Recomendacións do Ciam para a fertilización de prados e pradeiras

A saída do inverno é o momento para realizar o abonado de mantemento para prados e pradeiras. Investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ofrecen as seguintes recomendacións xerais para adubar estas parcelas

Recomendacións do Ciam para a fertilización de prados e pradeiras

Pradeira sementada no Ciam.

Os prados e as pradeiras desempeñan un papel fundamental para a sustentabilidade das explotacións gandeiras galegas de gando vacún. Os últimos datos da Consellería do Medio Rural, correspondentes ao ano 2009, revelaban que en Galicia había máis de 280.000 hectáreas de prados e unhas 230.000 de pradeiras.

Neste sentido, para realizar un abonado racional e eficiente das mesmas o punto de partida é dispoñer de análises de solo das distintas leiras. Estes datos permitirán unha optimización do uso de Nitróxeno, fósforo e potasio, os tres elementos principais dentro do grupo dos macronutrientes, que serán tratados neste artigo. Para macronutrientes secundarios e micronutrientes recoméndase buscar a asesoría directa do laboratorio de análises.

Nitróxeno

O nitróxeno é imprescindible para o desenvolvemento de todas as plantas forraxeiras e pratenses, con excepción das leguminosas, que son capaces de utilizar o nitróxeno do aire a través da súa asociación simbiótica cos rizobios.

Distinguiranse:
1) Cultivos forraxeiros de só gramíneas plurianuais (raigrás inglés, dactilo, festuca etc.) e especies anuais non leguminosas (cereais de inverno, xirasol, millo forraxeiro). O obxectivo da fertilización nitroxenada é atender as extraccións estimadas, tendo en conta as posibles achegas ao solo do cultivo anterior.

2) Especies leguminosas anuais asociadas a cereal ou a raigrás italiano anual (veza, chícharos forraxeiros e trevos anuais) e plurianuais (alfalfa). Non recibirán fertilizante nitroxenado, salvo unha pequena dose na sementeira en solos pobres en nitróxeno.

3) Prados e pradeiras. Os prados e pradeiras adoitan ter unha compoñente leguminosa, principalmente trevos, con capacidade para fixar nitróxeno do aire, o que deberá terse en conta. O trevo desempeñou un importante papel nas pradeiras ata a metade do século XX. Como consecuencia da comercialización masiva de adubo nitroxenado de síntese en Europa, apareceron no mundo dúas tendencias diferenciadas en canto ao adubo nitroxenado:

a) Aplicación de doses moi elevadas, de ata 450 kg/ha de N, co obxectivo de maximizar as producións con base no crecemento da compoñente gramínea, que responde moi ben ao nitróxeno. Esta tendencia, que significou a desaparición do trevo en moitas pradeiras, consolidouse principalmente no oeste e no centro de Europa.
b) Seguir contando no trevo como fonte de nitróxeno para o sistema de produción, que se mantivo e desenvolveu con éxito sobre todo en Nova Zelanda, como base principal dun sistema de produción a baixo custo para poder competir no mercado mundial.

Europa empezou a revisar a súa tendencia cara a finais do século XX porque apareceron altos contidos de nitratos nas augas, co conseguinte risco para a saúde humana e para o equilibrio medioambiental.

Fósforo e potasio

A dose de fertilizante fosfatado e potásico depende da riqueza no solo destes nutrientes. O primeiro obxectivo é alcanzar un determinado nivel de fertilidade, estimado como adecuado, e o segundo, conseguir que se manteña permanentemente este nivel. No primeiro caso, as doses de fertilización serán superiores ás extraccións, de modo que se consiga subir paulatinamente a riqueza do solo ata conseguir o nivel axeitado, mentres que no segundo se utilizarán doses que compense -aproximadamente- as extraccións do sistema de produción.

“Nas ganderías de vacún de leite non debe aplicarse fertilizante fosfatado”

As análises do solo, cunha frecuencia recomendable de catro ou cinco anos, indicarán se as doses recomendadas son correctas ou se, polo contrario, necesitan ser axustadas. Na actualidade, a riqueza en fósforo de bastantes explotacións de leite de vacún é moi alta. Neste caso, non deben aplicarse fertilizantes fosfatados para evitar a contaminación das augas.

Corrección da acidez do solo

O aluminio do complexo de cambio do solo é o principal causante do escaso crecemento das plantas en solos ácidos.

Na táboa 3 recóllense as doses de encalante recomendadas para corrixir a acidez. En caso de utilizar materiais moi activos, como é o óxido ou hidróxido de calcio, recoméndase repartir en dúas veces as cantidades superiores a 1.500 kg/ha de óxido de calcio.

Niveis de acidez e doses recomendadas de encalante (expresado en forma de óxido de calcio, kg/ha) para corrixila, en función do aluminio presente no complexo de cambio do solo

ABONADO_PRADEIRAS_CIAM_JUAN_01

Recomendacións de fertilización nitroxenada para pradeiras e prados

Alfalfa
A alfalfa non recibirá adubo nitroxenado. En solos pobres en nitróxeno poderanse aplicar 30 kg/ha de nitróxeno (N) na sementeira para favorecer o establecemento na fase previa á nodulación.

Pradeiras
A recomendación de adubo nitroxenado faise para unha produción anual estimada de 10 t/ha de materia seca. A cantidade de nitróxeno aplicado inclúe de forma decisiva no equilibrio gramínea-leguminosa. Doses altas de nitróxeno, asociadas normalmente a aproveitamentos para ensilar, favorecen o crecemento da gramínea, de modo que a presenza de leguminosas pode chegar a ser insignificante.

Dependendo da orientación produtiva da explotación, o nitróxeno aplicado pode ir desde cero, nas pradeiras en que se confía ás leguminosas a entrada de N na explotación, a ata 450 kg/ha de N , naquelas nas que a produción se basea exclusivamente nas gramíneas.

1) Fertilización de establecemento. As pradeiras adoitan establecerse no mes de setembro, época na que se recomenda aplicar da orde de 40 kg/ha de N, con excepción das pradeiras ecolóxicas, que non recibirán nitróxeno de síntese.

2) Fertilización anual de mantemento:
Pradeiras ecolóxicas. Non recibirán nitróxeno de síntese en ningún momento. Pradeiras con presenza importante de leguminosas. As leguminosas non expresan o seu potencial ata ben entrada a primavera. Por isto, adóitase adubar cuns 30-40 kg/ha de N á saída do inverno, un mes antes de que o gando saia ao pastoreo.

No resto do ano confíase unha boa parte da produción á leguminosa. Pode haber unha segunda achega de 30-40 kg/ha despois do primeiro pastoreo.

Pradeiras con moi poucas leguminosas. Neste caso confíase a produción ás gramíneas, que necesitan de altas achegas de nitróxeno para dar boas producións. Recoméndase aplicar 60-70 kg/ha de N á saída do inverno, un mes antes da saída do gando ao pasto, e 60-70 kg/ha despois de cada pastoreo ata mediados de xuño, época en que adoita empezar a diminuír o crecemento a causa da seca na España Húmida.

Completarase con outra achega de 60-70 kg/ha a principios de setembro para o crecemento de outono. Nas leiras con regadío o adubado pode seguir no verán.

Pradeiras para ensilar. Aplicaranse 80-90 kg/ha de N á saída do inverno, mes e medio antes do corte, e outros 80- 90 unha semana despois do primeiro corte, no caso que se fagan dous para ensilar. Se houbese un despunte da herba, por sega ou pastoreo, ao inicio da primavera, o primeiro nitróxeno aplicarase despois do despunte.

Cereais de inverno e raigrás italiano. Para una produción estimada de 5 t/ha materia seca aplicaranse 100 kg/ha de N, 30 na sementeira e 70 á saída do inverno. No caso de que o cultivo anterior sexa unha pradeira rica en leguminosas ou unha mestura de veza ou chícharos con cereal, poden eliminarse os 30 kg/ha da sementeira.

Mesturas de cereal de inverno con veza ou chícharos forraxeiros ou de raigrás italiano anual con trevos anuais. Non recibirán adubo nitroxenado. En solos pobres en nitróxeno poderán aplicarse 40 kg/ha de N na sementeira. Un exceso de nitróxeno só favorecería o encamado destas mesturas, que adoita producirse de forma natural de cara ao final do ciclo se as producións son elevadas.

Recomendacións de fertilización fosfatada e potásica para prados e pradeiras: 

Para coñecer as cantidades de fósforo e potasio existentes no solo é necesario dispoñer dunha análise proporcionada por un laboratorio especializado.

Na táboa 4 recóllense os niveis de fertilidade en función do contido en nutrientes asimilables.

Niveis de fertilidade do solo segundo contido en fósforo (P) e potasio (K) asimilables, expresados en miligramos por litro de solo:

ABONADO_PRADEIRAS_CIAM_JUAN_02

Fertilización fosfatada (kg/ha de P2O5) de establecemento e mantemento, segundo nivel de fertilidade e modo de aproveitamento, para unha produción estimada de 10 t ha e ano de materia seca. estímase unha extracción polas colleitas de 80 kg/ha de P2O5:

ABONADO_PRADEIRAS_CIAM_JUAN_03Fertilización potásica (kg/ha de K2O) de establecemento e mantemento, segundo o nivel de fertilidade e modo de aproveitamento, para unha produción estimada de 10 t por ha e ano de materia seca. estímase unha extracción polas colleitas de 250 kg/ha de K2O:

ABONADO_PRADEIRAS_CIAM_JUAN_04

Nas explotacións de leite fanse, normalmente, dous cortes para ensilar na primavera e un corte de limpeza ou pastoreo no outono. As doses superiores a 100 kg/ha de K2O deben repartirse en dúas ou tres veces. Unha dose moi alta á saída do inverno fai que a concentración do potasio das gramíneas sexa moi alta, o que dá lugar ao que se denomina “consumo de luxo”, sen repercusión no nivel de produción. Como consecuencia pode haber escaseza de potasio no solo nos cortes seguintes, o que afecta negativamente ao desenvolvemento dos trevos, que compiten moi mal coa gramínea nunha situación de escaseza de potasio.

Con máis de 3 vacas por hectárea non é preciso mercar abonos de síntese

Nas granxas de vacún de leite o reciclado dos nutrientes contidos no xurro e esterco sería suficiente para satisfacer as necesidades en fertilizantes fosfatados e potásicos dos cultivos forraxeiros a partir dunha carga gandeira superior a 2,5 vacas/ha e produción de leite por encima de 7.000 litros/vaca/ano.

Se a carga gandeira fose superior a tres vacas/ha tampouco sería necesario utilizar fertilizantes nitroxenados de sínteses. Curiosamente, o valor do reciclado de nutrientes ignorouse bastante nos últimos anos. Como consecuencia, bastantes explotacións de vacún de leite teñen neste momento un exceso de nitróxeno, de fósforo e de potasio no seu ciclo de nutrientes, ao non ter en conta o valor fertilizante do xurro e do esterco.

Nas análises de solo de parcelas de explotacións de vacún de leite galegas detéctanse, na maioría dos casos, altos niveis de fósforo e potasio, o que indica unha acumulación excesiva de nutrientes e un gasto innecesario na compra de abonos químicos, co conseguinte risco de contaminación ambiental.

Programa informático de recomendacións de abonado con xurro (RAX) para cultivos forraxeiros

Froito da colaboración entre o CIAM e a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, desenvolveuse un programa informático (RAX) que permite calcular a recomendación de abonado do millo e das pradeiras baseándose no uso do xurro como fertilizante principal, e o abono químico como complemento, só no caso de que o abono orgánico non fora suficiente.

O programa permite introducir tanto os datos das análises de solo, coma as do xurro, tendo en conta para o caso en que non se dispoña da análise do xurro, este pode calcularse a partir da súa densidade, se se coñece. No caso de que tampouco se dispoña do valor da densidade pódese optar por utilizar o valor medio da táboa 9.

O programa tamén permite almacenar na base de datos as recomendacións de anos pasados, para axustalas se fora necesario, mediante gráficos de evolución da fertilidade do solo de cada parcela.

Actualmente están dispoñibles as seguintes versións do programa: 1) Millo forraxeiro, 2) Fertilización anual de pradeiras, e 3) Fertilización de establecemento de pradeiras. A estes programas, de uso público, pódese acceder a través da páxina www.ciam.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información