inseminadas no momento óptimo quedan mellor preñadas, cada vez máis explotacións empregan programas de sincronización que permiten realizar inseminacións programadas para evitar as dificultades asociadas a detección do celo. Isto sucede en vacas de alta producción que teñen síntomas menos evidentes de celo, en parte debido ao sistema de aloxamento combinado coa alimentación, muxido intensivo e cada vez menos interacción entre os animais e o persoal.

Nas explotacións, a alta fertilidade contribúe á rendabilidade do rabaño. Para acadar este obxectivo dispoñemos de ferramentas como é a inseminación artificial (IA), técnica que se pode aprender sen dificultade e para o que se realizan cursos de aprendizaxe dispoñibles para todos os gandeiros, pero hai que ter en conta que proceso de reprodución é moito máis complexo e débese de mellorar a xestión do rabaño xa que son moitos os factores necesarios para acadar o éxito.

No CFEA de Monforte, este ano impartiuse un curso de IA, que se viña demandando dende fai unhos cantos anos, ED tivo moito éxito, polo que no vindeiro ano pensamos seguir ofertando este tipo de formación.

Bibliografía: 

Bekara ME, Bareille N. Quantification by simulation of the effect of herd management practices and cow fertility on the reproductive and economic performance of Holstein dairy herds. J Dairy Sci. 2019 Oct 1;102(10):9435-57

Buckley, F., O’sullivan, K., Mee, J. F., Evans, R. D., & Dillon, P. (2003). Relationships among milk yield, body condition, cow weight, and reproduction in spring-calved Holstein-Friesians. Journal of dairy science, 86(7), 2308-2319.

Macmillan, K. L.: Recent advances in the synchronization of estrus and ovulation in dairy cows, J. Reprod. Develop., 56, S42–S47,2010.

Nebel, R. L., Walker, W. L., McGilliard, M. L., Allen, C. H., & Heckman, G. S. (1994). Timing of artificial insemination of dairy cows: fixed time once daily versus morning and afternoon. Journal of dairy science, 77(10), 3185-3191.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información