Recomendacións para a fertilización do millo forraxeiro

Resumo da ponencia da investigadora do CIAM-INGACAL, María Isabel García Pomar, dentro da Xornada sobre a avaliación de variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia, celebrada o pasado mes de setembro en Sarria

Recomendacións para a fertilización do millo forraxeiro

Finca de millo forraxeiro

Unha correcta fertilización do millo forraxeiro debe partir dunha analítica do solo, para coñecer tanto as necesidades de encalado como de fertilizantes. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) na súa páxina web, ten dúas ferramentas on line e gratuitas que axudan a coñecer estas necesidades, mediante a introdución dos valores das análises de solo: Programa REN de Recomendación de Encalado e Programas RAX de Recomendación de Abonado con Xurros.

As recomendacións de fertilización que fai o Programa RAX son sobre os tres macronutrientes principais: fósforo, potasio e nitróxeno.

Necesidades de Fósforo (P)

Unha vez obtidos os resultados das análises de solos, é recomendable tomar as seguintes decisións:

-Se a presenza de fósforo é inferior a 16 ppm (partes por millón), necesítase aplicar fósforo para corrixir os baixos niveis deste nutriente no solo, ademais da fertilización de mantemento para aportar as extraccións que realiza o cultivo.

-Con máis de 16 ppm: aplicase só fósforo de mantemento.

-Se no solo hai entre 26 ppm e 45 ppm hai que reducir a achega de fósforo na fertilización de mantemento.

-Con máis de 45 ppm de P non é necesario aplicar fósforo.

Necesidades de Potasio (K)

-Se as analíticas de solo dan menos de 120 ppm de Potasio necesítase aplicar este fertilizante para corrixir os baixos niveis deste nutriente no solo, ademais da fertilización de mantemento para aportar as extraccións que realiza o cultivo.

-Con máis de 121 ppm de K aplicase só potasio de mantemento.

-Entre 241 ppm e 400 ppm hai que reducir a fertilización de K de mantemento.

-Se o solo da parcela presenta máis de 400 ppm non é necesario aplicar potasio.

As parcelas galegas adoitan presentar niveis altos de fósforo e potasio

cadro_fertilizacionGZ

Os resultados destas analíticas de solos realizadas en Galicia revelan que é necesario axustar as doses en función das necesidades do millo forraxeiro e das análises de solo. As explotacións galegas, sobre todo aquelas de maior carga gandeira, ao presentar unha elevada porcentaxe de parcelas con niveis altos de fósforo e potasio, poden economizar en fertilizantes.

Necesidades de Nitróxeno

Farase un abonado nitroxenado de mantemento que aportará as extraccións de nitróxeno pola planta, e o que se perde por lavado/lixiviación do solo, e por volatilización do amoníaco (NH3) cara á atmosfera, que pode ser importantes no caso do xurro e da urea.

Para facer unha correcta fertilización nitroxenada sería conveniente coñecer ou estimar o nitróxeno mineral presente no solo ao inicio do cultivo e/ou que se xera por mineralización da materia orgánica do solo. Este nitróxeno mineral pode ser importante cando se cultiva previamente unha leguminosa ou cando se incorpora ao terreo un cultivo, que é o que se denomina abono verde. Cando se labra unha pradeira de longa duración se pode asimilar a un abono verde. Así, no caso de enterrado dun cultivo de leguminosas ou cultivo previo de pradeiras plurianuais que deixan no solo unha gran cantidade de raíces pódense reducir as doses de N recomendadas en torno aos 100-125 kg/ha.

Necesidades de nutrientes do millo forraxeiro

Para unha produción estimada de 18 t/ha de materia seca de millo, deben aplicarse sobre 180 kg/ha de N, 75 kg/ha de P2O5 e 200 kg/ha de K2O.

O nitróxeno no millo convén distribuílo en dúas metades, unha en fondo e outra en coberteira para adaptarse aos requirimentos do cultivo ao longo de seu desenvolvemento, aínda que co xurro pode aplicarse todo en fondo, pois é un abono orgánico cunha liberación progresiva do nitróxeno ao longo do tempo. Tamén o uso de fertilizantes con inhibidores da nitrificación como o DMPP ou fertilizantes de liberación lenta permite obter producións semellantes nunha soa aplicación.

O programa RAX: unha ferramenta para unha correcta fertilización do millo forraxeiro

O CIAM en colaboración coa Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña desenvolveu un programa de recomendación de abonado con xurros (Aplicación RAX) dentro do proxecto FEADER 2007/08 “Redución do consumo de fertilizantes minerais sintéticos nas explotacións de vacún de leite mediante a valorización do xurro como abono” e do proxecto FEADER 2012/31 “Elaboración de táboas e de programa on line de recomendación de fertilización nitroxenada nas rotacións forraxeiras das explotacións leiteiras galegas en función do aporte de nitróxeno polo solo”.

Dito programa está colgado na páxina web do CIAM, e ten a grande vantaxe de integrar e valorizar os nutrientes producidos nas explotacións, xa que os programas existentes se limitan a dar unha dose de abono mineral sintético en función das extraccións dos cultivos e das análises de terra, sen ter en conta que a principal fonte de nutrientes nas explotacións de gando vacún leiteiro está na reciclaxe do xurro como abono orgánico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información