A compañía de fertilizantes ICL, que está desenvolvendo ensaios de campo no abonado de cereal conxuntamente co instituto de investigación Itagra (Castilla y León), elaborou unha serie de recomendacións para a fertilización do trigo e do resto de cereais esta campaña. ICL aconsella un bo abonado de fondo, no intre da sementeira, “pois representa entre o 30 e 40% da produción final do noso cultivo de cereal de inverno”, valora a empresa.
Os técnicos da firma aconsellan un fertilizante de liberación controlada que teña unha parte de nitróxeno e outra de fósforo. “É moi importante que o nitróxeno nos dure ata a aplicación do abonado de coberteira e tamén que o fósforo non se bloquee no solo. Para isto, ICL deseñou unha tecnoloxía de encapsulado que garante unha liberación progresiva e evita a perda do abono por lavado”, destaca a compañía.
En canto ás formulacións, ICL recomenda o uso do Agromaster Start mini, un NPK 21-21-5 + Magnesio, que ten 2-3 meses de lonxevidade no solo. En función das características de cada solo, tamén é posible a formulación Agromaster Start 25-25-5 ou a 10-20-20.
En canto á dose a aplicar, en fertilizantes de liberación controlada tipo Agromaster Start, a empresa sinala que se pode reducir a dose ata os 50-75 quilos por hectárea. “Ao aplicar estas doses baixas na sementeira, melloramos a condicionalidade da PAC e podemos incrementar as unidades fertilizantes de cara á coberteira”, valoran.