Recomendacións para a captura de Vespa Velutina nos seus niños primarios

Empeza a época de captura de raíñas de Vespa Velutina, algo crucial contra esta especie invasora xa que cada exemplar suporá unha colonia menos de ata 10.000 avespas asiáticas. Lolo Andrade, entomólogo e divulgador, dá unhas recomendacións sobre como facelo nos seus niños primarios

Recomendacións para a captura de Vespa Velutina nos seus niños primarios

Exemplo de niño primario de Vespa Velutina

A captura de raíñas de Vespa Velutina nos seus niños primarios é, xunto co trampeo, crucial nesta época do ano, entre febreiro e abril, para evitar a expansión da vespa asiática e pode realizarse de forma sinxela e sen perigo.

Os niños primarios son aqueles construídos por unha raíña de Vespa Velutina tras saír do período de aletargamento invernal. Neles a raíña pon os ovos que darán lugar á primeira xeración de vespas obreiras, e que crearán un niño secundario, de maior tamaño, que nos meses de verán pode chegar a albergar a ata 16.000 avespas asiáticas.

“É máis importante atrapar agora raíñas de Velutina, ben sexa nos niños primarios ou mediante trampeo, que matar 200 ou 300 obreiras de Velutina no verán, xa que por cada raíña que eliminemos evitaremos unha colonia”, destaca o entomólogo e divulgador Lolo Andrade.

Os niños primarios de Vespa Velutina teñen as seguintes características:

-Adoitan medir 4 centímetros de ancho por 6 de alto.
-Teñen forma ovalada cun buraco na parte inferior. Serven para protexer ás larvas de Vespa Velutina da luz, pois estas son fotosensibles.
-As raíñas de Vespa Velutina adóitano construír en soportais, garaxes e sobre todo nas esquinas das portas, para buscar calor e protección.
-As raíñas solen moverse nun radio máximo de 200 metros ao redor do niño para capturar insectos e ter auga.
-Os niños adoitan estar preto de camelias, rododendros ou hedras, plantas que tamén existen no seu medio orixinario en Asia, e que serven ás raíñas como fontes de alimentación.

¿Por que recomendable matar á raiña pero deixar o niño?

Aínda que o recomendable é chamar ao 012, segundo Lolo Andrade tamén se poden retirar sen perigo, xa que a tendencia natural da raíña é de fuxida e só picaría no caso de que se collese coa man.

O investigador recomenda matar a raíña de Vespa Velutina, pero deixar o niño, “xa que está comprobado que serve como trampa para atraer a outras raíñas. De feito o ano pasado, nalgúns que deixamos conseguimos cazar a ata 15 raíñas fundadoras”.

Unha vez localizado e comprobado que se trata dun niño primario de Vespa Velutina, para a captura recoméndase:

-Realizar a captura cara ao anoitecer, de noite ou ao amencer, para asegurarnos de que a raíña está dentro do niño.

-Para matar á vespa raíña e ás larvas utilizar unha botella de plástico de 1,5 litros de auga, cortada pola boca. Aplicar no seu interior un insecticida -Zapi Garden é un dos que mellor funciona- e colocar a botella rodeando ao niño; esperar 40 segundos para que o insecticida mate á raíña e ás larvas e retirar a raíña.

No caso de que sexa necesario retirar o niño, seguiríase todo o procedemento anterior, pero retiraríase o niño cunha espátula.

Lolo Andrade destaca que por cada raíña de Vespa Velutina que eliminemos agora evitaremos ata 50 niños ao ano seguinte. Neste sentido, fai un chamamento ás administracións para que se impliquen na divulgación desta campaña de captura de raíñas de avespa asiática nos niños primarios.

Exemplo de cartel informativo sobre a retirada de niños primarios de Vespa Velutina elaborado por Lolo Andrade e que xa se atopa nun bo número de concellos galegos:

VELUTINA_NIÑO_PRIMARIO_LOLO_ANDRADE

Descarga aquí o cartel en pdf para repartir no teu concello

Para máis información, pódense poñer en contacto con Lolo Andrade no seguinte correo: rupestre@hotmail.es

Niño primario de Vespa Velutina: 

Una idea sobre “Recomendacións para a captura de Vespa Velutina nos seus niños primarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información