Recomendacións de fertilización en pradeiras: o uso do programa RAX e a aplicación de xurros

A principal fonte de nutrientes para os cultivos forraxeiros está na reciclaxe de xurro como fertilizante. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo desenvolveu unha aplicación que permite calcular as doses por hectárea en función da súa composición en nutrientes

Recomendacións de fertilización en pradeiras: o uso do programa RAX e a aplicación de xurros

Campos de ensaio no CIAM con diferentes tipos xurros aplicados e tractor do centro para a inxección do produto

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo desenvolveu a aplicación RAX, a partir da cal se poden calcular as doses de xurro necesarias para utilizar como fertilizante orgánico en pradeiras. O uso do xurro ofrece amplas vantaxes, como son unha mellor xestión dos residuos das ganderías e unha fertilización menos dependente de abonos minerais. Ademais, cómpre ter en conta que ten uns efectos positivos a longo prazo para o solo e o cultivo. As cantidades resultades recomendadas polas aplicacións RAX varían en función da composición dos xurros (contidos de nitróxeno, fósforo e potasio ou NPK) e dos contidos de fósforo e potasio dos solos.

Aplicación RAX para a fertilización de pradeiras. Fonte: CIAM

Aplicación RAX para a fertilización de pradeiras. Fonte: CIAM

Estas e outras cuestións abordáronse no CIAM, na última xornada técnica sobre mellora na fertilización das pradeiras. Durante a cita, tamén se amosaron as claves para lograr a eficiencia da utilización do nitróxeno do xurro, as técnicas máis axeitadas para a aplicación dos xurros, así como os resultados en diferentes campos de ensaio. Esta actividade foi realizada no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Xestión eficiente na incorporación do xurro e os programa RAX de pradeiras

“As pradeiras constitúen un gran sumidoiro de carbono por unha menor labranza do terreo, o que permite a estabilización da materia orgánica aportada ao solo cos xurros e estercos, debido a un gran desenvolvemento radicular e unha gran biomasa residual; isto contribúe á sustentabilidade ambiental dos sistemas de produción de vacún e, así mesmo, o maior contido en materia orgánica nos solos das pradeiras ten outros beneficios engadidos, como o incremento da fertilidade e da biodiversidade do solo”, afirma a investigadora do CIAM María Isabel García Pomar.

O nitróxeno aplicado nas pradeiras pódese diminuír coa presenza de especies de leguminosas que contribúen á fixación de nitróxeno atmosférico. Ademais disto, “é necesario incrementar a eficiencia de utilización do nitróxeno do xurro evitando a volatilización do nitróxeno amoniacal, onde inflúe desde a técnica de aplicación, ao momento e ás condicións meteorolóxicas nas que se realiza”, amplía a investigadora. Estas circunstancias son consideradas polos programas RAX para calcular a eficiencia no uso do nitróxeno, ben mediante unha táboa ou dun xeito máis preciso, a través do modelo de simulación Alfam.

As eficiencias son maiores co soterrado, o ideal sería facelo no momento da aplicación, e se non é posible, en menos de catro horas; nas aplicacións de coberteira o momento máis adecuado é a finais de inverno. En canto ás condicións meteorolóxicas para a súa aplicación o óptimo sería facelo cunha elevada humidade relativa do aire -con orballo, ao amencer ou incluso ao atardecer-, vento en calma, e baixas temperaturas.

Tractor con cisterna con inxectores de purín

Tractor con cisterna con inxectores de purín

“As condicións meteorolóxicas óptimas de aplicación do xurro serían cunha elevada humidade relativa do aire -con orballo, ao amencer ou mesmo ao atardecer-, vento en calma, e baixas temperaturas”

En condicións adversas, con tempo seco, altas temperaturas e forte vento non é recomendada a aplicación. Así, “facendo unha simulación de aplicación de xurro co modelo Alfam, para un xurro aplicado sen soterrar, a súa aplicación con malas condicións en comparación cunha realizada en boas condicións, supón que a perda de nitróxeno amoniacal redúcese dun 100% a un 58%, o que nos permite lograr unha maior dispoñibilidade deste nutriente polo cultivo”, explica María Isabel García.

Reducción de 100% ao 58% en función da aplicación do xurro. Fonte: CIAM

Reducción de 100% ao 58% en función da aplicación do xurro. Fonte: CIAM

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo introduciu recentemente unha nova mellora na aplicación RAX dispoñible na súa web: o cálculo da eficiencia do nitróxeno aplicado cos xurros a partir do modelo Alfam. As aplicacións RAX de fertilización de establecemento e de fertilización anual en pradeiras , a partir de certos parámetros, fan unha recomendación das cantidades necesarias para unha correcta fertilización. As doses varían en función do solo, do tipo de xurro -de vacún ou porcino-, e do seu contido en nutrientes. Por este motivo “é necesario facer unha análise de laboratorio do solo, e coñecer a composición química do xurro”, afirma María Isabel García.

Os programas RAX , “permiten varias opcións para introducir os valores de nutrientes dos xurros: da pé a poñer uns valores medios tanto para porcino -permitíndonos diferenciar se é de cebo ou de xestación lactación- como para vacún; pódense engadir os valores resultantes dunha analítica de laboratorio, ou ben, facer unha estimación a partir da medida da súa densidade e condutividade”, especifica a investigadora do CIAM.

Unha vez introducidos todos os parámetros necesarios e premendo sobre ‘obter recomendación’ da unha saída. “Neste punto danos, por unha banda, cantas unidades fertilizantes de nitróxeno, fósforo, potasio e nitróxeno amoniacal hai nun metro cúbico de zurro; logo dinos a canto equivalen os nutrientes de 10m3 a prezo de fertilizantes simples, e despois, danos un resumo dos datos que metemos sobre analítica de solo”, sinala María Isabel García.

“O uso do modelo Alfam indícanos a eficiencia de utilización dese zurro baixo as condicións aplicadas. Esa cifra será mellor canto máis se aproxime a 1. Por último, o programa móstranos unha saída que son os metros cúbicos necesarios de xurro por hectárea que teríamos que aplicar para satisfacer as necesidades de nitróxeno, fósforo e potasio da pradeira”, afirma a investigadora.

“O programa móstranos unha saída que son os metros cúbicos necesario de zurro por hectárea que teríamos que aplicar para satisfacer as necesidades de nitróxeno, fósforo e potasio da pradeira” (María Isabel García)

Unha vez seleccionado a dose de xurro (m3/ha) o programa indica as unidades fertilizantes de nitróxeno (kg/ha de N), de fósforo (kg/ha de P2O5) e de potasio (kg/ha de K2O) que faltarían por aportar á pradeira, cantidades que poden ser subministradas seleccionando un fertilizante mineral da listaxe que se amosa.

A fertilización de establecemento ten como obxectivo xerar un contido base de nitróxeno, fósforo e potasio para a pradeira, e así mesmo, achegar estes nutrientes a capas máis profundas do solo. Cómpre ter en conta que as necesidades das pradeiras varían en función da produción e da fertilidade do solo, “nun solo cun nivel medio en fósforo e potasio, en establecemento o que se recomenda é aplicar unhas 40 unidades fertilizantes, 100 de fósforo e 150 de potasio por hectárea, para unha produción estimada de 10 toneladas de materia seca por hectárea e ano”, detalla María Isabel García.

A fertilización anual das pradeiras ten que aportar o que a pradeira extrae nos anos sucesivos á implantación, as necesidades anuais variarán segundo o tipo de manexo: pastoreo, ensilado (1 corte), ensilado (2 cortes), a composición da pradeira (% de leguminosas), a produción esperada e o nivel de fertilidade do solo. “Sempre se recomenda ter os solos cun nivel de fertilidade medio”, aclara María Isabel García.

Para niveis de fertilidade medios en fósforo e/ou potasio o programa RAX da unhas recomendacións e, se existen uns niveis baixos nun dos nutrientes, o programa recomenda unha cantidade lixeiramente maior “para evitar inmobilizacións, de tal forma que se alcance un solo medio de forma progresiva”. Polo contrario, se existen niveis altos nun dos nutrientes, o programa recomenda cantidades menores para utilizar os nutrientes que xa temos dispoñibles no solo.

Efectos a longo prazo da aplicación de xurro no solo e o cultivo

O uso de xurros ten un gran valor fertilizante nas terras de cultivo, principalmente no caso do de vacún. Este último, respecto á fertilización mineral con NAC, “mellora as propiedades químicas do solo provocando un aumento nos contidos de materia orgánica, carbono e nitróxeno na capa de 0 a 10 centímetros no solo, e cunha tendencia a incrementar os stocks de carbono sobre capas máis fondas, comprendidas entre os 0 e os 90 centímetros”, destaca a investigadora do CIAM María Dolóres Báez.

Do mesmo xeito, Báez expón que “con ambos tipos de xurro obsérvase un incremento do pH respecto á fertilización mineral con NAC, ademais dun aumento nas bases do complexo de cambio e unha diminución da saturación por acidez co conseguinte aforro en aplicación de encalantes”. Ademais, en medicións feitas en Mabegondo, obsérvase que considerando períodos longos, como pode ser tres anos “as producións de materia seca e extracción de nitróxeno poden ser semellantes ou superiores a aquelas resultantes da utilización de fertilizante mineral”.

“En períodos longos, as producións de materia seca e extracción de nitróxeno poden ser semellantes ou superiores a aquelas resultantes da utilización de fertilizante mineral” (María Dolóres Báez)

A evolución de materia orgánica presente no solo, ao longo do tempo, varía coa aplicación de xurros con respecto ao uso de abonos minerais, principalmente na capa de 0 a 10 centímetros do solo, manifestando un maior crecemento naqueles campos abonados con xurros. Igualmente, é necesario levar a cabo “técnicas para reducir a volatilización de amoníaco, como pode ser unha correcta aplicación dos xurros mediante cisternas con inxectores”, afirma a María Dolóres Báez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información