A motoserra é unha das máquinas presentes na maior parte das casas do rural galego, ademáis de ser un equipo imprescindible para os profesionais do sector madeireiro. Porén, o seu uso conleva un importante risco para as persoas, polo que é preciso extremar as precaucións.
Neste sentido, a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), ten a disposición do sector unha folla informativa con medidas de prevención.
Recomendacións xerais de seguridade:
-O operador da máquina debe ser maior de idade, ter formación para o uso da máquina, ter información dos riscos e das medidas preventivas que debe adoptar para o labor que vai desenvolver e coñecer o contido do libro de instrucións da máquina.
-Seleccionar a máquina idónea e elixir unha espada de anchura e lonxitude óptimas para o traballo que se vai realizar (a espada será o máis curta posible, dentro da súa idoneidade de traballo).
– Comprobar a tensión da cadea antes de iniciar o traballo e, periodicamente, a intervalos regulares.
-Non traballar coa motoserra nas proximidades doutras persoas.
– Para poñer en marcha a motoserra, arrancar co freo da cadea accionado. Aconséllase colocar a motoserra no chan e situar o pé dereito sobre a empuñadura posterior e a man esquerda na anterior, mentres que se tira do arranque coa man dereita. Se non é posible colocala no chan, a empuñadura posterior suxeitarase entre ambas as pernas.
– Independentemente de que a persoa sexa destra ou zurda, collerase a empuñadura traseira coa man dereita e a dianteira coa esquerda. Nunca se traballará coa motoserra cunha man soa.
-Procurar manterse ben asentado sobre o chan durante o corte, evitar posicións inestables ou posturas forzadas e prestarlle atención a non situar ningunha parte do corpo no sector de xiro da motoserra.
-Non cortar pólas que colguen, nin quitar raíces nin estorbos coa espada da motoserra.
Uso da motoserra para o traballo
A) Preparación para o traballo:
Antes de iniciar o traballo, hai que realizar unha revisión a fondo da motoserra e unha posta a punto que inclúa: revisión da cadea e do filtro de aire, revisión das empuñaduras, revisión e engraxado do piñón de punta, revisión dos dispositivos de seguridade e revisión e reposición dos depósitos de aceite e combustible.
B) Mantemento:
É importante facer unha listaxe con todos os controis necesarios para asegurar un bo funcionamento e evitar riscos. Estes controis han de ser diarios, semanais e mensuais.
C) Transporte:
-Nunca realizar o transporte coa máquina acesa.
-Colocar a funda na cadea.
-Agarrar a máquina da asa dianteira coa espada dirixida cara a atrás, e a saída do escape no lado contrario do corpo.
D) Recarga:
-Sempre co motor parado.
-Abrir lentamente a tapa do depósito para deixar saír progresivamente o exceso de presión. Unha vez concluída a reposición, apertar ben a tapa do depósito.
– Intentar non verter combustible pola roupa.
-Asegurarse de que hai boa ventilación nos lugares onde se manexe o combustible.
– Nunca fumar durante a operación de enchedura.
E) Posta en marcha:
-Seguir o libro de instrucións da máquina.
-Realizala unha soa persoa.
-Procurar arrancar a máquina a certa distancia de onde se produciu a recarga.
-Non permitir que outras persoas se acheguen á motoserra cando esta se pon en marcha.
-Manter as mans secas, limpas e sen aceite.
– Evitar que a cadea da motoserra non entre en contacto con ningún obxecto antes de poñer en marcha o motor.
– Arrancar co freo da cadea accionado.
– Poñer o mando para o acendido e arrancar cun tirón rápido, agarrar a asa da corda mentres esta se retrae.
Principais riscos e medidas preventivas:
a) Rebote: Empinamento ou rexeitamento brusco cara a atrás ou cara a arriba da motoserra, sen posibilidade de control. Esta situación pode darse cando o cuarto superior da punta da espada tropeza ou roza cun obxecto duro como un nó, unha rama etc.
Como medidas preventivas aconséllase:
– Empregar os equipos de protección individual axeitados.
– Usar unha motoserra que dispoña de sistema de protección antirrebote.
– Traballar coa cadea de seguridade correctamente afiada e tensada.
– Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans.
– Cortar coa parte da cadea en retroceso ou coa parte inferior da espada.
– Evitar traballar coa parte superior da punta da espada e, de ser necesario, evitar o traballo co cuarto superior da punta.
– Extremar as precaucións ao introducir a espada nun corte xa comezado.
– Extremar as precaucións cando exista risco de cambio na posición do tronco ou de peches de fendeduras do corte.
– Afastar os obxectos que poidan ser rozados pola punta da espada.
– Colocar o polgar arredor da asa dianteira.
– Serrar unicamente con plena aceleración do motor.
b) Retroceso: Movemento brusco da máquina cando se traballa coa parte da cadea en avance e cando esta se traba ou sofre algún freo brusco.
Aconséllase:
– Empregar os equipos de protección individual axeitados.
– Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans.
– Cortar coa parte da cadea en retroceso.
– Adoptar a secuencia de cortes máis adecuada a cada situación.
c) Tiróns bruscos: Cando se traballa coa parte da cadea en retroceso e esta se traba ou sofre un freo brusco, a máquina tende a escapar cara a diante e pode desequilibrar o traballador.
Para reducir este risco recoméndase:
– Utilizar os equipos de protección individual axeitados.
– Suxeitar sempre a máquina firmemente con ambas as mans.
– Empregar as grampas da motoserra.
d) Exceso de percorrido de corte: Prodúcese cando se cortan dun modo brusco pólas ou matas xeralmente finas e a serra aínda accionada segue a traxectoria coa inercia do impulso orixinal, o que pode dar lugar a cortes nas pernas.
Para evitalo aconséllase:
– Empregar os equipos de protección individual axeitados.
– Adecuar a forza, a aceleración e o arco de traxectoria dos cortes a cada situación.
– Suxeitar con forza a máquina coas dúas mans.
e) Desvío da traxectoria de corte: Desvío da traxectoria da espada da motoserra ao sufrir golpes ou contactos con obxectos próximos.
Recoméndase:
– Usar os equipos de protección individual axeitados.
– Suxeitar con forza a máquina coas dúas mans.
– Vixiar a tensión a que están sometidos os elementos que se vaian serrar e aqueles outros alleos que poidan interferir.
f) Rotura da cadea:
– Non abusar da cadea de corte.
– Afiar a cadea regularmente.
– Revisar os remaches e os elos.
– Empregar sempre un calibrador para afiar os limitadores de profundidade (andarines).
g) Caídas, tropezóns e esvaróns: Perda do equilibrio mentres a motoserra está traballando, apoiándose na propia máquina. Pode caer sobre a motoserra cando remata o corte e contactar coa cadea.
Para reducir este risco, as recomendacións son:
– Empregar os equipos de protección individual axeitados.
– Empregar motoserras dotadas de fiador de cadea que a bloquea ao desacelerar.
– Asentar firmemente os pés nunha posición segura.
– Manter o sistema de regulación da máquina sempre a punto, de tal xeito que cando a motoserra se atope en ralentí, a cadea estea sempre parada.
– Nos desprazamentos, apagar a motoserra e levala coa espada cara a atrás e coa funda da cadea posta ou, polo menos, activar o freo da cadea cando se realizan pequenos desprazamentos.
– Manter a zona de traballo o máis libre posible de obstáculos.
h) Vibracións:
– Manter en bo estado os sistemas amortecedores da motoserra.
– Empregar sempre as luvas.
– Limitar o tempo de uso e realizar descansos.
i) Cortes e golpes:
– Empregar os equipos de protección individual axeitados.
– Suxeitar a máquina firmemente coas dúas mans.
– En desprazamento, apagar o motor.
– Realizar os labores de mantemento da máquina parada.
– Non traballar máis dunha persoa na mesma árbore.
– Evitar rebotes, retrocesos e desvíos de traxectoria.
j) Sobreesforzos:
– Agarrar correctamente a máquina.
– Limitar o tempo de manexo ou realizar pausas.
– Manter unha boa hixiene postural.
– Empregar elementos auxiliares de axuda, no caso de que sexa necesario.
– Non manipular cargas superiores a 25 kg. Se fose imprescindible facelo, pedirlle axuda a un compañeiro.
– Non manexar a motoserra por encima dos ombreiros.
k) Queimaduras/incendios:
– Recargar sempre co motor apagado.
– Non fumar durante a recarga e manter a máquina a distancia prudencial de calquera lume.
– Evitar os derramos de combustible.
– Arrancar o motor lonxe do lugar de recarga (3 metros).
– En caso de derramo, limpar a máquina e, se é necesario, mudar a roupa.
– Dispoñer dun extintor de incendios.
l) Proxeccións:
– Usar os EPI necesarios.
– Manter a distancia de seguridade na presenza doutros operarios.
– Non manexar a motoserra por encima dos ombreiros.
m) Ruído:
– Usar protectores auditivos.
– Manter en bo estado o escape e o silenciador.
n) Factores biolóxicos.
– Utilizar lentes e roupa de traballo adecuada; ademais, pode ser necesario o uso de máscara en caso de alerxia ao pole.
– Evitar picaduras coa utilización de luvas e botas.
– Trasladar urxentemente a un centro hospitalario, no caso de determinadas picaduras.
ñ) Climatoloxía adversa:
– Hidratarse convenientemente (beber líquidos, preferentemente auga).
– Empregar roupa axeitada.
– Empregar protección solar, se fose necesario.