Recomendacións de trampeo de raíñas de vespa asiática e da couza dos buxos

Concellos como o de San Sadurniño ou o Valadouro lembran que é o momento de poñer en práctica estas medidas nas hortas e xardíns das casas, sen saltarse as medidas de confinamento

Recomendacións de trampeo de raíñas de vespa asiática e da couza dos buxos

Por cada raíña de vespa asiática capturada, evitarase un futuro niño, polo que este é un dos momentos importantes de trampeo.

Pese ó estado de alarma polo coronavirus, é o momento de poñer en práctica medidas de trampeo contra pragas como a vespa velutina ou a couza dos buxos, segundo lembran entidades como o Concello de San Sadurniño ou o do Valadouro. Dende o municipio coruñés e dende o municipio mariñao animan, a aquelas persoas que teñan unha finca, xardín ou horta arredor da casa, a colocar este tipo de trampas para seguir freando a súa incidencia de cara ós próximos meses.

O Concello de San Sadurniño insiste en que: “son recomendacións para facer en fincas arredor da casa, non unha escusa para saltar as medidas de confinamento”. Ademais, apuntan que este trampeo é outro entretemento para pasar mellor a corentena, ó tempo que se colabora a frear o avance destas pragas.

En Ferrolterra, ó igual que noutras zonas de Galicia, os primeiros avisos para comezar co trampeo fixéronse xa no mes de febreiro, ó comezar a detectar actividade e foron producíndose tamén as primeiras capturas de exemplares. Así, dende a Administración local animan a seguir colocando trampas, xa que esta é a mellor época para reducir a incidencia da praga, que supón unha importante ameaza para os apiarios.

Tamén o Concello do Valadouro anima estes días aos seus veciños e veciñas a non descoidar, malia ao confinamento, o trampeo de primavera contra a vespa velutina que nos últimos anos levaron a cabo en colaboración cos apicultores do municipio, os produtores de froita e o resto da poboación e que lles ten dado excelentes resultados até o punto de reducir de xeito moi importante a incidencia da praga.

Desde o Concello mariñao tiñan organizada unha charla para explicar a toda a poboación como realizar trampas caseiras contra a vespa asiática, que non se puido celebrar por mor das medidas do estado de alarma polo coronavirus, así que fixeron un video explicativo que están a pasar á veciñanza onde se dan consellos para que cada quen poida facer na casa a súa propia trampa anti-velutina.

Vespa asiática

No caso da vespa asiática, as raíñas remataron o período de hibernación e comezan a construción dos niños primarios, por iso é fundamental o trampeo nesta época do ano, xa que por cada vespa capturada elimínanse niños durante o verán.

As trampas deben colocarse en arbustos de floración temperá como as camelias, moi presentes nos xardíns galegos, polo que a súa colocación pode realizarse ó tempo que se respectan as medidas de confinamento. As trampas poden construírse na casa de xeito sinxelo e económico.

Poden empregarse trampas e atraíntes caseiros, económicos e accesibles cos que capturar raíñas de velutina

Para as trampas caseiras, emprégase unha botella de plástico transparente de 1,5 litros, á que se lle corta a parte superior, que se coloca invertida no propio corpo da botella. No tapón realízase un burato duns 9 milímetros que permita a entrada da vespa velutina e que evita que entren outros insectos de maior tamaño coma bolboretas. A uns centímetros do fondo da botella realízanse outros buratos cun punzón de menos de 5 milímetros de diámetro, de xeito que poidan saír outros insectos que acaben na trampa por erro. Por último fáiselle un pequeno tellado á trampa para evitar que entre a choiva.

Outra trampa sinxela consiste en optar por non cortar a botella e realizar buratos na parte superior tamén de 9 milímetros de diámetro. Neste caso é preciso facer unha especie de plataforma para que a velutina poida apoiarse e entrar. Unha vez dentro, ó tratarse dunha botella transparente, non consegue atopar a saída. Neste caso, de novo, é preciso facer no fondo os buratos de 5 milímetros para que poidan escapar outros insectos de menor tamaño.

No interior da trampa poden colocarse atraíntes comerciais, máis selectivos ó ter aromas máis específicos para as vespas velutinas, ou elaborar un atraínte caseiro. Unha das receitas empregadas consiste en: dúas partes de viño, dúas partes de cervexa e unha parte de zume de arandos. Tamén se pode empregar viño branco, cervexa negra e unha cullerada de mel.

Outras mesturas recomendan empregar fermento do pan disolto en auga e mesturado con azucre. As cantidades para 5 litros de auga son 2 quilos de azucre e 50 gramos de fermento. A receita debe axustarse á cantidade de trampas que se vaian colocar, xa que abonda con introducir unha cuarta parte de líquido na botella da trampa.

Tamén é fundamental colocar a trampa a carón de árbores en flor, a 1,5 metros de altura e en zonas de fácil acceso, para poder revisar a trampa con frecuencia e repoñer o líquido.

-Consulta aquí algunhas recomendacións básicas para o trampeo de vespa asiática.

Couza dos buxos

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en Pontevedra, informaba xa a mediados de marzo da saída da hibernación das eirugas da bolboreta do buxo, a Cydalima pespectalis. Aínda que a eclosión é diferente atendendo ás condicións climáticas de cada zona, os meses de abril a setembro son nos que permanece máis activa. Neste período lévase a cabo a reprodución, e dependendo do tempo, poden darse ata tres ou catro xeracións. En San Sadurniño están comezando a observar agora indicios de actividade dos vermes nos peches de buxo da localidade.

Nesta primeira fase os vermes teñen un tamaño moi reducido e son facilmente identificables pola súa cor verde clara e a cabeza negra. Son moi voraces devorando as follas máis tenras e os abrochos novos. Cando van medrando, a cor tórnase máis escura e acaban afectando toda a planta, ata que seca. Estes danos son tamén fáciles de detectar, posto que o buxo vai quedando sen follas e cun aspecto seco.

Os tratamentos contra a couza do buxo funcionan por contacto ou inxestión

Unha das medidas de control máis efectivas sobre a eiruga nas fases iniciais é aplicar un produto fitosanitario. As recomendacións da Consellería de Medio Rural informan de que é fundamental mollar toda a masa vexetal, mesmo o interior do buxo para alcanzar o maior número de eirugas, posto que os produtos autorizados funcionan por contacto ou inxestión.

Ademais, en sebes que presenten indicios da praga, é conveniente facer un lavado a presión antes do tratamento cos fitosanitarios autorizados. Algúns dos produtos autorizados son: Delfin (de uso non profesional en calquera ámbito) ou Decis e Ralbi 10, ambos de uso profesional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información