Recomendacións para a construción de establos para vacún de leite

Analizamos con Juan Manuel García Castro, de Albeitaneria Servizos Veterinarios, os aspectos clave que hai que ter en conta á hora de construír instalacións para vacas leiteiras, onde prime o confort e benestar dos animais pero tamén a facilidade de manexo e a comodidade no traballo do gandeiro

prototipo instalacions vacas leite

Á hora de construír unhas novas instalacións para vacas de leite un bo deseño aforra custos e maximiza o rendemento. Cuestións como a orientación, as dimensións dos corredores, a forma dos cubículos, a ventilación e iluminación da nave ou a colocación de elementos como poden ser os bebedoiros, son factores determinantes para o éxito nun establo de nova construción. Trátase de investimentos importantes que requiren planificación.

Un problema recorrente na maioría das explotacións lácteas galegas é a capacidade das súas instalacións. Con marxes cada vez máis reducidos por litro de leite, as ganderías víronse obrigadas a aumentar o seu número de cabezas, pero as ampliacións necesarias para acoller este incremento da cabana ou a construción de novas instalacións non foi capaz en moitos casos de avanzar á vez.

O problema é que o censo de animais medra pero as instalacións non se estiran e prodúcese sobrepoboación

“O problema é que o censo de animais medra pero as instalacións das que dispoñemos non se estiran e, como consecuencia, prodúcese sobrepoboación. Diante deste problema posibles solucións serían diminuír a recría mediante o uso de seme de cruces cárnicos, aumentar a taxa de eliminación, recorrer á venda de animais ou ampliar as instalacións, co que iso supón en canto a custo económico e necesidade posterior de superficie agraria e man de obra”, explica Juan Manuel García Castro, de Albeitaneria Servizos Veterinarios, situada en Mazaricos, unha das principais zonas produtoras de leite de Galicia.

As condicións do establo definen en gran medida o sistema de traballo na granxa, así como o benestar do gando e a súa produción e, por tanto, tamén a rendibilidade obtida polo gandeiro. Juan Manuel define os dereitos da vaca co principio das cinco liberdades, segundo o tratado de benestar animal, que serían: non sufrir fame, sede, nin malnutrición; non sufrir tensión física nin térmica; Non sufrir dor, nin lesións, nin enfermidade; ter capacidade para mostrar a maioría dos seus patróns naturais de conduta e non sufrir medo na súa relación co gandeiro.

As condicións do establo definen en gran medida o sistema de traballo na granxa, así como o benestar do gando e a súa produción

Pero a percepción do que significa o concepto de benestar animal varía en función de quen o defina. Así, para un científico o benestar estaría baseado nunha boa adaptación da vaca ao medio e unha maior lonxevidade; o consumidor buscaría animais con calidade de vida, asociada a sistemas de produción máis naturais, por exemplo en extensivo, o que fai aumentar na actualidade a demanda de leite de pastoreo e ecolóxico; e, pola súa banda, para o gandeiro o benestar do seu rabaño consistiría en realizar un bo manexo que achegue alta produción e bo estado do animal, sen lesións nin enfermidades, maximizando o rendemento económico da granxa.

Orientación: mellor Nordeste-Suroeste

orientacion naves

Á hora de construír unhas novas instalacións é necesaria planificación, xa que hai decisións difíciles de reverter. “O cemento é máis doado de poñer que de quitar e reformar unha instalación cos animais dentro sempre é complicado”, afirma Juan Manuel, que advirte de que “un mal deseño sófrese e penaliza durante moitos anos”.

Hai que pensar ben o deseño porque o cemento é máis doado de poñer que de quitar e reformar unha instalación cos animais dentro sempre é complicado, polo que un mal deseño sófrese durante moitos anos

O primeiro aspecto a ter en conta é a orientación da nave. En Galicia, unha orientación Nordeste-Suroeste protexe da exposición lateral e cenital aos ventos predominantes e reduce a incidencia solar no verán.

Juan Manuel recomenda que o deseño permita a división en lotes ou “creación de grupos de necesidades similares”, algo que será útil en aspectos de nutrición, sanitarios ou de aloxamento.

As vacas devólvennos o confort en forma de produción e rendemento económico

Ademas, copiar doutras explotacións ten os seus riscos, pero nese caso “hai que procurar copiar as virtudes e non os defectos desoutro establo xa construído”, evidencia Juan Manuel.

Primar o confort da vaca

necesidades basicas de la vaca

As pedras angulares dun bo deseño serían en primeiro lugar o benestar da vaca, en segundo lugar a comodidade, é dicir, que facilite a eficiencia no uso da man de obra, en terceiro lugar o factor económico (custo-beneficio), e, por último, a capacidade de ampliación futura das instalacións.

Por iso, a listaxe de prioridades arrincaría en distintos aspectos destinados a lograr un maior confort e espazo para os animais, cun deseño pensado para o benestar do gando, o que redundará en mellor saúde do rabaño. Neste sentido, a vaca necesita espazo para descansar limpo e seco, ventilación que facilite un aire limpo no interior do establo, comida e auga en cantidades adecuadas e espazo para exercicio, detalla Juan Manuel.

Es importante evitar escalones o salientes que puedan producir riesgo de lesiones al ganado

É importante evitar escalóns ou saíntes que poidan provocar risco de lesións ao ganado

Pero a maiores, as instalacións deben reducir os riscos de accidentes, limitando ao mínimo as posibilidades de que se produzan lesións por parte dos animais (evitar escalóns, chans esvaradíos, saíntes e xiros pechados) ou de que estes enfermen e permitir tamén un manexo adecuado das temperaturas extremas para evitar a tensión por calor na vaca.

Aínda que o habitual sexa centrarse no confort das vacas en produción, Juan Manuel fai un chamamento aos gandeiros a non descoidaren o benestar tanto da recría, por ser o futuro da granxa, como das vacas secas, dado que deste período e do de preparto vai depender o arranque da lactación e posibles enfermidades postparto.

Superficie mínima: 10 metros cadrados por animal

Falar de confort do gando nunhas instalacións é falar en primeiro lugar de amplitude. Juan Manuel considera necesaria polo menos unha superficie mínima por animal aloxado de 10 metros cadrados.

Diseño de instalaciones y dimensiones de los pasillos con dos filas de cubículos

Deseño de instalacións e dimensións dos pasillos con dúas filas de cubículos

Esa amplitude ha de trasladarse a todos os espazos ocupados pola vaca, incluídos os corredores, que deben permitir uns bos accesos ás camas, bebedoiros e comedeiros. En corredores de dúas filas de  cubículos requírense separacións de 5 e 4 metros, que en caso de seren de tres filas incrementaríase a un mínimo de 4 metros e medio.

Diseño de instalaciones con sistema de cama caliente

Deseño de instalacións con sistema de cama quente

Non debe haber zonas mortas e débense evitar os pasillos cegos, permitindo sempre saídas de fuga aos animais para facilitar a relación entre vacas dominantes e vacas dominadas.

Non se trata de sacrificar cubículos para gañar pasillo, senón de non sacrificar pasillo para gañar algún cubículo

Ademais de corredores anchos, os pasos de cruzamento terán sempre un mínimo de 2,5 metros cando non teñan bebedoiro e 4,2 metros con bebedoiro, que deben ser sempre accesibles.

Confort tamén para o gandeiro

Con todo, o deseño debe lograr compatibilizar esas necesidades da vaca coas necesidades do gandeiro, á hora de realizar tarefas como a alimentación, o manexo, os movementos en grupo ou a xestión do esterco ou o xurro.

A eficiencia e seguridade da man de obra, a dispoñibilidade e efectividade na utilización dos recursos e a rendibilidade son aspectos que debe cumprir un bo establo, sen descoidar outros como o respecto ao medio ambiente e a imaxe cara ao consumidor, cada vez máis importante.

Cornadiza ou barra limitadora?

Diseño de comedero con barra limitadora en vez de cornadiza

Deseño de comedeiro con barra limitadora en vez de cornadiza

Dada a importancia da alimentación na produción, o comedeiro debe cumprir cunha serie de características, entre as que destaca que sexa de fácil limpeza. Por iso, Juan Manuel recomenda superficies como o mármore, o aceiro inoxidable ou a pintura epoxi, porque, asegura, “se o comedeiro non se limpa é un foco de crecemento de bacterias nocivas e fai que a mezcla se volva máis inestable”. Aínda que engade, “iso tamén depende da calidade dos alimentos, porque se os alimentos cargados no carro son malos, o carro non fai milagres”.

Trabados prolongados son unha tensión para as vacas, nunca deberían estar máis de 4 horas ao día

Outra disxuntiva está en elixir entre cornadiza e barra limitadora. Esta última permite maior liberdade para o animal pero, ao mesmo tempo, maior xerarquía e dominancia por parte das vacas que mandan no rabaño. A cornadiza, á súa vez, permite suxeitar á vaca para o seu manexo en tarefas reprodutivas ou de tratamento de enfermidades. A súa desvantaxe, mantén aos animais atrapados, incrementando a súa tensión.

En todo caso, Juan Manuel recomenda manter ás vacas sen ancoraxe ao longo do día, xa que “trabados prolongados son unha tensión para as vacas, así que nunca deberían permanecer trabadas máis de 4 horas ao día”, asegura.

A plataforma do comedeiro debe medir 1,2 metros de ancho, estar elevada entre 10 e 15 centímetros sobre o chan da vaca e dispoñer dun mínimo de 70 cm por animal

En canto ás dimensións, a plataforma do comedeiro debe medir 1,2 metros de ancho e debe estar elevada entre 10 e 15 centímetros sobre o chan da vaca. As medidas do comedeiro tamén deberían ser distintas se se opta por un modelo ou polo outro, cun mínimo de 70 cm de comedeiro por vaca en caso de cornadiza e 80 con barra limitadora, polo feito precisamente do incremento da dominancia neste sistema.

Mínimo cada 20 metros un bebedoiro

Unha vaca en produción come entre 50 e 60 quilos de comida ao día, pero bebe entre 80 e 150 litros de auga, en función da súa produción e da temperatura ambiental. De aí a importancia de que as instalacións que albergan gando bovino conten con bebedoiros suficientes en canto ao seu número e adecuados en canto á súa colocación.

Débese dispoñer de caudal suficiente, xa que unha vaca bebe a un ritmo de entre 10 e 20 litros de auga por minuto

Os bebedoiros deben ser de fácil acceso e estar situados a entre 60 e 80 centímetros de altura sobre o chan. Cada 20 metros debe haber un bebedoiro e como mínimo dous por establo, con dimensións que permitan dispoñer de entre 9 e 10 centímetros de bebedoiro por vaca.

É importante potabilizar previamente a auga que chega a eles, serán de fácil limpeza (mellor de aceiro inoxidable, recomenda Juan Manuel) e dispoñerán de caudal suficiente, xa que unha vaca bebe a un ritmo de entre 10 e 20 litros de auga por minuto.

Iluminación e ventilación

esquema ventilacion establo

As condicións de iluminación do establo tamén teñen incidencia na inxesta diaria da vaca. A luz natural tanto por apertura lateral como superior (por panel traslúcido no teito) deberá complementarse con luz artificial, que ha de ser branca, uniforme e sen zonas de sombra. O nivel mínimo sería de 200  lux no establo e de 500 na sala de muxido e as vacas necesitan 16 horas de luz e 8 de penumbra para un correcto ritmo vital.

ventilacion necesaria

Outro aspecto esencial no benestar da vaca é a presenza de aire fresco no establo, que se logra mediante a adecuada ventilación das instalacións, que pode ser tamén de dous tipos: natural e forzada.

Teitos altos e cunha pendente mínima do 20%, un sistema de apertura que permita a saída do aire quente pola cumbreira cun mínimo de 3 cm de apertura por cada metro de ancho da nave e cunha entrada lateral que debe ser como mínimo 4 veces a saída superior e un beirado de 1/3 da altura lateral da nave son factores que favorecen unha boa circulación do aire. A maiores, pode recorrerse a unha ventilación forzada con ventiladores suficientes en canto ao seu número e caudal, colocados sempre na mesma dirección.

A dimensión da apertura da cumbreira deberá ser de polo menos 3 cm por cada metro de ancho que teña a nave e a entrada lateral de aire será 4 veces a saída superior do teito

As prioridades de ventilación dun establo serían, por esta orde, a zona de espera da sala de muxido, a propia sala de muxido, o espazo que ocupan as vacas secas e as de preparto, o postparto, as vacas en produción (priorizando as de maior produción de leite) e finalmente as xovencas, xa que resisten mellor a tensión térmica. O corredor de alimentación e a zona de cubículos son, xunto coa sala de muxido e a de espera, os lugares máis importantes a ventilar.

Os sinais visibles dunha mala ventilación serían un cheiro a amoníaco, a formación de mofo, telarañas, sinais de oxidación nos elementos, condensación, presenza de animais mollados e distribución heteroxénea do gando nas instalacións en busca dos lugares máis frescos.

Descanso

Los sistemas de cama caliente son frecuentes en recría o vacas secas pero poco usados en Galicia para animales de producción

Os sistemas de cama quente son habituais para recría ou vacas secas pero pouco usados en Galicia en animais en produción. Necesítanse cando menos 10 metros cadrados por vaca

Xunto coa alimentación, o descanso é outra das claves para lograr benestar e produción nunha vaca leiteira. Ao tradicional cubículo, con distintos materiais de recheo (con custos, características e necesidades de mantemento tamén diferentes), engádense outras posibilidades, como a cama quente, pouco usada en Galicia en vacas de produción pero frecuente en vacas secas ou  preparto. As camas quentes máis habituais son de palla ou compost e deberán dispoñer, polo menos, de 10 metros cadrados de superficie por vaca.

caracteristicas deseables de la arena en las camas

O cubículo deberá ter unhas propiedades que permitan o descanso da vaca. Para iso, a vaca debe poder levantarse ou deitarse sen medo nin dor por golpes coa barra educadora, os separadores ou os postes.

O cubículo deberá ser ademais o suficientemente amplo como para que o animal poida descansar coas patas, o ubre e o rabo dentro do cubículo, a vaca deberá poder virar e descansar a cabeza a ambos lados sen obstáculos e estirar as patas dianteiras, para o que o limitador frontal de cama será baixo.

Como se deita e se levanta unha vaca?

movementos vaca levantandoseCalcúlase que unha vaca holstein tipo marca unha pegada no chan cando está deitada de 175 centímetros de longo por 120 de ancho, aínda que o máis recomendable é adaptar as dimensións dos cubículos ao tamaño e morfoloxía das vacas da nosa gandería. Ademais das dimensións do seu corpo, hai que ter en conta como se deita e se levanta unha vaca, sumando espazo suficiente para o movemento da cabeza e o balanceo do seu corpo.

errores en los cubiculosOs defectos máis habituais que se cometen nos sistemas de cubículo teñen que ver coas súas dimensións ou a súa estrutura e configuración: cubículos curtos ou estreitos, con bordos altos, obstáculos no espazo de arremetida, barra educadora baixa, separador inadecuado, limitador de cama dianteiro alto, etc.

grafico dimensiones cubiculos2

Pódese corrixir a posición diagonal da vaca aumentando a lonxitude dos cubículos colocados cabeza con cabeza ou de fronte a unha parede

A vaca debe descansar nunha cama limpa, seca e cómoda e a elección do material de recheo debe facerse considerando aspectos como a saúde da vaca, o custo do material, a frecuencia de limpeza e renovación ou a implicación no manexo do esterco/xurro.

cubiculos baleiros2

A capacidade de absorción, que permite que a cama estea seca e limpa, e de impedir o crecemento de xermes de mamite, así como a facilidade e custo de mantemento ou o potencial de resbalóns, rozaduras en corvexóns ou hinchazóns e lesións son diferentes en area, carbonato, serrín, palla ou colchón de goma.

Pero, en todo caso, Juan Manuel recomenda que o recheo teña un mínimo de 15 centímetros de profundidade. “Deberiamos poder tirarnos de golpe sen magoarnos”, exemplifica.

A altura do recheo do cubículo disporá de polo menos 15 cm de profundidade

Neste sentido, indica que segundo revelan diversos estudos, “as vacas pasan deitadas nos cubículos 2,3 horas ao día menos cando o nivel de area está entre 13 e 14 centímetros por baixo do nivel do bordo en comparación con cando o cubículo está cheo, é dicir, 25 minutos de descanso menos por cada 2,5 centímetros que falten no recheo”. E esa falta de descanso, son tamén litros de leite de menos no tanque.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información