A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Recomendacións de Beealia para a prevención de ataques do lobo ao gando

Recomendacións de Beealia para a prevención  de ataques do lobo ao gando

Peche de malla fixa

A poboación do lobo en Galicia representa unha cuarta parte do total nacional, entre 600 e 800 exemplares. Estes están espallados por case todo o territorio dado que o lobo se despraza ata 30 km cada día e que 2/3 da superficie galega está considerada como hábitat idóneo para el. En Galicia sempre houbo lobo, pero nas últimas décadas estendeuse ata acadar o 94% do territorio.

Debemos asumir como gandeiros que en toda Galicia hai lobo, e que todas as ganderías galegas deben telo presente dende o momento que deixen calquera animal fora das cuadras, tanto de día como de noite. Como os animais domésticos son presas doadas de atacar, se non lle poñemos impedimentos, os nosos animais, máis cedo que tarde, van recibir unha desagradable visita.

Diante desta realidade, a tódolos gandeiros e gandeiras de Galicia nos toca engadir o lobo e outra fauna salvaxe (dependendo da especie e do sistema de manexo co que traballemos) coma un condicionante máis das nosas ganderías. Tódolos anos recollemos forraxe (silo, feno, palla, …) para gardar alimento para as épocas nas que nos falta o pasto; programamos os partos para dispoñer de herba cando as nais teñen que dar leite; encalamos as nosas fincas para mellorar a fertilidade e a produción forraxeira; estes son algúns dos condicionantes das nosas ganderías. O lobo é un máis e deberemos implantar sistemas de prevención efectivos para evitar sorpresas desagradables.

Nestas últimas décadas, xunto coa extensión do lobo por Galicia, os sistemas de produción mudaron e cada vez, ben sexa pola insistencia dos técnicos coma polo aforro en custes de produción, deixamos máis animais pacendo fora (ovellas, cabras, vacas, xatas, cabalos…).

Neste contexto debemos preguntarnos se na nosa gandería estamos a empregar métodos de prevención e se estes son axeitados.

Lamentablemente non hai ningunha solución máxica, económica e doada de implantar para evitar ao 100% os ataques de lobo. Aínda así, se poden facer moitas actuacións para previr os ataques. Aquí resumiremos as máis importantes e efectivas. Dende a nosa experiencia en Beealia, e tendo en conta os sistemas de manexo das ganderías galegas, os principais sistemas de prevención a empregar en Galicia son:

Mastíns
Peches fixos
Combinación de peches móbiles e Mastíns

Medidas de prevención dos ataques do lobo:

Mastíns: 

Os cans de protección do gando véñense empregando dende hai miles de anos. No proceso de domesticación do lobo ata chega a obter os cans actuais se teñen pasado por moitas fases e usos. Os primeiros cans xa se empregaron para a protección da xente fronte aos animais salvaxes ou para a caza e, xunto coa domesticación das primeiras especies para a alimentación (Muflón, cabras salvaxes e Uro en ovellas, cabras e vacas), tamén se produciu unha especialización dos cans cara á súa protección.

Xa na península, o papel dos Mastíns como protectores do gando transhumante foi enormemente recoñecido dende a idade media ata a industrialización. Ao longo dese período e ata ben entrado o século XX o gando que transhumaba pola península nas Cañadas Reais ía sempre acompañado de Mastíns.

BEEALIA_LOBO_MASTIN_apaisada

Na actualidade o Mastín Español (ou Leonés), o Mastín de los Pirineos, o Gos de Muntanya dels Pirineus e o Cao Castro Laboreiro son as razas empregadas para a defensa do gando na península. En Galicia, pola súa difusión é o Mastín Leonés o que ten unha maior implantación no territorio.

Cando falamos de cans de protección, aínda que os enmarcamos dentro dunha raza concreta, non falamos forzosamente de animais inscritos nos libros oficiais, xa que na maioría dos casos estes se seleccionan por criterios estéticos e non de comportamento. Tanto é así, que no Mastín Español xurdiu unha asociación para a protección do Mastín Tradicional (ACMET) que busca manter o carácter gandeiro do Mastín baseando a súa selección polo seu comportamento e aptitudes para a protección fronte ao lobo.

Unha vez temos claro que imos incorporar un Mastín para a protección do noso gando, o primeiro paso que debemos facer é atopar un cadelo de 2-3 meses nacido nunha gandería e debemos asegurarnos que os pais traballan correctamente co gando. Este é o principal punto de partida, co que conseguiremos un animal cunhas aptitudes recoñecidas. Tamén compre ter en conta que a actual lexislación obriga que as ganderías que se dediquen á cría de cans deben estar rexistradas no REGANUZ (Consellería de Medio Ambiente).

 “O can ten que estar co gando as 24 horas do día”

Unha vez temos o can, para conseguir obter un comportamento axeitado, proseguiremos co proceso de adestramento na nosa gandería. Para iso temos que esquecer a maioría de cousas que pensamos dos cans, xa que temos que conseguir que o cadelo se converta nun animal máis do rabaño (vaca, ovella, cabra ou cabalo) e evitar pensar nel coma un compañeiro de traballo ou mesmo un can para a casa. O máis importante é que o can ten que estar co gando as 24h do día, o máis preto do rabaño posible, e con pouco contacto con nós. Chega con chamalo e acariñalo dúas veces ao día, cando lle damos de comer.

Así, pouco a pouco, e ata os 2 anos de vida iremos vendo como o can prefire deitarse co gando en vez de quedar na casa ou ir dar unha volta. Como vedes o proceso de adestramento dura ata que o can chega a adulto e ao longo deste tempo hai que estar atento ao comportamento e ás reaccións do can. É por iso que se debe de contar co asesoramento puntual para corrixir calquera comportamento non desexado.

Peches fixos electrificados: 

BEEALIA_LOBO_PECHE

Outro método eficaz contra os ataques do lobo e que temos comprobado en varias ganderías é o uso de peches fixos electrificados. Pero non todos os peches valen para a protección do gando e o seu deseño debe ser coidadoso para obter un bo nivel de protección.

Como norma xeral compre deseñar un peche que teña malla ovelleira de como mínimo 1m de altura e dispor arames electrificados a distintas alturas ata chegar aos 1,5 m de alto. Se non se teñen Mastíns o peche vai necesitar dun arame electrificado por fora da malla, a uns 20-30 cm do chan. Este arame electrificado é necesario para evitar que tanto outros cans, raposos, lobos ou mesmo o xabaril, furen por debaixo da malla e abran a porta aos ataques.

 O arame debe ter un grosor de entre 2 e 2,5 mm

Non debemos esquecer tampouco de poñer un ou dous arames interiores para que o gando non se achegue ao peche e o poida deteriorar. Un punto importante é o grosor dos arames electrificados, estes deben ter entre 2 e 2,5 mm para asegurar que toda a potencia do pastor se transmite ao longo do peche.

Para o correcto funcionamento do peche compre mantelo en bo estado e desbrozar ou aplicar herbicida (menos recomendable) para que os arames máis baixos non toquen coa vexetación e se perda a descarga eléctrica do pastor.

Peches móbiles electrificados con mastíns: 

O terceiro sistema que hai que ter en conta, si ben compre adaptalo ás condicións de cada parcela, é a combinación de peches móbiles para o gando e os Mastíns. Os peches manterán o rabaño compacto nunha parcela de non máis de 2-4 ha facilitando o traballo dos Mastíns.

Para o peche de pequenos ruminantes (ovellas e cabras) dispoñemos de mallas móbiles electrificadas (recomendamos que teñan unha altura de algo máis d’un metro) que aínda que poden ser algo laboriosas de poñer, aseguran que o gando se vai manter dentro do peche e que o Mastín non marchará. No caso de vacas e cabalos podemos empregar fíos ou cintas, xunto con varillas ou estacas pequenas.

Este é o sistema que máis implantación debera ter, pero que por falta de coñecemento non se está a emprega. Ben sexa porque non hai mastíns co gando, ben sexa porque se pechan zonas moi grandes ou con moito relevo que diminúe a súa eficacia.

BEEALIA_LOBO_PECHE_ELECTRIFICADO_2

Uso de burros: 

Outro dos sistemas que as veces se inclúen dentro dos métodos de prevención é o uso de burros coa pretensión que protexen ao gando. Estes non deben de ser tidos en conta coma tal, xa que o que estamos a introducir no rabaño é unha alarma, pero se non estamos presentes no momento en que sona, de pouco nos vai servir a presenza do burro no rabaño.

Moi clarificadora é unha anécdota que chegou a unha reunión de O-Xan. Un gandeiro, con vacas no monte e con ataques recorrentes de lobos ao rabaño, mercou dous burros e os deixou cas súas vacas. Ao cabo dun tempo, preguntado pola eficacia do método dixo: “Durante dúas semanas non tiven ataques ás vacas, o método funcionou á perfección. A primeira semana comeron un burro e á segunda o outro.”

Cal é o custo económico destas medidas preventivas?

Por último, e non por iso de menor importancia, compre coñecer os custes económicos das medidas preventivas, así como as axudas dispoñibles para tratar paliar o custe da convivencia co lobo. Aínda que estes custes deberan ser asumidos na súa totalidade pola administración, non todos os métodos de prevención están subvencionados e debemos informarnos, cando saen as axudas.

Os cadelos de Mastín, fillos de pais que traballan co gando, correctamente identificados, desparasitados, vacinados e de ganderías inscritas no REGANUZ custan entre 300 a 500 euros. A maiores, a alimentación do can e os custes sanitarios ao longo da súa vida acadan unha media anual de entre 400 e 500 euros/Mastín. Neste caso a adquisición de cadelos está subvencionada na axuda para a prevención de ataques do lobo con ata 500 euros por Mastín.

Os peches fixos, tendo en conta o custe de preparación das marxes das fincas e a man de obra para a súa colocación , teñen un custe de entre 6 a 8 €/m de perímetro. Lamentablemente, dende o ano 2012 non se inclúen estes peches nas axudas, aínda que a Consellería recibiu en varias ocasións a proposta para introducilas. Aínda así, os peches fixos son investimentos subvencionables nos plans de mellora, cun tope de 5,6 €/m e unha axuda de ata o 50%.

Os peches móbiles, ideais para gando pequeno pero que compre combinar con Mastíns, soen custar entre 100 e 120 € o rolo de malla móbil de 50 m de longo. Para vacas e cabalos empréganse fíos de pastor e varillas metálicas ou de fibra de vidro, neste caso o lote de 10 varillas cos illadores custa entre 15 e 20 euros e o fío uns 0,06 euros o metro. A axuda para a prevención de ataques unicamente permite subvencionara as mallas móbiles e esquece os peches móbiles para gando maior.

Toda esta batería de medidas se poden empregar, unha a unha ou en combinación, en función da situación e das características de cada gandería. En Beealia, cando asesoramos unha gandería, realizaremos unha avaliación da mesma, do seu sistema de produción, das dispoñibilidades de man de obra, dos obxectivos do/a gandeiro/a, da situación na súa contorna e elaboraremos un plan de prevención coas medidas a poñer en práctica. Posteriormente realizamos un seguimento anual para asegurar o bo funcionamento dos métodos de prevención implantados.

Para máis información sobre os métodos de prevención, este mes de xuño, dentro do Curso de Verán da USC “COMO PRODUCIR LEITE A PASTO E LEITE ECOLÓXICO?” daranse todos os aspectos técnicos e a súa aplicación práctica.

Beealia forma parte de O-Xan, o grupo de diálogo sobre a xestión do lobo en Galicia. Desta maneira intentamos transmitir os nosos coñecementos prácticos ao resto de membros e adquirir outros para completar o asesoramento aos gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *