Recomendacións para a colocación de arpas no apiario

A firma Sanve, especializada en mecanismos contra as vespas velutinas, achega algúns consellos para mellorar a eficacia destas trampas. As estratexias varían en función da época do ano e a incidencia de vespas sobre as colmeas

Recomendacións para a colocación de arpas no apiario

As arpas eléctricas son unhas das trampas que se están a empregar na loita contra a vespa velutina para conseguir reducir a incidencia destes insectos sobre os apiarios. Para incrementar a eficacia dende a firma Sanve, especializada en sistemas anti velutina, inciden nalgúns aspectos cos que conseguir reducir a presenza de velutina sobre as colmeas. A empresa desenvolve tanto distintos modelos de arpas como desinsectadores, en seco ou con atraíntes, cos que combater a presenza da velutina no apiario.

Para conseguir mellorar a efectividade dos equipos e polo tanto os resultados cómpre empregar diferentes estratexias en función da época do ano (primavera, verán e outono), que coinciden con distintas fases do ciclo vital da velutina. Detallamos a continuación cada unha delas e como colocar as arpas:

Primavera

A saída de hibernación das vespas fundadoras prodúcese na primavera. Por iso, nesta época o máis recomendable é colocar os desinsectadores con atraíntes no apiario, pero afastados das piqueiras, co fin de atrapar aquelas velutinas que poidan estar construíndo os niños nas proximidades do apiario.

Tamén se poden empregar as trampas de botella con atraíntes. Este tipo de trampas pódense colocar algo máis afastadas do apiario, nun radio duns 500 metros. Nesta época abonda con colocar unha trampa no apiario e outra nas proximidades. Non é preciso poñer máis, pero si que é importante mantelas toda a primavera e revisalas cada semana para baleiralas e repoñer atraínte.

Verán

A mediados de verán, no mes de xullo (aínda que pode haber variacións dependendo do clima e a altitude), as vespas velutinas entran na fase de desenvolvemento dos niños primario e secundario. Neste etapa, en Sanve recomendan eliminar calquera atraínte do apiario e modificar a colocación das arpas, situándoas en paralelo coas piqueiras das colmeas.

“É moi habitual ver botellas con atraíntes xunto coas arpas e outros sistemas para cazar velutinas durante toda a tempada, nós desaconsellamos totalmente este procedemento, xa que o único que conseguimos co atraínte no verán é facer do noso apiario un auténtico campo de batalla”, indican dende a firma especializada na fabricación de trampas.

Recomendan retirar as trampas con atraíntes no verán e optar pola utilización de arpas para eliminar as velutinas sen fomentar que se acheguen ó apiario

Manter o atraínte no apiario só congrega ás velutinas nesa zona, aínda que inicialmente non foran cazar ás abellas, xa que do mesmo xeito que nas colmeas das abellas, as velutinas teñen distintos roles. Mentres unhas saen á procura de proteína mediante a caza de abellas e insectos para alimentar á cría, outras saen na procura de néctar para alimentar ás que traballan no niño e outras transportan materiais de construción do niño.

Recomendan colocar as arpas moito antes de ver as primeiras velutinas cazando fronte as piqueiras. “A comezos de verán, os niños son aínda incipientes. É unha época vulnerable para o desenvolvemento da velutina, polo que se se consigue reducir as vespas nestes momentos reducirase o crecemento do niño e mesmo podemos obrigar á raíña a ter que saír a buscar alimento e pode caer nunha trampa, eliminando o niño por completo”, indican.

Para complementar a eficacia das arpas, dende Sanve recomendan empregar elementos que interrompan a libre circulación das vespas velutinas diante das colmeas obrigándoas a pasar polas arpas. Un xeito de cambiarlles a traxectoria de voo ás vespas velutinas pode ser a colocación de palets diante da colmea, xa que as velutinas adoitan moverse nun voo rasante e circular ó redor da colmea e entre piqueiras. Mentres as abellas acostuman a entrar e saír da colmea cun voo ascendente ou descendente duns 35 graos, polo que a colocación destes elementos non debera de molestarlles a súa traxectoria. “Cunha boa disposición dos palets obligaremos ás velutinas a que elixan a apertura das arpas para acceder á piqueira e tamén para saír, especialmente cando saen co sobrepeso da abella cazada”, detallan dende Sanve.

Captura de pantalla 2022-02-08 a las 19.11.24

Colocación de obstáculos fronte da colmea para interromper o voo das velutinas. // Fonte: Sanve.

Tamén cómpre fixarse na traxectoria de entrada e saída das vespas velutinas no apiario e dispoñer os elementos acorde a dita situación. Ademais, recomendan situar os dispositivos para atrapar as velutinas, ben sexan arpas ou desinsectadores a unha distancia de entre 30 e 40 centímetros entre a piqueira da colmea. Recomendan que estas trampas sobrepasen no lateral da colmea uns 10 centímetros.

Outono

No outono prodúcese o colapso dos niños da vespa velutina e saen as novas raíñas, que pasarán o inverno e fundarán unha nova xeración de vespas ó ano seguinte. Esta é, de novo, unha fase clave para conseguir reducir a incidencia da praga, xa que coa eliminación destas vespas redúcense as raíñas da vindeira tempada. “Nós cremos que a mellor época para cazar raíñas de velutina é o outono, xa que agora estarán activas e famentas co que a súa captura pode ser masiva”, apuntan en Sanve.

“A mellor época para cazar raíñas de velutina é o outono, xa que agora estarán activas e famentas co que a súa captura pode ser masiva”

Neste momento poden retirarse as arpas do apiario e de novo recomendan colocar atraínte nos desinsectadores, que deberán colocarse afastados das piqueiras. Señalan que resulta eficaz poñer cera de opérculo procedente da esmelga nos desinsectadores secos, de modo que ó tempo que se alimenta ás abellas elimínanse as vespas velutinas.

En canto deixe de haber zánganos na colmea recomendan reducir as piqueiras para evitar a entrada de velutinas nas colmea. “Debemos ser moi coidadosos con esta práctica e asegurarnos que non quedan zánganos, senón ademais de provocar a súa morte no interior produciríase unha situación de estrés na colonia”, concretan.

Nesta época en Sanve tamén recomendan colocar aleatoriamente algunha trampa de piqueira, especialmente nas colmeas máis novas ou débiles, para impedir o saqueo e eliminar velutinas.

-Consulta aquí máis detalles sobre a colocación das arpas no apiario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información