O punto crioscópico é un parámetro que se analiza para medir a cantidade de auga que ten o leite. Trátase dun valor negativo, de xeito que, se sube a presenza de auga no leite os gandeiros son penalizados pola industria láctea que lles merca o produto, penalización que se traduce nunha reducción no prezo final a percibir en concepto de primas de calidade.
A maioría de empresas poñen o punto de corte do punto crioscópico en -520, mentres que outras téñeno en -517, de maneira que as granxas que non superen eses niveis son penalizadas.
Ata o ano 2012, o LIGAL era o encargado de establecer, en función dos valores das mostras, a porcentaxe de auga engadida. Sen embargo, a partir do ano 2012, cada industria comezou a establecer parámetros diferentes, incluíndo ademais o punto crioscópico como un novo criterio de calidade no marco do que se coñece como “dobre A”.
Trátase dun punto de litixio recorrente entre gandeiros e industrias lácteas que segundo os primeiros é empregado pola industria para baixarlles o prezo do leite de forma arbitraria.
O punto crioscópico é un parámetro que varía considerablemente entre explotacións, con valores normais que oscilan entre os -517/18 e os -530 miligrados. Esta variabilidade débese a múltiples factores, entre os que destaca a xenética ou a alimentación. Ademais, cómpre subliñar que este parámetro experimenta variacións significativas ao longo do ano, especialmente nos meses de maior temperatura. Os valores medios recollidos polo LIGAL mostran un incremento de 4 miligrados nos meses de verán respecto dos meses con valores máis baixos, cunha tendencia a unha variación maior, consecuencia tamén de días con temperaturas esaxeradamente altas.
Por todo isto, dende Unións Agrarias defenden que “o punto crioscópico non debe ser empregado como un parámetro de calidade, xa que está influído por factores que o gandeiro non pode controlar” e que por tanto débese contemplar así nos próximos contratos que se asinen.
Ademais, coa experiencia acumulada, dende a organización agraria defenden que “non deberiamos establecer valores xenéricos, como se fai actualmente, senón apostar por puntos crioscópicos específicos para cada explotación, que, ademais, varían ao longo do ano”.
“Estase a facer un uso indebido deste parámetro por parte das industrias. Por unha banda, están reducindo os niveis -pasando de -512 a -519- para determinar a presenza de auga engadida no leite, o que vai en contra das evidencias científicas e das prácticas doutros países. Estes, baseándose nas mesmas evidencias, aumentaron o nivel para considerar un positivo por auga engadida”, explica Óscar Pose, responsable do sector lácteo en Unións Agrarias. Valla como exemplo que en Francia o punto crioscópico está en -506 e en Holanda en -510.
Por outra banda, advirten de que “as industrias intentan confundir a calidade coa presenza de auga engadida, incluíndo en primas adicionais, comunmente denominadas como “Dobre A”, niveis aínda máis restritivos do punto crioscópico”. “Isto ten menos sentido ca o anterior, pois ou se engade auga ou non, pero a variación do punto crioscópico dentro dun rango non implica nin máis nin menos calidade do leite. O que si implica é un sistema utilizado polas industrias para evitar pagar esta prima a moitas explotacións, obtendo así un lucro indebido” conclúe o representante de Unións Agrarias.
Por todo isto, e dentro da campaña “Prezo Xusto Xa! O leite galego é de primeira. Os prezos e os contratos de terceira” , que ven de iniciar a organización agraria, reclámase “non usar o punto crioscópico como ferramenta de desconto inxustificada ós produtores usando unicamente criterios técnicos acordados cos produtores”.
O punto crioscópico establecido pola industria en Galicia e noutros países: