Recomendacións básicas para a poda do viñedo

Estamos no mes da poda no viñedo. Francisco Rego Martínez, técnico xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e con máis de 40 anos de experiencia no sector, ofrece unhas recomendacións básicas para realizala

Publicidade
Recomendacións básicas para a poda do viñedo

Viñedo podado na Evega.

¿Cando podar?

A poda invernal debería comezarse a partires da caída das follas, ou polo menos cando están amarelas, a punto de cair, ou sexa xa inactivas). Podas coa folla aínda verde, en actividade, son negativas para a videira. Podar tan cedo co pretexto de debilitar unha planta vigorosa de máis , ten a súa razón, pero á larga ese problema deberá ter outro tipo de solución.

Podar en xaneiro e febreiro parece o máis axeitado, contando con que a actividade da videira cambia segundo veñan os invernos e tamén segundo que zonas. Podar habendo choros non debería ter demasiado problema, porque o líquido que mana dos cortes é esencialmente auga.

As podas do tarde, avanzando marzo, cando as puntas das vides e das netas comezan a agromar, teñen un efecto retardador da entrada en vexetación, interesante nas localizacións onde os riscos de xeadas de primavera son maiores. Sen negar un certo efecto debilitante, neste caso o risco que se tenta evitar faino xustificable.

Medidas para evitar a transmisión de enfermidades durante a poda:

Poda significa ferida, ferida que fica aberta á contaminación aérea en canto non seca o corte. Por tanto, na medida do posible deberán evitarse grandes cortes, que son a vía de entrada de enfermidades.

Moito se ten discutido sobre as hipóteses de transmisión de enfermidades polas tesoiras de poda, non existindo un total acordo entre os investigadores sobre a súa relevancia. Ante a dúbida, pouco custa desinfectalas entre planta e planta, e deixar para o final as videiras con síntomas de enfermidades da madeira e as sospeitosas de telas.

 “O principal: evitar grandes cortes, podar polo medio do entrenó, tesoiras afiadas e desinfectadas”

En fin, tesoiras moi ben afiadas que dean cortes limpos para que esvare mellor a auga das choivas e dos orballos. Podar polo medio do entrenó ou polo diafragma do nó seguinte. Unha poda ben feita, comezando pola formación, e a ser posible realizada sempre polo mesmo viticultor ou como mínimo seguindo un criterio, vai contribuír á lonxevidade da planta.

O alcohol é un bon desinfectante para as tesoiras, ao igual que a lixivia.

A norma básica da poda

Polo demais, os cálculos de poda son bastante sinxelos. Un viticultor que lle vai facer a poda invernal a unha determinada cepa, antes de comezar a cortar deberá establecer unha relación que imos materializar cun exemplo:

Se a videira en cuestión presenta 7 sarmentos cun desenvolvemento normal para a caste de que se trate, podará de xeito tal que fiquen 7 xemas. Se a mesma cepa tivese 20 sarmentos tería que deixar 20 xemas. Nos dous casos estaría a podar correctamente.

Outro asunto ben diferente sería lidar a posteriori coa vexetación emitida en cadanseu caso.

A norma de contar os sarmentos dunha videira para deixarlle ao podar un número igual de xemas é correcta, pero engorrosa, principalmente en formacións complexas como por exemplo as parras.

“Se hai exceso de vigor, podar máis longo. Do contrario, podar máis curto deixando menos xemas”

Na práctica, un viticultor experimentado observa a golpe de vista as podas que se tiñan deixado no ano anterior e o aspecto dos sarmentos que saíron. Se aprecia un vigor normal, as podas novas serán de lonxitudes idénticas ás do inverno anterior. Ante un exceso de vigor, deberá podar un chisco máis longo. Por contra, se houber algún decaemento, podará máis curto.

A poda anual de inverno é imprescindible, pero non ten a potestade de determinar ela soa os comportamentos en todo o resto do ciclo vexetativo. É evidente que nunha viña de vigor moderado e cun deseño ben feito, a poda invernal vai incidir moito máis que noutra chea de vizo.

Na primeira todas os traballos de enrame, esladroado, despunta, esfolla, etc, van ser doados, por estar a tratar con plantas en equilibrio. Na segunda, por moi ben calculada que fose a poda, esta non vai resolver o lío que supón a emisión dun exceso de pámpanos cheos de vizo, medran moito é rápido, e antes de que campaneen sobre o último arame para ambas as bandas do espalier faise preciso despuntalos.

Consecuencia disto é que o vigor interrompido provocará que rebenten netas por toda partes, tupindo aínda máis a parede foliar.

Así, o éxito da poda invernal vai condicionado a que a posterior agromada sexa razoablemente moderada de vigor.

Que facer se unha videira ten pouco ou moito vigor?

Cando aparecen desequilibrios o asunto cambia. Se unha determinada videira manifesta un vigor excesivo o que compre é deixar un maior número de xemas en relación á poda do inverno anterior.

Pola contra se a atopásemos debilitada habería que reducir carga para fortalecela. Ante os desequilibrios, sen prexuízo da realización mediante a poda das pertinentes correccións, é necesario averiguar cales foron as súas causas para aplicar, se for necesario, outras medidas complementares.

A poda contribúe, mediante a regulación da carga, á homoxeneidade produtiva ano tras ano. É verdade que unha poda ben realizada vai axudar moito a que isto aconteza. Mais non ao cen por cen, porque as climatoloxías das campañas varían e sempre vai haber certas diferenzas entre as vendimas, tanto cuantitativas como cualitativas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información